Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.557

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 9 de outubro de 2000 polo que se convocan bolsas para a concesión de axudas económicas dirixidas a licenciados universitarios que obteñan ó longo de 2001 unha estadía non remunerada nalgunha das institucións comunitarias.

A Fundación Galicia-Europa convoca catro bolsas para financia-la estadía non remunerada en insti

tucións comunitarias ó longo do ano 2001 de licenciados ou titulados superiores que realizasen os seus estudios nalgunha das universidades galegas.

Requisitos:

1. Posuí-lo compromiso escrito da correspondente institución no que se acepte a solicitude do candidato para a realización dunha estadía non remunerada.

2. Contar cun expediente académico universitario con, alomenos, media de notable.

3. Acredita-lo coñecemento dunha lingua comunitaria de traballo, ademais do castelán e do galego.

4. Ser menor de 30 anos.

5. Posuír veciñanza civil galega no momento da publicación deste anuncio.

6. Posuí-la nacionalidade dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

A Fundación Galicia-Europa efectuará a selección dos peticionarios en función dos méritos acreditados entre aqueles que sexan admitidos polas correspondentes institucións. Entre eses méritos serán de especial consideración a realización en Galicia de estudios universitarios oficiais de posgrao sobre asuntos de integración europea axeitados á realidade galega e doutros equivalentes en centros europeos de referencia.

Duración da bolsa: a duración da bolsa será de ata cinco meses por estadía.

Contía da bolsa: a contía da bolsa será de 35.000 francos belgas por mes (867,63 euros/mes) para aloxamento e manutención. Os gastos de transporte e seguros serán por conta dos candidatos.

Prazo e forma de presentación de solicitudes: o prazo de presentación de solicitudes rematará o día 15 de setembro de 2001.

Xunto coa solicitude da bolsa, segundo o modelo do anexo I, deberá presentarse currículum vitae e copias do expediente académico, e da restante documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos.

As solicitudes deberán presentarse ou dirixirse por correo certificado con xustificante de recepción á Fundación Galicia-Europa, rúa dos Feáns, 5-baixo, 15706 Santiago de Compostela.

Poderá pedirse información adicional de luns a venres, das 9 ás 14 horas, polos seguintes medios:

-Teléfono: 981 54 10 12.

-Fax: 981 54 10 13.

-Correo electrónico: santiago*fundaciongaliciaeuropa.org.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2000.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa