Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 20 de outubro de 2000 Páx. 14.289

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2000, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, pola que se convocan cinco cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se esta

blece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de cinco cursos de aplicador/manipulador de praguicidas, que se realizarán de acordo coas seguintes bases:

1. Clase de curso que se vai impartir:

Curso de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro.-Nivel básico.

2. Datos do organismo organizador:

O organismo organizador será o Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal.

3. Obxectivos do curso:

Conseguir unha formación adecuada dos aplicadores que presten servicios de tratamentos con praguicidas fitosanitarios ou de uso gandeiro, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para exerce-la dita actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios.

a) Destinatarios: persoal de empresas recollidas no artigo 4, punto 2.4º da Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas e se dictan normas para a inscrición nel na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderá participar será de 30 como máximo.

c) Criterios de selección: o solicitante deberá ter, polo menos, 18 anos. Na selección terán prioridade, sempre que o xustifiquen documentalmente, os aplicadores e as empresas de tratamentos a que fai referencia o punto 4º a) anterior desta resolución.

5. Realización.

As clases correspondentes a estes cursos levaranse a cabo en Santiago de Compostela (2 cursos), A Coruña (1 curso) e Vigo (2 cursos).

-Duración e horario:

Os cursos terán lugar nas seguintes datas:

-Santiago de Compostela: 6-10 de novembro de 2000 e 13-17 de novembro de 2000, respectivamente.

-A Coruña: 11-15 de decembro de 2000.

-Vigo: 20-24 de novembro de 2000 e do 27 de novembro o 1 de decembro de 2000, respectivamente.

A duración do curso será, como mínimo, de 21 horas lectivas distribuídas en 13 horas de clases teóricas e 8 de clases prácticas.

O horario do curso será das 16 ás 20 horas de luns a venres.

6. Programa:

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinador técnico do curso:

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a coordinación técnica do curso realizaraa o persoal técnico do Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal.

8. Solicitudes e inscrición:

a) Documentación: o persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e certificación do servicio de praguicidas especificando a labor que desempeña o solicitante nel.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria das 9 ás 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 10 día naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

b) Admisión: a relación de solicitantes admitidos expoñerase no taboleiro de anuncios do organismo convocante, no prazo de 5 días naturais, contados a partir do seguinte ó do prazo de finalización da inscrición.

9. Certificación de superación do curso:

É obrigatoria a asistencia a tódolas sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos polo alumno e, no caso de superalas, expedirase o certificado co que poderá solicitarlle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria o carné de manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro, nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade e para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2000.

Antonio Crespo Iglesias

Director xeral de Producción Agropecuaria

ANEXO II

Programa do curso de nivel básico para productos fitosanitarios e de uso gandeiro

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios no caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.