Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 20 de outubro de 2000 Páx. 14.287

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de outubro de 2000 pola que se clasifica como benéfico-docente a Fundación para a Investigación e o Desenvolvemento Empresarial de Galicia (Findegal).

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Investigación e o Desenvolvemento Empresarial de Galicia (Findegal), con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vinteseis de xullo de dous mil, ante o notario Domingo Enrique Gutiérrez Aller, co número mil cincocentos do seu protocolo por José Manuel Lorenzo López, José Agustín Gándara Moure e Marta Mozo Castiñeiras que interveñen no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos o obxecto da fundación é contribuír ó desenvolvemento do medio empresarial, a través de diferentes accións, programas e proxectos e de educación para o desenvolvemento da formación das persoas, a asistencia técnica e a promoción de empresas, tomando estas palabras no seu máis amplo sentido; pretende

tamén subscribir convenios de colaboración con outras persoas, tanto físicas como xurídicas, que persigan fins análogos.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Manuel Lorenzo López como presidente, Agustín Gándara Moure como secretario e Marta Mozo Castiñeiras como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-docente da Fundación para a Investigación e o Desenvolvemento Empresarial de Galicia (Findegal), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día tres de outubro de dous mil.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-docente a Fundación para a Investigación e o Desenvolvemento Empresarial de Galicia (Findegal) e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública