Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 10 de novembro de 2000 Páx. 15.115

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 265/2000, do 26 de outubro, polo que se modifica o Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, relativo ó canon de saneamento.

A Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, establece na súa disposición adicional oitava unha nova exención aplicable ó canon de saneamento creado pola Lei 8/1993, e referente ós usos domésticos nos núcleos de poboación que non dispoñan de rede de sumidoiros, mentres esta non entre en funcionamento. Así mesmo, tamén se establece unha deducción sobre o mesmo tributo para os usos domésticos de auga das familias numerosas.

A mesma Lei 7/1999, dispón que as devanditas exencións e deduccións só producirán efecto a partir da entrada en vigor da norma regulamentaria na que se establezan os requisitos e procedementos para a súa aplicación.

O fundamento do presente decreto é, pois, o desenvolvemento do devandito mandato legal a través das oportunas modificacións do vixente Regulamento do canon de saneamento, aprobado polo Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, coa finalidade de facer efectivas as ditas deduccións e exencións.

Por todo iso, de conformidade coa habilitación legal contida na disposición derradeira segunda da Lei 8/1993, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día vinteseis de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Engádese un novo epígrafe 7 ó artigo 4º e un novo artigo 13º bis ó vixente texto do Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, relativo ó canon de saneamento, co redactado seguinte:

Artigo 4º.

...

7. Estarán exentos do canon de saneamento os usos domésticos da auga nos núcleos de poboación que non dispoñan de rede de sumidoiros, mentres esta non entre en funcionamento, nos termos seguintes:

a) Enténdese por:

Rede de sumidoiros: conxunto das conduccións de augas residuais en baixa dun núcleo de poboación, que transcorre dende os puntos de conexión dos seus inmobles ata a acometida na rede de colectores.

Núcleo de poboación: todos aqueles incluídos nas aglomeracións definidas no artigo 35 da Lei 8/1993 e detallados na correspondente orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

b) As postas en funcionamento de redes de sumidoiros nos núcleos de poboación a que se refire o epígrafe primeiro deberán ser comunicadas polo concello correspondente ó organismo autónomo Augas de Galicia nos quince días seguintes a que se produza tal circunstancia. Nestes supostos, Augas de Galicia comunicará ás correspondentes entidades subministradoras a data de inicio da facturación do canon. O canon de saneamento facturarase ou liquidarase, segundo os casos, a partir do período de facturación ou liquidación respectivo seguinte.

c) Ós suxeitos pasivos contribuíntes con subministración de auga efectuada por unha entidade subministradora en núcleos de poboación que non dispoñan de rede de sumidoiros, ou que dispoñendo non se atope en funcionamento, as devanditas entidades subministradoras de auga non lles facturarán o canon de saneamento por usos domésticos; tampouco procederá Augas de Galicia a practicar liquidación polo canon de saneamento por usos domésticos no caso de titulares ou usuarios de fontes propias nos mesmos casos.

Artigo 13º bis.-Deducción do canon de saneamento para usos domésticos da auga de familias numerosas.

1. As familias numerosas que acrediten formalmente tal condición de acordo coa normativa de aplicación na materia gozarán dunha deducción do cincuenta por cento da cota tributaria do canon de saneamento correspondente ós usos domésticos da auga.

2. Enténdese por familia numerosa a que reúna as condicións establecidas pola normativa vixente.

3. O titular da póliza de subministración de auga, ou titular ou usuario de fontes propias, que tribute por canon de saneamento, terá dereito á deducción da cota á que se refire o punto primeiro, logo de solicitude dirixida ó presidente de Augas de Galicia, e acompañada da documentación seguinte:

a) Documento nacional de identidade do solicitante, quen deberá coincidir co titular da póliza de subministración de auga, ou co titular ou usuario das fontes propias.

b) Certificado de empadroamento.

c) Última factura da auga expedida pola entidade subministradora, no caso de estar abastecido por ela.

d) Carné de familia numerosa ou título acreditativo, expedido pola Administración competente.

4. Os servicios competentes de Augas de Galicia poderán realiza-la compulsa da devandita documentación cando o solicitante presente ó mesmo tempo os orixinais e as fotocopias correspondentes.

5. A deducción entenderase concedida se transcorren dous meses desde a presentación da solicitude sen dictarse resolución expresa. A concesión da deducción, en virtude de resolución expresa ou por silencio, será comunicada por Augas de Galicia no prazo de 10 días ás correspondentes entidades subministradoras, que a practicarán no seguinte período de facturación, tendo en conta a data da solicitude da deducción, a partir da que esta será efectiva. Naquela comunicación deberán explicitarse, de se-lo caso, as correspondentes operacións de regularización. No caso de aproveitamentos de fontes propias, a deducción practicarase no seguinte trimestre natural.

6. No caso de non resultar acreditadas as circunstancias que dan dereito á deducción, Augas de Galicia, logo de audiencia do interesado, dictará, no prazo de dous meses, a oportuna resolución denegándoa.

7. Calquera modificación das circunstancias que deron lugar ó aproveitamento da deducción deberá ser comunicada polo interesado ó organismo autónomo Augas de Galicia no prazo de quince días desde que aquela tivese lugar. A perda do dereito a deducción será efectiva a partir do período seguinte de recibo ou de liquidación, segundo proceda, ó que a devandita modificación teña lugar.

8. No caso de que se produzan facturacións do canon que non conteñan a deducción, téndose acreditado o dereito a ela, os interesados poderán reclama-la devolución dos correspondentes ingresos indebidos, de acordo co procedemento establecido na normativa tributaria de aplicación xeral.

Disposición adicional

Única.-O inicio da non facturación do canon de saneamento por parte das entidades subministrado

ras a que se refire o artigo 4.7º c) terá lugar a partir do período de facturación seguinte á entrada en vigor do presente decreto, logo da oportuna comunicación neste sentido por parte de Augas de Galicia; o cesamento de liquidacións por parte de Augas de Galicia previsto no mesmo precepto terá lugar a partir do trimestre natural seguinte á entrada en vigor do presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas normas sexan necesarias para a aplicación deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda