Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 23 de novembro de 2000 Páx. 15.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 9 de novembro de 2000 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Instituto Feiral de A Coruña (Ifeco).

Visto o expediente de clasificación da Fundación Instituto Feiral de A Coruña (Ifeco), con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 5 de agosto de 1998, ante o notario Pablo Valencia Ces, co número dous mil seiscentos trinta do seu protocolo, por Antonio Couceiro Méndez, Francisco Vázquez Vázquez, Augusto César Lendoiro, José Antonio Quiroga Piñeiro e José Freire Vázquez; interveñen Antonio Couceiro Méndez en nome e representación da Xunta de Galicia, Francisco Vázquez Vázquez en representación do Concello da Coruña, Augusto César Lendoiro en representación da Deputación Provincial da Coruña, José Antonio Quiroga Piñeiro en representación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación da Coruña e José Freire Vázquez en representación da Confederación de Empresarios da Coruña. Esta escritura foi emendada por outra posterior outorgada na Coruña o día 18 de xullo de 2000, ante o mesmo notario e co número de protocolo dous mil.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é destinar e afecta-lo seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego, no ámbito sectorial e territorial ó que a súa denominación e fins se contraen. En xeral, son fins desta fundación a promoción de actividades comerciais, industriais, sociais, educacionais e calquera outra que teña por obxecto a promoción e o desenvolvemento destes sectores en Galicia, o nivel profesional de tódolos sectores da actividade económica, contribuíndo con isto á elevación do nivel de vida do medio urbano e rural.

4. O padroado da fundación estará composto por Antonio Couceiro Méndez como presidente, Gonzalo Ortiz Amor como secretario e Jorge J. Rodríguez Vázquez-Molezún, José Luis Torres Colomer, Antonio Gómez Vázquez, Javier Losada Azpiazu, Salvador Fernández Moreda, José Freire Vázquez, Antonio Fontenla Ramil e José A. Quiroga y Piñeyro como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódolas consellerías elevoulle ó conselleiro da

Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación Instituto Feiral de A Coruña (Ifeco), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correpóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o proctectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día sete de novembro de dous mil.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación Instituto Feiral de A Coruña (Ifeco) e adscribila á Consellería de Industria e Comercio, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública