Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.494

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de setembro de 2000 pola que se aproba a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena.

A raza bovina cachena agrupa unha poboación de animais de pequeno tamaño e cornos de grandes proporcións. A súa área de orixe sitúase nas zonas montañosas dos municipios incluídos no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, na provincia de Ourense, e nas estribacións montañosas do homólogo parque nacional portugués de Peneda-Gerés, ocupando terreos pobres, de solo ácido e limitadas posibilidades forraxeiras. É unha raza de gran rusticidade, perfectamente adaptada ó medio no que se desenvolve onde aproveita uns recursos naturais pastables que dificilmente serían aproveitados por outras razas bovinas.

As características de adaptación a un medio hostil, expoñentes da súa rusticidade, que a fan colaboradora do mantemento e control da biomasa vexetal favorecendo a biodiversidade vexetal e o embelecemento do contorno paisaxístico, unidas ás súas peculiares características morfolóxicas, ás calidades maternais das femias cachenas e á calidade organoléptica da carne dos seus tenreiros, fana unha raza merecedora de especial atención e que se debe potenciar.

A nova PAC prevé medidas encamiñadas ó desenvolvemento sostible dos bosques, ó mantemento e fomento de sistemas agrícolas de baixos insumos e á conservación e promoción dunha natureza de alta calidade e dunha agricultura sostible que respecte as esixencias ambientais.

A tendencia dos gandeiros á intensificación das súas explotacións na procura de maiores rendementos fixo que se potencien razas máis especializadas para a producción cárnica, o que puxo en perigo a pureza racial da raza cachena.

O Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, actualizado polo Real decreto 1682/1997, do 7 de novembro, contén a relación das razas autóctonas de protección especial das especies bovina, ovina, caprina, porcina e equina onde se inclúen aquelas razas gandeiras en perigo de extinción, entre elas a raza bovina cachena.

O Real decreto 420/1987, do 20 de febreiro, sobre selección e reproducción de gando bovino de razas puras, adapta a normativa comunitaria en aspectos tales como a inscrición de gando bovino nos libros xenealóxicos e os requisitos que se esixirán para o recoñecemento de asociacións ou agrupacións de criadores de gando bovino, facultando as comunidades autónomas para a organización, desenvolvemento e control das ditas actividades no ámbito das súas respectivas competencias.

O Real decreto 997/1999, do 11 de xuño, sobre fomento das razas autóctonas españolas de protección especial en perigo de extinción, establece as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas polas comunidades autónomas, para a promoción e defensa das razas autóctonas españolas en perigo de extinción, coa finalidade de evita-la súa desaparición.

Dado o interese xenético, social, cultural, ambiental e económico que supón para Galicia a recuperación, conservación e o fomento da raza bovina cachena, resulta procedente establece-la regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena, que figura no anexo da presente orde e que será de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

A partir da data de publicación da presente orde quedarán inscritos nos distintos rexistros, segundo corresponda, do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena, tódolos exemplares existentes inscritos no rexistro provisional da raza que ata o momento levou a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, no Pazo de Fontefiz, Coles, na provincia de Ourense.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o axeitado cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO

Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena

1º Levanza do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena.

Non obstante, cando a Asociación de Criadores de Gando de Raza Bovina Cachena, con recoñecemento oficial, reúna o número de reproductores necesarios e as condicións de infraestructura para a correcta xestión do Libro Xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderalle encomendar á dita asociación que o leve. En todo caso, a inspección e intervención do Libro Xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2º O Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena constará dos seguintes rexistros:

Rexistro Fundacional (RF).

Rexistro Auxiliar (RA).

Rexistro de Nacementos (RN).

Rexistro Definitivo (RD).

Rexistro de Méritos (RM).

Rexistro de Ganderías (RG).

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, así como para o rexistro dunha gandería no correspondente Rexistro de Ganderías, o titular ou representante legal da gandería deberá solicitalo de forma expresa á Oficina do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Cachena en impreso normalizado e aprobado para o efecto pola Comisión Rectora de Libro Xenealóxico.

O paso de animais dun a outro rexistro producirase automaticamente segundo o establecido na presente regulamentación.

Como referendo ós rexistros deste Libro Xenealóxico e para maior garantía da inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que estime pertinentes para aclarar cantos extremos considere necesarios, podendo recorrer, así mesmo, á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

Rexistro Fundacional (RF): neste rexistro estarán inscritos a título inicial os exemplares, machos e femias, sen un ou máis proxenitores rexistrados, que ata o momento da publicación da presente orde formaban parte do rexistro provisional que, para tal efecto, se levaba no Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, no Pazo de Fontefiz, Ourense, e que ademais cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós catorce meses para os machos e vintecatro meses para as femias.

c) Que manifesten un grao de desenvolvemento acorde coa idade.

d) Que respondan ó prototipo racial e na cualificación morfolóxica acaden unha puntuación mínima de 65 puntos as femias e de 70 puntos os machos.

e) Que non manifesten eivas ou defectos que dificulten a función reproductora.

O Rexistro Fundacional pecharase ós seis meses da publicación da presente orde.

Rexistro Auxiliar (RA): neste rexistro inscribiranse aqueles exemplares machos e femias, a excepción dos xa inscritos no Rexistro Fundacional, que non cumpran as condicións para seren inscritos no Rexistro Definitivo e que cumpran as seguintes esixencias.

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós catorce meses para os machos e vintecatro meses para as femias.

c) Que respondan ó prototipo racial.

d) Que manifesten un grao de desenvolvemento acorde coa idade.

e) Que na súa cualificación morfolóxica acaden una puntuación mínima de 65 puntos as femias e de 70 puntos os machos.

f) Que non posúan defectos que dificulten a actividade reproductora.

Os exemplares inscritos neste Rexistro Auxiliar permanecerán nel durante toda a súa vida. O período de inscrición neste rexistro manterase aberto en tanto o considere procedente a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Rexistro de Nacementos (RN): inscribiranse as crías de ámbolos sexos nadas de proxenitores inscritos nos distintos rexistros, sempre que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que a declaración da cubrición ou da inseminación artificial fose remitida á Oficina do Libro Xenealóxico antes de transcorridos seis meses de xestación.

c) Que o nacemento fose comunicado na dita oficina antes de transcorridos dez días post-partum e que a cría fose identificada de acordo coa lexislación vixente.

d) Que non acuse defectos que lle impidan a súa ulterior utilización como reproductor.

e) Que posúa os caracteres étnicos descritos para a raza, en ausencia de defectos de descualificación.

f) Que o control de cubrición das nais ofreza as suficientes garantías, a xuízo da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Os animais inscritos neste rexistro estarán nel ata o seu traslado ó Rexistro Auxiliar ou ó Rexistro Definitivo, segundo corresponda, despois de seren cua

lificados aptos pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Definitivo (RD): poderán inscribirse nel os exemplares, machos e femias, procedentes do Rexistro de Nacementos que teñan alomenos inscritos os seus catro avós, que sexa aprobada a súa inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan unha idade igual ou superior ós catorce meses para os machos e vintecatro meses para as femias.

c) Que obtiveran unha cualificación morfolóxica mínima de 65 puntos as femias e 70 puntos os machos.

d) Que respondan ó prototipo racial.

g) Que teñan un grao de desenvolvemento no momento da cualificación morfolóxica en concordancia coa idade.

h) Que non posúan defectos que dificulten a actividade reproductora.

A permanencia dos exemplares neste rexistro estará condicionada ós resultados que se aprecien no control da súa descendencia; serán dados de baixa no Libro Xenealóxico en caso de influencia desfavorable.

Igualmente causarán baixa tódolos reproductores, machos e femias, e a súa descendencia, cando poidan apreciarse neles condicións hereditarias de baixa fertilidade, fecundidade ou deficientes calidades maternais.

Rexistro de Méritos (RM): inscribiranse neste rexistro aqueles animais procedentes do Rexistro Definitivo que polas súas especiais características xenealóxicas, morfolóxicas e productivas así o merezan e sexa aprobada esta inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico. Este rexistro constará de dúas seccións, femias e machos, e os inscritos poderán ostenta-los seguintes títulos:

Sección femias: accederán a esta sección aquelas reproductoras que acadasen os seguintes niveis selectivos:

a) Que acadaran no momento da súa cualificación morfolóxica para a súa inscrición no Rexistro Definitivo unha puntuación mínima de 80 puntos (máis que bo).

b) Teren acadado un termo medio de tres crías en catro anos consecutivos desde o comezo da súa función reproductora.

c) Teren verificado o primeiro parto antes dos tres anos de idade.

d) Contaren cun mínimo de cinco descendentes inscritos no Rexistro de Nacementos, dos cales dous deberán estar inscritos no Rexistro Definitivo.

Estas femias obterán o título de «vaca de mérito».

Sección machos: accederán a esta sección aqueles machos reproductores que procedan de vaca de mérito e que acadasen os seguintes niveis selectivos:

a) Teren acadado no momento da súa cualificación morfolóxica para a súa inscrición no Rexistro Definitivo unha puntuación mínima de 85 puntos (moi bo).

b) Contaren con vinte descendentes inscritos no Rexistro de Nacementos e deles 10 inscritos no Rexistro Definitivo.

Estes machos obterán o título de «boi de mérito».

Boi mellorante probado: é a máxima distinción que pode concederse a un semental bovino, e outorgarase ós exemplares que superen os niveis de esixencias técnicas previstos nas probas de descendencia que se establezan.

Os animais que acaden o título de «boi mellorante probado» ingresarán directamente, de non o estaren xa, no Rexistro de Méritos.

Rexistro de Ganderías (RG): para o rexistro de animais no Libro Xenealóxico é obriga previa que a gandería á que pertenzan figure inscrita no Rexistro de Ganderías de Criadores da Raza Bovina Cachena. A cada gandería asignaráselle un código identificativo para efectos do Libro Xenealóxico. Este código está composto como segue: os dous primeiros caracteres serán as siglas «CC», identificativas da raza cachena; os tres seguintes caracteres serán numéricos e corresponderán á orde correlativa de inscrición no citado Rexistro de Ganderías de modo que á primeira lle corresponderá o número «001», á segunda o «002» etc.; finalmente, os dous últimos caracteres serán as siglas asignadas pola Oficina do Libro Xenealóxico a cada gandería segundo a súa orde de inscrición no Rexistro de Ganderías, de modo que á primeira gandería lle corresponderán as siglas «AA», á segunda «AB» e así sucesivamente.

3º Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme co establecido na presente regulamentación e como salvagarda das actividades do Libro Xenealóxico e garante da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, coa composición e cometidos seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa en quen delegue.

b) Inspector director técnico: o director do Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, sito no Pazo de Fontefiz, Coles-Ourense.

c) Secretario: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa en quen delegue.

d) Vocais:

-Un técnico cualificador da raza nomeado para o efecto pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-O presidente da Asociación de Criadores de Gando Bovino da Raza Cachena, recoñecida oficialmente pola autoridade competente, ou persoa en quen delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do Libro Xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan no normal funcionamento do Libro Xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do Libro Xenealóxico que se consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos precisos para o correcto funcionamento do réxime interno do Libro Xenealóxico.

4º Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e en todo caso sempre cumprindo a normativa vixente.

5º Prototipo da raza bovina cachena.

O prototipo ó que deben responde-los exemplares da raza bovina cachena para a súa inscrición no Libro Xenealóxico é o que a continuación se detalla:

5.1. Aspecto xeral.

A raza bovina cachena agrupa animais de pequeno tamaño, de perfil recto a subcóncavo, de marcada elipometría, no seu conxunto moi harmónicos e recortados. É unha raza portadora dos tres signos negativos da clasificación baroniana: elipométrica (-), cóncava (-), brevilínea (-).

O peso medio é de 350 kg para as femias e de 550 kg para os machos.

5.2. Caracteres rexionais.

A) Cabeza. Pequena, fronte lixeiramente deprimida e curta de cara, testa con guedella non abundante, cornos en lira alta de grandes proporcións e sección circular, pas de cor ámbar e punta negra. Beizos grosos e fociño engurrado, rodeado de auréola branca. Ollos oblicuos, separados e con mirada moi viva. Mandíbula poderosa.

B) Pescozo. Curto, harmónico e con gran badana (raza ambiental), desenvolto e escuro. Xugueira desenvolta nos machos.

C) Tronco. Redondeado e robusto. Cruz prominente, con liña dorso-lumbar sensiblemente recta. Peito largo de gran capacidade torácica, tórax profundo con costelares ben arqueados, illargas extensas e ventre voluminoso. Cruz dos cadrís ancha lixeiramente derrubada. Rabo de nacemento un pouco adiantado, longo e con borla escura.

D) Extremidades. Coxas e cadrís pouco desenvoltos, extremidades ben proporcionadas e dirixidas, de óso fino e articulacións rectas, cascos negros, pequenos e duros.

E) Sistema mamario. Ubres ben conformados, de volume harmónico co tamaño do animal, tetos ben dirixidos, boa producción leiteira e abundante protección pilosa.

F) Capa. Castaña clara, abelá, máis escura na rexión do pescozo. Testa con guedella pouco poboada, pavillóns auriculares poboados de pelo (pendentes). Nos machos a capa é máis escura. Mucosas nasais e xenitais negras, escroto de cor clara con mancha escura na súa parte distal (cúpula).

G) Alzada. Os rangos de alzada á cruz, á metade do dorso e á cruz dos cadrís son entre 90 e 120 cm, 90 e 115 cm e 100 e 125 cm respectivamente para as femias e entre 100 e 130 cm, 90 e 125 cm e 105 e 135 cm respectivamente para os machos.

5.3. Defectos obxectables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos obxectables os seguintes:

a) Defectos no asentamento das extremidades non moi destacables.

5.4. Defectos descualificables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos descualificables os seguintes:

a) Conformación xeral ou rexional defectuosa en grao acusado.

b) Cornos rudimentarios ou mal orientados.

c) Anomalías nos órganos xenitais, principalmente monorquidia e criptorquidia.

d) Desenvolvemento corporal non acorde coa idade.

6º Cualificación morfolóxica.

A cualificación morfolóxica dos exemplares será efectuada por técnicos validados con tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

A cualificación morfolóxica realizarase mediante apreciación visual e polo método dos puntos; o seu detalle servirá para xulgar comparativamente o valor dun exemplar determinado.

Cada rexión corporal cualificarase asignándolle de 1 a 10 puntos, segundo a seguinte escala:

ClasePuntos

Excelente10

Moi bo9

Máis que bo8

Bo6-7

Suficiente4-5

Insuficiente'4

A adxudicación de menos de catro puntos a calquera das rexións que se valoren será causa para descualifica-lo animal, sexa cal for a puntuación acadada nas restantes.

Os caracteres que se tomarán en consideración son os que a continuación se relacionan, con expresión para cada un deles do coeficiente de ponderación. Os puntos que se asignen a cada un dos ditos aspectos multiplicaranse polo coeficiente correspondente, resultando así a puntuación definitiva.

Caracteres que se cualificaránCoeficiente

Aspecto xeral (desenvolvemento, proporción e peso) 2.00

Pel e pelo (pigmentación)1.50

Cabeza2.00

Tórax e pescozo0.50

Costas0.50

Dorso e lombo1.00

Cruz dos cadrís1.00

Ventre e xenitais0.50

Extremidades e marcha1.00

TOTAL10.00

Obtida deste modo a puntuación final, os exemplares quedarán clasificados segundo as seguintes denominacións:

ClasificaciónPuntos

Excelenteo90

Moi boo85 e '90

Máis que boo80 e '85

Boo75 e '80

Aceptableo70 e '75

Suficienteo65 e '70

Os animais con puntuación inferior a 65 puntos estímanse rexeitados.