Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.559

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 9 de outubro de 2000 polo que se convocan bolsas para a realización de estudios de integración europea en centros universitarios belgas.

A Fundación Galicia-Europa convoca seis bolsas para a realización de estudios de integración europea durante o curso académico 2001-2002 nos seguintes centros:

-Colexio de Europa de Bruxas.

-Instituto de Estudios Europeos da Universidade Libre de Bruxelas.

-Universidade Católica de Lovaina.

Requisitos:

1. Ter realizados estudios universitarios completos de segundo ciclo, cursados en centros universitarios galegos.

Non obstante, poderán optar ás bolsas aqueles candidatos que, atopándose no último ano de carreira, poidan acreditar con anterioridade á aceptación estar en posesión do título que os capacite para isto.

2. Dispor dun bo expediente académico. A súa avaliación será realizada polo centro universitario elixido polo candidato, sen prexuízo da súa consideración pola fundación en caso necesario.

3. Domina-la lingua ou linguas de traballo do centro que escolla o candidato.

4. Ser menor de trinta anos.

5. Posuí-la veciñanza civil galega no momento da publicación deste anuncio.

6. Posuí-la nacionalidade dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

O cumprimento destes requisitos compleméntase coa serie de estipulacións contidas no prego de condicións particulares que se lles entregará ós beneficiarios para efectos da súa aceptación.

Información e presentación de solicitudes: xunto coa solicitude de bolsa, segundo o modelo do anexo I, deberá presentarse currículum vitae, copia do expediente académico e demais documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos e méritos alegados.

As solicitudes deberán presentarse ou remitirse por correo certificado con xustificante de recepción á Fundación Galicia-Europa, rúa dos Feáns, 5-baixo, 15706 Santiago de Compostela. Poderá pedirse información adicional de luns a venres, das 9 ás 14 horas, polos seguintes medios:

-Teléfono: 981 54 10 12.

-Fax: 981 54 10 13.

-Correo electrónico: santiago*fundaciongaliciaeuropa.org.

Data límite de presentación da solicitude das bolsas: a data límite de presentación de solicitudes será o 15 de xaneiro de 2001 para o Colexio de Europa de Bruxas e o 1 de abril de 2001 para o resto dos centros.

Selección: dependendo do centro elixido, o proceso de selección será diferente:

a) Colexio de Europa de Bruxas.

Neste caso, a Fundación Galicia-Europa fará unha preselección entre os solicitantes de acordo cos requisitos esixidos polo centro. As candidaturas seleccionadas serán enviadas pola fundación ó dito colexio, ó que lle corresponderá a selección definitiva.

b) Universidade Libre de Bruxelas e Universidade Católica de Lovaina.

Os candidatos que opten a un destes centros, deberán proceder do seguinte modo:

Será necesario que, de xeito simultáneo, os candidatos soliciten a bolsa á Fundación Galicia-Europa e fagan a preinscrición no centro desexado.

No suposto de aceptación por algún dos centros, os interesados deberán remitirlle á Fundación Galicia-Europa a comunicación positiva.

Se o número de admitidos excedese o de bolsas convocadas, a fundación realizará unha selección entre os candidatos atendendo ós méritos acreditados e de acordo co seguinte baremo:

-Expediente académico: ata 4 puntos.

-Tese de doutoramento sobre temas europeos: ata 3 puntos.

-Másters universitarios ou cursos de doutoramento sobre asuntos de integración europea: ata 1 punto.

-Idiomas: ata 2 puntos.

O procedemento de selección rematará coa resolución de adxudicación das bolsas, distribuídas entre os distintos centros en función das admisións e seleccións efectuadas pola Fundación Galicia-Europa.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2000.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa