Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 11 de outubro de 2000 Páx. 13.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2000 pola que se convocan unhas xornadas sobre a seguridade da poboación diante de situacións de risco: as respostas desde a experiencia e a investigación.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dunhas xornadas sobre a seguridade da poboación

diante de situacións de risco: as respostas desde a experiencia e a investigación, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

As xornadas teñen por obxectivos afondar máis na análise daquelas situacións que entrañan máis risco e perigo para a seguridade colectiva da poboación, así como ter en conta as solucións e propostas que desde o campo da investigación científica, fundamentalmente desde as chamadas ciencias do perigo, e á vez desde a experiencia dos técnicos implicados nesta temática, se poden achegar para unha mellor garantía da seguridade.

Destinatarios.

As xornadas van dirixidas a persoal con responsabilidade en temas de protección civil, membros das forzas e corpos de Seguridade, bombeiros e colectivos interesados en xeral.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán será de 125.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 24 de outubro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Duración e datas.

As xornadas desenvolveranse durante os días 26 e 27 de outubro de 2000, en xornadas de mañá e tarde.

O horario será o seguinte:

Día 26: de 9.30 a 13.30 horas e de 16.15 a 20 horas.

Día 27: de 10 a 14 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 25 de outubro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

As xornadas celebraranse no salón de actos nº 2 da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo San Caetano en Santiago de Compostela.

Certificado de asistencia.

Ó remate das xornadas entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento normal das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 19 de setembro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Escola Galega de Seguridade