Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 09 de novembro de 2000 Páx. 15.075

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 3 de novembro de 2000 pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira para o período 2000/2001.

O sector leiteiro segue a estar sometido a fortes tensións producidas polo crecente incremento da competitividade debido, por unha parte, á paulatina liberalización do mercado mundial, como consecuencia dos acordos da Organización Mundial de Comercio (OMC) e, por outra, ás perspectivas, cada vez máis próximas, dunha Unión Europea ampliada á Europa do Leste.

Por iso cómpre efectuar un esforzo de acomodación deste sector productivo, eliminando as súas deficiencias estructurais e favorecendo a incorporación dos productores novos ás explotacións leiteiras.

Nesta perspectiva e no marco da normativa comunitaria que resulta de aplicación, basicamente os regulamentos 3950/1992, do Consello, que establece unha taxa suplementaria no sector do leite e os productos lácteos, así como o 536/1993, da Comisión, no que se recollen as disposicións de aplicación do anterior, o Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, configura unha serie de medidas tendentes á mordernización e mellora da competitividade no sector lácteo, en uso das atribucións que, con base no principio de subsidiariedade, os estados membros poden adoptar en relación coas medidas estructurais

na agricultura. Neste real decreto establécense, entre outras medidas, no seu capítulo 3º, artigos 4 a 11, programas de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira, facultando na súa disposición derradeira primeira ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a aprobación dos programas nacionais de abandono.

Neste sentido, a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) do 26 de setembro de 2000, establece as características básicas do novo programa nacional de abandono para o presente exercicio, para unha cantidade máxima de 50.000 toneladas, en relación coa dotación financeira e importe da indemnización, entre outras.

A metade das cantidades de referencia liberadas como consecuencia deste plan de abandono destinaranse ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e, o resto, á reserva nacional, asignándose, posteriormente, ós gandeiros nas condicións establecidas no capítulo IV do devandito real decreto.

O mesmo real decreto dispón tamén, que a tramitación e resolución das solicitudes presentadas polos gandeiros, así como o pagamento das correspondentes indemnizacións, serán efectuadas polos órganos competentes da Administración autonómica respectiva, en función do lugar onde estean situadas as explotacións, polo que, a través da presente orde, cómpre determina-los órganos competentes e o procedemento de tramitación con base no establecido na normativa interna de distribución de competencias.

Tendo en conta a boa acollida que o programa nacional de abandono establecido no período 1999/2000 tivo na Comunidade Autónoma de Galicia e considerando que persiste a necesidade de continuar con estas accións, cómpre pór en marcha para o actual período 2000/2001 un novo plan de abandono voluntario, definitivo e indemnizado de producción leiteira.

Ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que atinxe á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la da execución das medidas de fomento.

De acordo con todo o anterior, na presente orde desenvólvese o citado real decreto en canto á instrumentación do sistema de xestión do programa de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira na campaña 2000/2001.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería

de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria así como a do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

1.1. Pola presente orde establécese o procedemento para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento, na Comunidade Autónoma de Galicia, das indemnizacións recollidas no plan nacional de fomento do abandono voluntario e definitivo da producción leiteira para o período 2000/2001, segundo o disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, e na orde do MAPA do 26 de setembro de 2000.

1.2. O abandono afectará a totalidade da producción leiteira de cada gandeiro productor e a indemnización a cada un deles concederáselle pola cantidade de referencia individual, tanto de entregas a compradores como de venda directa, que tivese asignada a 1 de abril de 2000.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

2.1. De acordo co establecido no artigo 6.1º do precitado real decreto, poderán solicita-la indemnización os productores que desexen abandona-la producción da totalidade da cantidade de referencia que tiveran asignada o 1 de abril de 2000.

2.2. Os gandeiros que recibisen cantidades de referencia suplementaria, procedentes da reserva nacional, poderán solicita-lo abandono da súa producción, aínda que as devanditas cantidades de referencia non serán indemnizadas e reincorporaranse á devandita reserva.

2.3. Os gandeiros que non lles entregasen leite ou productos lácteos a compradores ou que non os vendesen directamente, no período comprendido entre o 1 de abril de 1999 e o 31 de marzo de 2000, non poderán acollerse ó presente plan, agás que tivesen cedidas, temporalmente, as súas cantidades de referencia individuais.

2.4. Os productores titulares de cantidades de referencia ós que se lles conceda esta indemnización por abandono e reúnan as condicións necesarias, poderán acollerse ás axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria.

Artigo 3º.-Solicitudes.

3.1. Os gandeiros interesados que teñan a explotación leiteira situada na Comunidade Autónoma de Galicia, poderán presenta-las solicitudes para se acolleren ós beneficios establecidos na presente orde, nos servicios provincias do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) ou, preferentemente, nas axencias de extensión agraria da comarca respectiva. Así mesmo, poderán presentarse as devanditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.2. As ditas solicitudes, formalizadas no modelo de impreso que se xunta como anexo I á presente

orde, dirixiranse ó director do Ilgga, debendo presentarse antes do 1 de decembro de 2000.

Artigo 4º.-Documentación.

Para acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos, xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) En todo caso:

-Fotocopia cotexada do DNI ou CIF do titular da cota.

-Certificación de entidade financeira na que desexa domicilia-lo aboamento de indemnización, con indicación do código-conta-cliente.

b) No caso de persoas xurídicas, fotocopia do poder acreditativo da representación.

c) No caso de cantidade de referencia para entrega a compradores: certificado das entregas de leite realizadas nas campañas 1999-2000 e 2000-2001, se-

gundo modelo que se xunta como anexo II.

d) No caso de cantidades de referencia para venda directa: declaracións de venda de leite e/ou productos lácteos realizada directamente polo productor, segundo modelo que se xunta como anexo III.

Cando se alegue a existencia de razóns ambientais que poidan obrigar ó peche da explotación, deberase achegar xustificante da Administración competente.

Artigo 5º.-Tramitación, concesión e recursos.

5.1. A tramitación dos expedientes relativos ás indemnizacións que constitúen o obxecto da presente orde, corresponderalles ós servicios provinciais do Ilgga, para o cal comprobarán a documentación e emitirán un informe, conforme o cal os delegados provinciais deste organismo efectuarán a oportuna proposta, que elevarán ó director do instituto para que dicte a correspondente resolución.

5.2. Con base na devandita proposta e logo de xeración do crédito orzamentario pertinente, segundo o disposto no artigo 9º.2 desta orde, o director do Ilgga dictará a correspondente resolución antes do 15 de xaneiro do ano 2001.

5.3. A devandita resolución de concesión notificaráselle ó solicitante, debéndose, así mesmo, comunicar á Dirección Xeral de Gandería do MAPA unha relación dos solicitantes ós que se lles conceda a indemnización por abandono voluntario e definitivo da producción leiteira.

En caso de que o solicitante non recibira a oportuna notificación no prazo establecido no punto 5.2, poderá entender desestimada, por silencio, a súa solicitude.

5.4. Contra as resolucións que, en aplicación da presente orde, dicte o director do Ilgga, poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi-

nistracións públicas e do procedemento administrativo común, modificadas pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Importe da indemnización.

De acordo co establecido no artigo 3 da orde do MAPA, do 26 de setembro de 2000, o importe da indemnización que se concederá ós gandeiros que soliciten acollerse a este programa, en función da súa cantidade de referencia individual de referencia o 1 de abril deste ano, será o seguinte:

-55 pesetas por quilo de leite ou equivalente, cando esta sexa superior a 40.000 quilos, a 1 de abril de 2000.

-66 pesetas por quilo para os restantes productores de leite.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

1. De acordo co establecido no artigo 8 do precitado Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, se a suma dos importes das indemnizacións correspondentes ás solicitudes propostas favorablemente nesta Comunidade Autónoma fose superior á asignación orzamentaria para o presente plan, na concesión das indemnizacións aplicaranse os criterios de prioridade que a seguir se indican, unha vez ordenados, dentro de cada grupo, de menor a maior cantidade de referencia asignada:

1º. Os titulares de explotacións con dificultades específicas para continuar na actividade e, dentro destes:

a) Os que teñan dificultades de adaptación ó cumprimento das esixencias establecidas no Real decreto 1679/1994.

Neste caso, o Ilgga poderá solicitar informe da respectiva axencia de extensión agraria ou dos servicios veterinarios oficiais.

b) Cando existan razóns ambientais que obriguen ó peche da explotación.

2º. Os gandeiros productores de maior idade a partir dos 55 anos.

2. En caso de empate daráselle prioridade ó productor de maior idade.

Artigo 8º.-Pagamento da indemnización.

8.1. Antes do 31 de marzo do ano 2001 os beneficiarios deberán acreditar debidamente o cumprimento do seguinte:

a) Que deixaron de comercializar leite e/ou productos lácteos e a data efectiva da última entrega ou venda directa, de acordo cos modelos que se xuntan como anexos IV e V da presente orde.

b) O destino das vacas productoras de leite afectadas polo abandono, de acordo co modelo que se xunta como anexo VI a esta orde.

8.2. Ademais do anterior, os beneficiarios da indemnización deberán acreditar, no mesmo prazo, que se encontran ó corrente das súas obrigas tri

butarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública autonómica.

8.3. Os documentos xustificativos a que se refiren os dous puntos anteriores presentaranse nas oficinas indicadas no artigo 3º.1 da presente orde.

Os servicios provinciais do Ilgga elevaranlle, a través da respectiva delegación provincial do instituto, un informe á dirección deste sobre os solicitantes das indemnizacións que presentaron a dita documentación xustificativa.

8.4. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos primeiro e segundo, e recibidos os fondos do Ministerio Agricultura, Pesca e Alimentación, no prazo máximo de seis meses, contados desde a notificación da resolución de concesión, a dirección do instituto procederá ó aboamento da indemnización ó productor nun único pagamento.

Artigo 9º.-Financiamento.

9.1. O financiamento da indemnización por abandono á producción leiteira realizarase a través da aplicación orzamentaria 09.50.712A.770, na que existe crédito orzamentario adecuado por importe de 88.644.280 ptas. no orzamento de gastos do Ilgga para 2000.

9.2. A dita cantidade incrementarase coa que lle corresponda a esta Comunidade Autónoma, unha vez determinada a súa porcentaxe de participación na cantidade máxima establecida para todo o Estado no programa de abandono segundo o disposto na orde do MAPA, do 26 de setembro de 2000.

9.3. Mediante convenio de colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación poderanse establecer cantidades adicionais con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma para financiar este programa.

Artigo 10º.-Incumprimento.

En caso de incumprimento, o beneficiario da indemnización deberá reembolsa-lo importe percibido máis os xuros de demora, calculados en función do prazo transcorrido entre o pagamento e o reembolso do importe da indemnización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dictar cantas instruccións considere necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2000.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria