Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 16 de outubro de 2000 Páx. 14.096

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE XINZO DE LIMIA

ANUNCIO.

O Pleno Municipal, en reunión extraordinaria do 29 de setembro de 2000, dando por finalizada a fase de elaboración, resolveu ratifica-la aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenamento Urbano, e tamén, nos termos do artigo 42.1º da Lei 1/1997, do 26 de marzo, do solo da Galicia, sometelo a información pública durante o prazo dun mes contado desde o día en que este anuncio apareza no Diario Oficial de Galicia, para os efectos de que poida ser examinado e, se é o caso, alegado ou reclamado por quen resulte ter intereses lexítimos nas referencias documentais que nel se conteñen, para o que estarán á súa disposición nas dependencias municipais en horario normal de atención ó público.

Foi igualmente deliberado, para os efectos do artigo 34 da citada lei, o ámbito e procedemento de suspensión do outorgamento de licencias, nos termos que a seguir se detellan:

A aprovación inicial do Plan Xeral de Ordenamento Urbano determina, por si só, a suspensión do outorgamento de licencias de obras naquelas zonas do municipio nas que a nova normativa supoña modifica-lo réxime urbanístico ata o de agora en vigor, exceptuándose as de obras menores e as de conservación, hixiene e ornato.

Esta suspensión, que se extinguirá, en todo o caso, no prazo dun ano, ou coa aprobación definitiva do novo planeamento, refírese a parcelamentos, construccións e derrubamentos, e afecta ás áreas que a seguir se promenorizan, e na totalidade do territorio municipal:

-O solo non urbanizable, hoxe solo rústico, e as súas diferentes áreas de protección.

-O solo de núcleo rural, nas súas diferentes cualificacións, de colmatado e de extensión.

-O solo urbanizable.

-E no solo urbano, nas áreas de reparto, e no de execución directa sempre que se alteren ou modifiquen as previsións que se conteñen no planeamento urbanístico que se pretende aprobar.

-Non se verá afectado pola suspensión o solo urbano de uso industrial.

Xizo de Limia, 2 de outubro de 2000.

Gonzalo Iglesias Sueiro

Alcalde