Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 24 de outubro de 2000 Páx. 14.395

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de setembro de 2000 pola que se aproba a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega.

A raza ovina galega agrupa unha poboación de animais de pequeno tamaño, de proporcións equilibradas, laúdos e de cor branca, dedicados á producción cárnica. A súa distribución é en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Nas últimas décadas a tendencia dos gandeiros á intensificación das súas explotacións, na procura de maiores rendementos fixo que se potenciasen razas máis especializadas para a producción cárnica, o que puxo en perigo a pureza racial da ovella galega.

As características de adaptación da ovella galega a un medio, en ocasións hostil, expoñentes da súa rusticidade, fana colaboradora do mantemento e control da biomasa vexetal, favorecendo a biodiversidade vexetal e o embelecemento do contorno paisaxístico, o que, unido ás súas peculiares características morfolóxicas, ás calidades maternais e á calidade organoléptica da carne dos seus años, a fan unha raza merecedora de especial atención e que debemos potenciar.

A nova PAC prevé medidas encamiñadas ó desenvolvemento sostible dos bosques, o mantemento e fomento de sistemas agrícolas de baixos insumos e a conservación e promoción dunha natureza de alta calidade e dunha agricultura sostible que respecte as esixencias ambientais.

O Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, actualizado polo Real decreto 1682/1997, do 7 de novembro, contén a relación das razas autóctonas de protección especial das especies bovina, ovina, caprina, porcina e equina onde se inclúen aquelas razas gandeiras en perigo de extinción, entre elas a raza ovina galega.

O Real decreto 286/1991, do 8 de marzo, sobre selección e reproducción de gando ovino e caprino de razas puras, adapta a normativa comunitaria en aspectos tales como a inscrición de gando ovino e caprino nos libros xenealóxicos e os requisitos que se esixirán para o recoñecemento de asociacións ou agrupacións de criadores de gando ovino e caprino, facultando as comunidades autónomas para a organización, desenvolvemento e control das ditas actividades no ámbito das súas respectivas competencias.

O Real decreto 997/1999, do 11 de xuño, sobre fomento das razas autóctonas españolas de protección especial en perigo de extinción, establece as

bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas ás organizacións e asociacións de gandeiros recoñecidas polas comunidades autónomas, para a promoción e defensa das razas autóctonas españolas en perigo de extinción, coa finalidade de evita-la súa desaparición.

Dado o interese xenético, social, cultural, ambiental e económico que supón para Galicia a recuperación, conservación e o fomento da raza ovina galega, así como polas súas especiais características de rusticidade, prolificidade, excelente carácter maternal e a súa calidade cárnica e por constituír un valioso capital xenético, resulta procedente o establecemento da regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega, que figura no anexo desta orde e que será de aplicación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o axeitado cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO

Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega

1º Levanza do Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega.

Non obstante, cando a Asociación de Criadores de Gando de Raza Ovina Galega, con recoñecemento oficial, reúna o número de reproductores necesarios e as condicións de infraestructura para a correcta xestión do Libro Xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá encomendarlle á dita asociación a levanza del. En todo caso, a inspección e intervención do Libro Xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2º O Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega constará dos seguintes rexistros:

Rexistro Auxiliar (RA).

Rexistro de Nacementos (RN).

Rexistro Definitivo (RD).

Rexistro de Mérito (RM).

Rexistro de Ganderías (RG).

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, así como para o rexistro dunha gandería no correspondente Rexistro de Ganderías, o titular ou representante legal dela deberá solicitalo de forma expresa en impreso normalizado e aprobado para o efecto pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, á oficina do Libro Xenealóxico da Raza Ovina Galega.

O paso de animais dun a outro rexistro producirase automaticamente segundo o establecido na presente regulamentación.

Como referendo dos rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía da inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que estime pertinentes para aclarar cantos puntos considere necesarios, podendo, así mesmo, recorrer á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

Rexistro Auxiliar (RA): neste rexistro inscribiranse aqueles exemplares, machos e femias, que non cumpran as condicións para seren inscritos no Rexistro Definitivo, e que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan como mínimo un ano de idade ou que pariran alomenos unha vez.

c) Que manifesten un grao de desenvolvemento acorde coa idade.

d) Que respondan ó prototipo racial e na cualificación morfolóxica acaden un mínimo de 60 puntos as femias e de 70.1 puntos os machos.

e) Que non manifesten eivas ou defectos que dificulten a función reproductora.

Os exemplares inscritos neste Rexistro Auxiliar permanecerán nel durante toda a súa vida. O período de inscrición neste rexistro manterase aberto en tanto o considere procedente a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Rexistro de Nacementos (RN): inscribiranse as crías de ámbolos sexos nadas de proxenitores inscritos nos distintos rexistros, sempre que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que a declaración do calendario de cubricións fose comunicado, debidamente formalizada, á Oficina do Libro Xenealóxico no tempo establecido pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

c) Que a declaración do nacemento fose recibida na Oficina do Libro Xenealóxico, debidamente formalizada, antes dos 65 días posteriores ó nacemento.

d) Que os animais carezan de defectos determinados de descualificación.

Os animais inscritos neste rexistro estarán nel ata o seu traslado ó Rexistro Auxiliar ou ó Rexistro Definitivo, segundo corresponda, despois de seren cualificados como aptos pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Definitivo (RD): poderán inscribirse nel os exemplares, machos e femias, procedentes do Rexistro de Nacementos que teñan alomenos inscritos os seus catro avós nalgún dos rexistros do presente libro xenealóxico, que sexa aprobada a súa inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico e que cumpran as seguintes esixencias:

a) Que pertenzan a unha gandería rexistrada no correspondente Rexistro de Ganderías.

b) Que teñan como mínimo un ano de idade ou que pariran alomenos unha vez.

c) Que obtiveran unha cualificación morfolóxica mínima de 60 puntos as femias e 70.1 puntos os machos.

d) Que teñan un grao de desenvolvemento no momento da cualificación en concordancia coa idade.

e) Que non presenten eivas ou defectos que lles impidan unha normal función reproductora.

A permanencia dos exemplares neste rexistro estará condicionada ós resultados que se aprecien no control da súa descendencia, e serán dados de baixa no libro xenealóxico en caso de influencia desfavorable.

Igualmente causarán baixa tódolos reproductores machos e femias, e a súa descendencia, cando poidan apreciarse neles condicións hereditarias de baixa fertilidade, fecundidade ou deficientes calidades maternais.

Rexistro de Méritos (RM): inscribiranse neste rexistro aqueles animais procedentes do Rexistro Definitivo que polas súas especiais características xenealóxicas, morfolóxicas e productivas así o merezan e sexa aprobada esta inscrición pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico. Este rexistro constará de dúas seccións: femias e machos, e os inscritos poderán ostenta-los seguintes títulos:

Sección femias: accederán a esta sección aquelas reproductoras que acadaran os seguintes niveis selectivos:

a) 80.1 (moi bo) ou máis puntos na súa cualificación morfolóxica.

b) Ter alomenos tres descendentes, con tres machos distintos, inscritos no Rexistro Definitivo, cunha categoría mínima de máis que bo.

Estas femias obterán o título de «ovella de mérito».

Sección machos: destinada a aqueles machos que acaden os seguintes niveis selectivos:

a) 85.1 (superior) ou máis puntos na súa cualificación morfolóxica.

b) Ter alomenos quince descendentes, con alomenos tres femias distintas, inscritos no Rexistro Definitivo cunha categoría mínima de máis que bo.

Estes machos obterán o título de «carneiro de mérito».

Rexistro de Ganderías (RG): para o rexistro de animais no libro xenealóxico é obriga previa que a gandería á que pertenzan figure inscrita no Rexistro de Ganderías de criadores da raza ovina galega. A cada gandería asignaráselle un código identificativo para efectos do libro xenealóxico. Este código está composto como segue: os dous primeiros caracteres serán as siglas OG, procedentes do nome Ovella Galega; os tres seguintes caracteres serán numéricos e corresponderán á orde correlativa de inscrición no citado Rexistro de Ganderías de modo que á primeira corresponderalle o número 001, á segunda o 002, etc.; finalmente, os dous últimos caracteres serán as siglas asinadas pola Oficina do Libro Xenealóxico a cada gandería segundo a súa orde de inscrición no Rexistro de Ganderías, de modo que á primeira gandería lle corresponderán as siglas AA, á segunda AB e así sucesivamente.

3º Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido na presente regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garante da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, coa composición e cometidos seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa en quen delegue.

b) Inspector director técnico: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa en quen delegue.

c) Secretario: un veterinario técnico do Servicio de Producción Animal.

d) Vocais:

-Un técnico cualificador da raza nomeado, para o efecto, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-O presidente da Asociación de Criadores de Gando da Raza Ovina Galega, recoñecida oficialmente pola autoridade competente, ou persoa en quen delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan no normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que se consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos necesarios para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

4º Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

5º Prototipo da raza ovina galega.

O prototipo ó que deben responde-los exemplares da raza ovina galega para a súa inscrición no libro xenealóxico é o que a seguir se detalla:

5.1. Aspecto xeral.

A raza ovina galega agrupa animais de pequeno tamaño, de proporcións equilibradas, laúdos e de cor branca, dedicados á producción de carne. Recoñécense dous ecotipos, o de «montaña» e o denominado «mariñá», de maior alzada.

5.2. Caracteres rexionais.

a) Cabeza.-De tamaño pequeno, de perfil fronto-nasal xeralmente recto, tendendo ó subcóncavo, xeralmente desprovista de cornos nas femias e, de telos, estes son rudimentarios; nos machos poden presentarse e neste caso predominan os de espiral dobre. Fronte ancha, cara alongada e estreita, destacando o nariz alongado e o fociño fino. É unha característica xeneralizada a presencia de moña. As orellas son de tipo medio e horizontais.

b) Pescozo.-Pouco musculoso, de mediana lonxitude.

c) Tronco.-Estreito e de medidas proporcionadas. A liña dorso-lumbar é recta ou lixeiramente ascendente cara á cruz dos cadrís, que é curta e algo caída. O rabo é moi longo, de nacemento baixo, que lle dá un aspecto característico a esta raza.

d) Mamas.-Con bastante desenvolvemento en proporción co tamaño do animal.

e) Extremidades.-Moi finas, espidas e ben apromadas.

f) Pel.-De grosor medio, sen pregamentos.

g) Cor.-Branca uniforme; non obstante poden verse individuos que presentan manchas irregulares e inconstantes na cabeza e nos membros de cor castaña á vermella. A presentación da cor negra é escasa.

h) Vélaro.-Branca e abundante, cobre o tronco e esténdese como máximo ata as articulacións carpianas e tarsianas, así como o pescozo e parte da cabeza. O vélaro é de tipo entrefino ou basto.

i) Alzada.-Os rangos de alzada para o ecotipo de montaña sitúanse entre os 44 e 58 cm nas femias e entre 55 e 65 cm nos machos, elevándose no ecotipo mariñá a 59-70 cm para as femias e 66-80 cm para os machos.

j) Peso.-Os rangos de peso para o ecotipo de montaña sitúanse entre os 20 e 35 kg nas femias e 30-40 kg nos machos, elevándose no ecotipo mariñá a 35-50 kg e 40-70 kg respectivamente.

5.3. Defectos obxectables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos obxectables os seguintes:

a) Ausencia de moña.

b) Defectos de asentamento das extremidades non moi destacables.

c) Vélaro pouco estendido (por encima das articulacións carpianas e tarsianas e por detrás da cabeza).

5.4. Defectos descualificables.

De acordo coa descrición do prototipo racial, considéranse como defectos descualificables os seguintes:

a) Conformación xeral ou rexional defectuosa en grao acusado (cabeza grande, perfil convexo, orellas grandes e fóra da horizontalidade, fociño ancho, pescozo moi musculoso, dorso enselado, cruz dos cadrís horizontal con nacemento alto do rabo, extremidades gordas, pregamentos na pel, etc.).

b) Anomalías nos órganos xenitais, principalmente monorquidia e criptorquidia.

c) Desenvolvemento corporal non acorde coa idade.

6º Cualificación morfolóxica.

A cualificación morfolóxica dos exemplares será efectuada por técnicos validados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

A cualificación morfolóxica realizarase mediante apreciación visual e polo método dos puntos, en que o detalle servirá para xulgar comparativamente o valor dun exemplar determinado.

Cada rexión corporal cualificarase asignándolle de 1 a 10 puntos, segundo a seguinte escala:

ClasePuntos

Excelente10

Moi bo9

Máis que bo8

Bo6-7

Suficiente4-5

Insuficiente'4

A adxudicación de menos de catro puntos a calquera das rexións será causa para descualifica-lo animal, sexa cal for a puntuación acadada nas restantes.

Os caracteres que hai que considerar son os que a seguir se relacionan, con expresión para cada un deles do coeficiente de ponderación. Os puntos que se asignen a cada un dos ditos aspectos multiplicaranse polo coeficiente correspondente, resultando así a puntuación definitiva.

Caracteres que se cualificaránCoeficiente

Cabeza2.0

Pescozo0.8

Tronco1.8

Extremidades1.3

Pel0.8

Vélaro1.3

Harmonía xeral e desenvolvemento corporal2.0

TOTAL10

Obtida deste modo a puntuación final, os exemplares quedarán clasificados segundo as seguintes denominacións:

CategoríaPuntos

Excelente90.1-100

Superior85.1-90

Moi bo80.1-85

Máis que bo75.1-80

Bo70.1-75

Suficiente60-70

Insuficiente'60

Os animais con puntuación inferior a 60 puntos estímanse desbotados.