Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 03 de outubro de 2000 Páx. 13.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 226/2000, do 13 de setembro, polo que se regulan as notificacións obrigatorias por parte dos axentes económicos do sector alimentario en Galicia.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, nos seus artigos 23 e 41 establece o marco competencial para que as administracións sanitarias autonómicas, de acordo coas súas competencias, poidan crea-los rexistros e elabora-las análises de información necesarias para o coñecemento das distintas situacións das que poidan derivarse accións de intervención da autoridade sanitaria.

O Real decreto 44/1996, do 19 de xaneiro, polo que se adoptan medidas para garanti-la seguridade xeral dos productos postos á disposición dos consumidores, veu transpoñer ó ordenamento xurídico español a Directiva 92/59/CEE, do Consello das Comunidades Europeas. Neste real decreto determínase que as autoridades competentes para controla-la comercialización de productos seguros serán as que determinen as CC.AA. e, nas situacións de emerxencia, o Ministerio de Sanidade e Consumo.

O artigo 6 do dito real decreto establece as facultades para garanti-la seguridade dos productos e pon nas mans das autoridades de control a capacidade de adoptar medidas; entre outras atópase o esixir toda a información pertinente ás partes implicadas. Así mesmo, establécese que estas medidas se dirixirán, segundo o caso, ó productor, ós distribuidores e, se fose necesario, a calquera outra persoa con vistas á colaboración en accións emprendidas para evitar riscos derivados do seu producto.

O Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais outórgalle á Dirección Xeral de Saúde Pública, no marco da actuación sanitaria na Comunidade Autónoma galega, entre outras, a competencia do desenvolvemento de actividades como autoridade sanitaria en materia de saúde pública.

O Real decreto 49/1993, do 15 de xaneiro, relativo ós controis veterinarios aplicables nos intercambios intracomunitarios dos productos de orixe animal, establece no seu artigo 7 que, no caso de que unha

autoridade de destino detectase que unha mercadoría non cumpre coa normativa nacional ou comunitaria se poderán adoptar medidas que, en función das condicións de salubridade ou de sanidade animal, incluirán ó permitirlle ó expedidor optar pola destrucción da mercadoría, ou pola utilización para outros fins, incluída a súa reexpedición coa autorización da autoridade competente do país do establecemento de orixe. Se o incumprimento só afectase á documentación de acompañamento, poderase conceder un prazo ó expedidor para a súa regulación, antes de recorre-la outras opcións.

A Directiva do Consello 97/1978, do 18 de decembro, pola que se establecen os principios relativos á organización dos controis veterinarios dos productos que se introduzan na comunidade, procedentes de terceiros países, establece que as reimportacións de productos desde países terceiros, é dicir, non-membros da Unión Europea, deben ser autorizadas pola autoridade competente de orixe.

Entendendo que calquera medida adoptada por unha autoridade de destino comunitaria ou dun país terceiro, se debe coñecer de inmediato polas autoridades de control autonómicas, responsables á fin de autorizar reexpedicións ou reimportacións e de busca-las circunstancias do incumprimento das mercadorías suxeitas ás medidas en destino, faise necesaria a regulación obrigatoria da notificación destas por parte dos axentes comercializadores ós que se lles aplicaran.

Por outra banda, o Regulamento 258/1997, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xaneiro, sobre novos alimentos e novos ingredientes alimentarios veu establecer un modus operandi comunitario á hora de poñer no mercado productos alimenticios froito da aplicación das novas tecnoloxías, o cal precisa dunha notificación e, se é o caso, dunha decisión de autorización da comisión antes de que se produza a primeira posta no mercado. As autoridades sanitarias autonómicas, responsables do control alimentario, precisan coñecer se algún axente económico do sector alimentario está a utilizar calquera destes productos, co fin de determinar se se están utilizando axeitadamente e se o consumidor está a ser informado de acordo co estipulado no regulamento.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O disposto neste decreto resultará de aplicación a tódolos axentes económicos do sector alimentario que dispoñan dun número de Rexistro Xeral Sani

tario de Alimentos concedido a partir da autorización sanitaria outorgada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Definicións.

Autoridade competente: para os efectos deste decreto entenderase como tal a Dirección Xeral de Saúde Pública como órgano da Xunta de Galicia que ten as competencias de autoridade sanitaria en materia de saúde pública.

Axente económico do sector alimentario: persoa ou persoas encargadas de garantir que se cumpren os requisitos normativos de hixiene e seguridade alimentaria. Enténdense como tales calquera fabricante, distribuidor ou expedidor que, ben directamente, ou a través de operadores económicos autorizados, mediante un nº de Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos de Galicia, comercialice productos alimenticios con destino ó Mercado Único Europeo, a nivel nacional ou comunitario, ou a países terceiros que teñan autorizada tal comercialización.

Para os efectos do disposto neste decreto, os operadores económicos que dispoñan dun nº de Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos de Galicia terán tamén a consideración de axentes comercializadores.

Operadores económicos: calquera persoa física ou xurídica que teña como actividade única a de importación-exportación dentro de calquera das claves do Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos.

Notificacións: calquera comunicación preceptiva á autoridade sanitaria feita por un axente económico do sector alimentario.

Notificación de incidencias: a comunicación que deberá realizar á autoridade competente, calquera axente comercializador ó que lle sexan aplicadas medidas de restricción por unha autoridade de destino.

Autoridade de destino: calquera dos órganos con competencia no control da comercialización de productos alimenticios designados polas Comunidades Autónomas no ámbito nacional, e dos países membros da Unión Europea ou países terceiros. Para os efectos de aplicación deste decreto terán consideración de autoridade de destino calquera dos Puntos de Inspección Fronteiriza (PIF) na Unión Europea.

Alimento ou ingrediente alimentario novo: calquera dos definidos baixo o ámbito de aplicación do Regulamento CE 258/1997.

Artigo 3º.-Obrigas de notificacións dos axentes económicos do sector alimentario.

3.1. Notificación de incidencias.

Os axentes económicos do sector alimentario que vexan restrinxida a comercialización dos seus productos por unha autoridade de destino estarán obrigados a notifica-la antedita incidencia, do xeito máis urxente posible, á Dirección Xeral de Saúde Pública.

En calquera caso, a notificación deberase facer nas 24 horas laborables seguintes ó momento de teren coñecemento da incidencia, ben por ter sido comunicada pola autoridade de destino directamente ou a través dos seus operadores económicos no país de destino.

Na notificación deberán constar, como mínimo, os datos que figuran no anexo I deste decreto. Así mesmo, os axentes comercializadores deberán poñer á disposición da autoridade de destino ou de calquera dos seus axentes toda a información que se lles reclame co fin de clarexa-las circunstancias que motivaron as incidencias no país de destino.

3.2. Notificación de recepción de productos.

Os axentes económicos do sector alimenticio, ós que resulte de aplicación este decreto, que reciban entregas de productos procedentes doutros estados membros da Unión Europea ou de países terceiros cos que exista acordo de comercialización estarán obrigados, por petición da autoridade competente, a sinala-la chegada de productos procedentes doutro Estado membro ou país terceiro na medida necesaria para efectua-los controis en destino que lle sexan de aplicación.

A devandita notificación deberá conter tódolos datos que lle sexan demandados.

3.3. Notificación de novos productos.

Os axentes económicos do sector alimentario de Galicia estarán obrigados a notificarlle á autoridade competente a posta no mercado de calquera novo alimento ou ingrediente alimentario, unha vez autorizado con base no establecido no Regulamento CE 258/1997 sobre novos alimentos e ingredientes alimentarios, sexa como primeira posta no mercado ou non.

Artigo 4º.-Réxime sancionador.

A inobservancia das obrigas establecidas no artigo 3º por parte dos axentes comercializadores suporá unha infracción administrativa leve, grave ou moi grave conforme o previsto no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta norma.

Segunda.-O disposto neste decreto entrará en vigor a partir do mes seguinte ó día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Notificación de incidencias

A notificación de incidencias á que están obrigados os axentes económicos do sector alimentario conterá, como mínimo, os seguintes datos:

1. Identificación do axente económico: razón social e número de Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos.

2. País onde se produciu a incidencia e, se é o caso, autoridade de destino actuante. Deberase indicar con precisión o punto onde se atopa a mercadoría.

3. Identificación completa da mercadoría sobre a que se produciu a incidencia:

-Tipo de mercadoría.

-Cantidade.

-Lote/lotes implicados.

-Descrición da documentación que a acompaña.

4. Motivo da incidencia e identificación de quen lla notificou.

5. Data do coñecemento da incidencia.

6. Sinatura e rúbrica da persoa que notifica e en calidade de qué o fai.