Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 21 de novembro de 2000 Páx. 15.498

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de outubro de 2000 pola que se modifica a do 27 de xaneiro de 1998 pola que se regula a obtención do título de graduado escolar mediante a realización de probas extraordinarias.

Pola Orde do 27 de xaneiro de 1998 regúlase a obtención do título de graduado escolar mediante a realización das probas extraordinarias.

Tendo en conta que, na actualidade, existen alumnos e alumnas con máis de 16 anos que se encontran desescolarizados sen unha titulación básica, sen poderen continuar estudios en centros ordinarios e que desexan obte-lo título de graduado escolar como titulación básica que lles permita incorporarse ó mundo laboral, é necesario modifica-la Orde do 27 de xaneiro de 1998 pola que se regula a obtención do título de graduado escolar. Por tanto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.- Modifica-lo artigo 2 número 1º da citada orde, na páxina 2.149 (DOG nº 43, do 4 de marzo de 1998), quedando redactado como segue: «Mentres se sigan convocando as probas extraordinarias de graduado escolar, ata o remate do curso 2001/2002, e co fin de facilita-la superación das referidas probas extraordinarias establecidas na Orde do 27 de xaneiro de 1998, os centros autorizados para impartir ensinanzas de persoas adultas poderán imparti-las ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado escolar mediante proba, tanto pola modalidade presencial como a distancia, seguindo os procedementos da avaliación establecidos para estas ensinanzas».

Segundo.- Modifica-lo artigo 3 da citada orde, na páxina 2.150 (DOG nº 43, do 4 de marzo de 1998), nos seguintes termos: «Poderán acceder á realización das probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar as persoas que cumpran ou teñan cumprido os 16 anos de idade no ano natural anterior ó que estas se celebren e non estiveran escolarizados na educación secundaria obrigatoria no ano en que se realizan as probas».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria