Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 20 de novembro de 2000 Páx. 15.460

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 8 de novembro de 2000 sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola.

O Regulamento (CE) nº 1493/1999 do Consello, do 17 de maio, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, dicta no capítulo II do seu título V as normas relativas á designación e, en particular, a utilización de indicacións xeográficas.

No artigo 51 do regulamento citado establécense as condicións ás que poden supedita-los estados membros a utilización do nome dunha indicación xeográfica para designar un viño de mesa, e define o que se entende por nome dunha unidade xeográfica menor que o Estado membro, para os efectos da súa aplicación.

No anexo VII deste regulamento determínase, a súa alínea A.2.b), que poderá utilizarse na designación dun viño de mesa con indicación xeográfica a mención viño da terra acompañado do nome da unidade xeográfica; e, nese caso, non será obrigatoria a denominación viño de mesa.

A orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 11 de decembro de 1986 estableceu as regras de utilización de nomes xeográficos e da mención viño da terra na designación dos viños de mesa, en desenvolvemento da normativa comunitaria en vigor naquel momento. Esta orde, que actualmente hai que entender referida ó devandito R(CE) 1493/1999, fixou nos respectivos anexos, que periodicamente foron actualizados, as demarcacións xeográficas afectadas, así como as características que deben reuni-los viños procedentes destas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30, atribúe á nosa Comunidade Autónoma competencia exclusiva nas materias de fomento e planificación da actividade económica e de agricultura e gandería, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado.

Así mesmo, a disposición adicional única da citada Orde do 11 de decembro de 1986 autoriza as comunidades autónomas a introduciren, no exercicio das súas competencias, modificacións nos seus anexos, que deberán ser comunicadas ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para os efectos da súa actualización e do cumprimento do previsto na normativa comunitaria.

Por todo o anterior

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Recoñecemento da denominación Viño da Terra de Betanzos.

De acordo co establecido no artigo 51 do Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola (DOCE L179 do 14-7-1999) e co previsto na orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 11 de decembro de 1986 (BOE nº 306, do 23 de decembro), pola que se establecen as regras de utilización de nomes xeográficos e da mención viño da terra na designación dos viños de mesa, recoñécese a denominación Viño da Terra de Betanzos.

Poderán acollerse a esta denominación os viños de mesa producidos, elaborados e embotellados den

tro da área xeográfica que se determina no artigo 2º que, cumprindo na súa producción e elaboración tódolos requisitos que se determinan nesta orde e na lexislación vixente, reúnan as características que nesta se establecen.

Artigo 2º.-Área de producción.

A área de producción que se pode acoller á denominación Viño da Terra de Betanzos está constituída polos terreos aptos para a producción de uva das variedades que se indican no artigo 3º pertencentes á comarca vitivinícola de Betanzos, definida na Orde do 11 de decembro de 1986, e que se compón dos concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós e Paderne.

Artigo 3º.-Variedades de uva.

1. Para podérense acoller á denominación Viño da Terra de Betanzos, os caldos terán que ser elaborados cun mínimo do 60% de uvas das seguintes variedades consideradas como recomendadas:

a) Brancas: godello.

b) Tintas: mencía, brancellao e merenzao.

2. A porcentaxe restante será necesariamente de uva das seguintes variedades, consideradas como autorizadas:

a) Brancas: palomino.

b) Tintas: gran negro e garnacha tintureira.

Artigo 4º.-Da producción.

1. As replantacións, substitucións ou novas plantacións requirirán para a súa autorización, ademais do cumprimento da lexislación vixente, seren realizadas coas variedades relacionadas no número 1 do artigo anterior e enxertadas sobre patrón axeitado. Non se permitirá a mestura nunha mesma parcela de variedades tintas e brancas.

2. As prácticas de cultivo serán as tradicionais que se veñan realizando na zona, e tenderán a consegui-la mellor calidade. En todo caso deberanse cumpri-los seguintes requisitos:

-A densidade de plantación estará entre 1.000 e 4.000 cepas por hectárea.

-A poda farase en cordón simple ou dobre Guyot, dobre cordón Royat ou outros sistemas dos que se teñan comprobado óptimos resultados.

-O número máximo de gromos por hectárea será de 75.000 para as variedades recomendadas e de 60.000 para as autorizadas.

3. As produccións máximas admitidas por hectárea serán as seguintes:

-10.000 kg por hectárea para as variedades tintas recomendadas.

-11.000 kg por hectárea para as variedades brancas recomendadas.

-11.500 kg por hectárea para o resto das variedades.

Artigo 5º.-Da elaboración.

1. As técnicas empregadas na manipulación da uva, do mosto e do viño, tenderán a obter productos de máxima calidade, mantendo as características tradicionais dos viños brancos e tintos da comarca de Betanzos.

2. Na producción do mosto seguiranse as prácticas tradicionais, aplicadas cunha moderna tecnoloxía, orientada á mellora da calidade do producto final. Aplicaranse presións axeitadas para a extracción do mosto, de maneira que o rendemento non sexa superior a 65 litros de mosto por cada 100 kg de uva.

3. Os Viños da Terra de Betanzos elaboraranse exclusivamente con uvas brancas ou tintas das variedades que se especifican no artigo 3º, tendo que utilizarse, como mínimo, un 60% das variedades consideradas recomendadas.

Poderanse elaborar viños monovarietais das variedades recomendadas. Neste caso, polo menos o 85% da uva ten que proceder desa variedade.

4. Nas adegas elaboradoras e/ou embotelladoras de Viño da Terra de Betanzos unicamente se elaborarán e embotellarán viños de mesa producidos a partir de uvas procedentes da comarca vitivinícola de Betanzos.

Artigo 6º.-Características dos viños.

1. O grao alcohólico volumétrico natural mínimo será para os monovarietais 11% vol., e 10% vol. para o resto.

2. A acidez total mínima dos viños dispostos para o consumo, expresada en gr/l de ácido tartárico, será 5,0 gr/l para os viños monovarietais e 4,5 gr/l para o resto.

3. A acidez volátil, expresada en gr/l de ácido acético, dos viños dispostos para o consumo non será superior a 0,65 gr/l para os viños que se comercialicen no primeiro ano seguinte ó da colleita. Para os viños procedentes doutras colleitas será de aplicación o disposto na normativa xeral vixente.

4. Os contidos máximos en anhídrido sulfuroso total nos viños dispostos para o consumo serán 125 mg/l para os viños monovarietais, e 165 mg/l para o resto.

Para os viños obtidos en campañas de condicións climatolóxicas desfavorables poderá ser autorizada a elevación dos límites citados nunha cantidade que non excederá de 40 mg/l adicionais.

5. Os viños brancos e tintos pertencentes á denominación Viño da Terra de Betanzos deberán presenta-las calidades organolépticas e enolóxicas propias da comarca, especialmente canto á cor, limpeza e aromas.

Artigo 7º.-Rexistros.

Para que un viño producido na comarca de Betanzos poida acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos, ademais de cumprir cos demais requi

sitos establecidos nesta orde, deberá ser elaborado con uvas procedentes de viñas legalmente rexistrados no Servicio de Producción Vexetal da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Coruña; e a adega na que se elabore ten que estar inscrita no Rexistro de Industrias Agrarias da citada delegación provincial, sen prexuízo doutros rexistros que a normativa xeral poida esixir.

Artigo 8º.-Control.

O control do cumprimento das normas establecidas nesta orde para os viños que queiran optar á denominación Viño da Terra de Betanzos será realizado pola inspección de defensa contra fraudes e calidade agroalimentaria dos Servicios de Industrias e Comercialización Agroalimentaria, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 9º.-Infraccións e sancións.

Tódalas actuacións que sexa preciso desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas desta orde; ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcohois, e ó seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; ó Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, en canto lles sexa de aplicación; á vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común; ó Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e a cantas disposicións xerais sobre a materia estean vixentes no seu momento.

Disposición adicional

En virtude do disposto na disposición adicional da Orde do 11 de decembro de 1986, notificaranse ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación as modificacións introducidas nos anexos da devandita orde, para os efectos da súa actualización e do cumprimento do disposto na normativa comunitaria.

Disposición derradeira

Primera.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde e da Orde do 15 de xullo de 1987 (DOG 160, do 21 de agosto), sobre as condicións que terán que cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra Val do Miño-Ourense os caldos elaborados nesa comarca; en particular no relativo ós requisitos sobre a indicación de procedencia, a contabilidade vitivinícola das empresas elaboradoras, a etiquetaxe, e cantos outros aspectos sexan necesarios para a mellor aplicación do contido nas ordes de recoñecemento de ámbalas dúas denominacións de Viños da Terra.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria