Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 27 de outubro de 2000 Páx. 14.649

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de outubro de 2000 pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de prazas vacantes na Inspección Educativa.

De conformidade coa Orde do 2 de outubro de 2000 (BOE do 4), pola que se establecen normas procedementais aplicables ós concursos de traslados de ámbito nacional para os funcionarios dos corpos a que se refire a Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) que se convoquen durante o curso 2000/2001 e existindo prazas vacantes nas inspeccións de educación debendo facerse a provisión entre funcionarios dos corpos que a continuación se citan, esta consellería dispón convocar concurso de traslados de acordo coas seguintes bases:

Primeira.

Convócase concurso de traslados, de acordo coas especificacións que se citan na presente orde, para a provisión de prazas vacantes entre funcionarios dos corpos de:

-Inspectores ó servicio da Administración educativa.

-Inspectores de educación.

Este concurso rexerase polas seguintes disposicións:

Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo; Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, de participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes; Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; Lei 22/1993, do 29 de decembro; Lei 42/1994, do 30 de decembro; Lei 4/1995, do 23 de marzo; Decreto 315/1964, do 7 de febreiro, modificado pola Lei 4/1990, do 29 de xuño; Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro; Real decreto 2193/1995, do 28 de decembro, modificado polo Real decreto 1573/1996, do 28 de xuño; Lei 4/1988, do 26 de maio; Decreto 135/1993, do 24 de xuño e Orde do 2 de outubro de 2000, (BOE do 4).

Segunda.-Prazas convocadas e determinación destas.

As prazas que se convocan son as vacantes existentes ou que se produzan ata o 31 de decembro de 2000.

A determinación provisoria e a definitiva destas vacantes realizarase nas datas previstas no punto cuarto da Orde do 2 de outubro de 2000 (BOE do 4), e serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Estas vacantes incrementaranse coas que resulten da resolución deste concurso, así como as que orixinase, no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a resolución dos concursos convocados polos departamentos de educación das administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia de educación.

Terceira.-Participación voluntaria.

Poderán participar con carácter voluntario neste concurso:

1. Funcionarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

1.1. Poderán participar voluntariamente ás prazas ofertadas nesta convocatoria, dirixindo a súa instancia á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos indicados na base quinta, os funcionarios que se atopen nalgunha das situacións que se indican a continuación:

A. Os funcionarios que se atopen na situación de servicio activo con destino definitivo en prazas de inspección educativa dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre e cando de conformidade coa disposición adicional décimo quinta da Lei 30/1984, do 2 de agosto, transcorresen á finalización do presente curso escolar, polo menos dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

B. Os funcionarios que se atopen na situación de servicios especiais declarada desde prazas de inspección educativa actualmente dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre e cando de conformidade coa disposición adicional décimo quinta da Lei 30/1984, do 2 de agosto, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, transcorresen á finalización do presente curso escolar, polo menos dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

C. Os funcionarios que se atopen en situación de excedencia voluntaria declarada desde prazas de inspección educativa actualmente dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Se se trata dos supostos de excedencia voluntaria por interese particular ou por agrupación familiar recollidos nas alíneas c) e d) do artigo 29.3º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, na súas redaccións dadas pola Lei 13/1996, do 30 de decembro e pola Lei 22/1993, do 29 de decembro, respectivamente, só poderán participar se ó finaliza-lo presente curso escolar transcorreran dous anos desde que pasaron a esta situación.

D. Os funcionarios que se atopen en situación de suspensión declarada desde prazas de inspección educativa actualmente dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre que ó finaliza-lo presente curso escolar transcorrese o tempo de duración da sanción disciplinaria de suspensión.

Para os efectos previstos neste punto 1.1, entenderase como data de finalización do curso escolar a do 14 de setembro de 2000.

1.2. Os participantes ós que se alude no punto 1 desta base poderán igualmente incluír na súa solicitude prazas correspondentes ás convocatorias realizadas polas restantes administracións educativas nos termos establecidos nel.

2. Funcionarios dependentes doutras administracións educativas.

Poderán solicitar prazas correspondentes a esta convocatoria, os funcionarios dependentes doutras administracións educativas sempre que cumpran os requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Estes funcionarios deberán ter obtido o seu primeiro destino definitivo no ámbito de xestión da Administración educativa desde a que participan.

Estes concursantes deberán dirixi-la súa instancia de participación ó órgano que se determine na convocatoria que realice a Administración educativa da que depende a súa praza de destino.

Cuarta.-Participación forzosa.

1. Funcionarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

1.1. Están obrigados a participar ás prazas anunciadas nesta convocatoria, dirixindo a súa instancia á Consellería de Educación e Ordenación Univer

sitaria, nos termos indicados na base quinta, os funcionarios que se atopen nalgunha das situacións que se indican a continuación:

A. Funcionarios que, procedentes da situación de excedencia ou suspensión de funcións con perda do seu destino definitivo, teñan un destino con carácter provisorio no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con anterioridade á data de publicación desta convocatoria.

No suposto de que non participen no presente concurso ou non soliciten suficiente número de prazas vacantes, adxudicaráselles libremente destino definitivo en prazas situadas na Comunidade Autónoma.

De non adxudicárselles destino definitivo permanecerán en situación de destino provisorio na provincia na que prestasen servicios durante o curso 2001/2002.

B. Os funcionarios que se atopen na situación de excedencia forzosa ou suspensión de funcións con perda da súa praza de destino que cumprida a sanción non obtivesen un reingreso provisorio e que foran declarados nestas situacións desde unha praza dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os funcionarios incluídos no parágrafo anterior, no suposto de non participar no presente concurso ou, se participando, non solicitaran suficiente número de prazas dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cando non obteñan destino definitivo, quedarán na situación de excedencia voluntaria, recollida na alínea c) do artigo 29.3º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, na súa redacción dada pola Lei 13/1996, do 30 de decembro.

C. Os funcionarios que perdesen o seu destino definitivo en cumprimento de sentencia, resolución de recurso ou por se lles suprimir expresamente a praza que desempeñaban con carácter definitivo.

De conformidade coa disposición adicional sexta do Real decreto 2112/1998, do 2 de outubro, estes funcionarios están obrigados a participar nos concursos de traslados ata que obteñan un destino definitivo.

No suposto de que debendo participar non concursen, serán destinados de oficio dentro da Comunidade Autónoma. Os que cumprindo coa obriga de concursar, non obtiveran ningún destino dos solicitados durante seis convocatorias, serán adscritos provisoriamente á provincia na que prestaban servicios no momento de producirse a causa que orixinou a perda do seu destino definitivo.

D. Os funcionarios que con perda da praza que desempeñan con carácter definitivo pasaron a prestar servicios noutros postos da Administración mantendo a súa situación de servicio activo no seu corpo, sempre que cesaran e obtiveran destino provisorio en prazas dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Ós profesores incluídos neste punto que non concursen ou facéndoo non soliciten suficiente número de prazas vacantes adxudicaráselles libremente destino definitivo en prazas da Comunidade Autónoma.

No caso de non obter destino definitivo quedarán en situación de destino provisional na provincia na que prestasen servicios durante o curso 2001/2002.

2. Funcionarios dependentes doutras administracións educativas.

Ningún funcionario dependente doutras administracións educativas está obrigado a participar con carácter forzoso, podendo facelo voluntariamente de conformidade co disposto na base terceira, punto 2).

Quinta.-Forma de participación.

De conformidade co disposto na Orde do 2 de outubro de 2000 (BOE do 4), aínda cando se soliciten prazas de diferentes órganos convocantes, os concursantes presentarán unha única instancia, segundo modelo oficial, que se atopará á disposición dos interesados nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Á instancia de participación deberán xunta-los seguintes documentos:

A. Folla de alegacións e autobaremación dos méritos.

B. Documentación xustificativa para a valoración dos méritos a que se fai referencia no baremo que aparece como anexo VII á Orde do 2 de outubro de 2000.

Soamente se tomarán en consideración aqueles méritos que debidamente xustificados se aleguen durante o prazo de presentación de instancias.

Sexta.

As instancias, orixinal e copia, así como a documentación á que se alude no punto anterior, poderanse presentar nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou en calquera das dependencias ás que alude o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude ante unha oficina de correos, farano en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

Sétima.

No prazo de presentación de solicitudes e documentos será o comprendido entre os días 2 e 18 de novembro, ámbolos dous inclusive.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes non se admitirá ningunha instancia, nin ningunha modificación ás peticións formuladas, nin documentación referida ós méritos achegados, así como tampouco renuncias á participación salvo o establecido na base décimo primeira.

Oitava.

Os concursantes nas instancias de participación solicitarán as prazas por orde de preferencia, consignando os códigos que se correspondan cos que aparecen no anexo I á presente orde e, se é o caso, ós correspondentes anexos ás convocatorias de concurso de traslados dos departamentos de educación doutras administracións educativas convocantes.

En calquera caso, entenderanse solicitadas polos concursantes exactamente a praza ou prazas a que correspondan os códigos consignados nas súas instancias de participación. As peticións que teñan códigos incompletos, inexistentes ou non se correspondan con prazas que poidan ser solicitadas polo participante serán anuladas. Se a totalidade das peticións resultasen anuladas por calquera das circunstancias anteriores, o concursante será excluído da adxudicación de destinos, sen prexuízo dos supostos de asignación de destino de oficio previstos na presente convocatoria.

Novena.

Para a avaliación dos méritos alegados e debidamente xustificados polos concursantes, no que se refire ós puntos 1.3 e 2.1 do baremo de puntuacións anexo VII á Orde do 2 de outubro de 2000, a Dirección Xeral de Persoal designará unha comisión dictaminadora que estará formada polos seguintes membros:

Presidente: o inspector xefe da Inspección Central.

Vocais: catro vocais designados por sorteo entre funcionarios de carreira en activo do corpo de inspectores ó servicio da Administración educativa e do corpo de inspectores de educación.

Actuará como secretario, o vocal de menor antigüidade no corpo, salvo que a comisión acorde determinalo doutra maneira.

Os membros da comisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A asignación da puntuación que corresponde ós concursantes polos restantes puntos do baremo de méritos, será realizada pola Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décima.

Unha vez recibidas as actas da comisión dictaminadora coas puntuacións asignadas ós concursantes e aprobadas as vacantes provisorias, procederase á adxudicación provisional dos destinos que puideran corresponderlles de acordo coas peticións dos concursantes, coas puntuacións obtidas segundo o baremo anexo VII á Orde do 2 de outubro de 2000 e ó disposto nesta orde.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións, estes resolveranse de conformidade co

establecido no punto quinto da Orde do 2 de outubro de 2000.

Décimo primeira.

A adxudicación provisoria dos destinos a que se alude na base anterior farase pública nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os concursantes poderán presentar reclamacións ás resolucións provisionais, a través do órgano no que presentaron a súa instancia de participación, no prazo de cinco días a partir da súa exposición.

Así mesmo, durante este prazo poderán presentar renuncia total á súa participación no concurso, entendendo que esta afecta a tódalas peticións consignadas na súa instancia de participación. Para estes efectos farase constar que o feito de non obter destino na resolución provisional non presupón que non se poida obter destino na resolución definitiva.

As reclamacións ou renuncias presentaranse polos procedementos a que alude a base sexta.

Décimo segunda.

Resoltas as reclamacións e renuncias a que se refire a base anterior, procederase a dicta-la orde pola que se aproba a resolución definitiva deste concurso de traslados. A devandita orde publicarase no Diario Oficial de Galicia. As prazas adxudicadas na devandita resolución son irrenunciables, debendo incorporarse os participantes ás prazas obtidas.

Aínda cando se concorra a prazas de diferentes órganos convocantes soamente poderá obterse un único destino.

Os concursantes que obteñan praza neste concurso virán obrigados, no prazo de dous anos contados a partir do 1 de setembro de 2001 a superar, polo menos, o curso de perfeccionamento en lingua galega, agás que acrediten ter superado o dito curso ou estar en posesión dagunha das súas validacións ou homologacións.

Para tal fin xuntaranlle á súa solicitude a documentación xustificativa correspondente.

Décimo terceira.

Os funcionarios que mediante a convocatoria realizada ó amparo desta orde obtiveran destino definitivo no ámbito de xestión distinto ó do seu posto de orixe, percibirán as súas retribucións de acordo coas normas retributivas correspondente ó ámbito no que obtiveron destino e desempeñarán as funcións de inspección de conformidade coas normas de organización e funcionamento establecidas pola administración educativa na que obteñan o seu destino.

Décimo cuarta.

Os funcionarios excedentes que reingresen ó servicio activo como consecuencia do concurso presentarán ante a delegación provincial da que dependa a praza obtida mediante o concurso de traslados, declaración xurada ou promesa de non estar separado

de ningún corpo ou escala da Administración do Estado, das comunidades autónomas ou da local, en virtude de expediente disciplinario, nin de estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

Décimo quinta.

A toma de posesión nos novos destinos que se obteñan de acordo co disposto na presente orde terá lugar o 1 de setembro de 2001.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Persoal

ANEXO I

Sede da Coruña: 15000001.

Sede de Ferrol: 15000002.

Sede de Santiago de C.: 15000003.

Sede de Lugo: 27000001.

Sede de Ourense: 32000001.

Sede de Pontevedra: 36000001.

Sede de Vigo: 36000002.