Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 02 de outubro de 2000 Páx. 13.666

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2000 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza da escala técnica da Universidade da Coruña.

Vacante a praza de xefe da Sección de Reclamacións e Recursos, nº 12 da vixente relación de postos de traballo, e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a provisión desta, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos.

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, aprobados por Decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17) e modificados por Decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e por Decreto da Xunta de Galicia 41/2000, do 25 de febreiro (DOG do 2 de marzo)

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza da escala técnica da Universidade da Coruña, polo sistema de acceso libre e polo procedemento de concurso-oposición, con suxeición ás bases que a continuación se indican.

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo o modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración ou promesa deste de que non está separado de dereito do cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no BOE.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os dereitos de exame serán de 7.525 pesetas que se ingresarán, directamente ou mediante transferencia, en calquera das oficinas da Caixa Postal, na conta corrente número 1302-1700-420017957982, «Probas selectivas para acceso á escala técnica da Universidade da Coruña» a nome da Universidade da Coruña. A solicitude deberá ir xunto co xustificante acreditativo do ingreso, e a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola Xerencia da Universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no BOE desta convocatoria, e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados, ós que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de licenciado en dereito. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro haberá que estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitasen dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que se farán públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, de se-lo caso, as causas da exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión ou omisión. Transcorrido o citado prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, contra a que os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuación que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que coide necesario.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e a data de comezo dos exercicios faranse públicos na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase de «apto» ou «non apto», sendo necesario obte-la valoración de «apto» para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, e do certificado de aptitude en español para estranxeiros, expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegaren esta documentación non poderán ser declarados exentos, debendo, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares da súa realización, así como naqueloutros que coide oportunos, a puntuación obtida polos aspirantes neste, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal publicará, neses mesmos lugares, a relación dos aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aqueles opositores que, en número non superior ó de prazas convocadas e tendo alcanzada a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtivesen a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I, e con indicación expresa da obtida. Esta lista en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó de prazas convocadas. Os opositores que non estean incluídos nesta relación terán a consideración de non ter aprobadas as probas selectivas, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitiralle ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados, con proposta de que se formalice o correspondente nomeamento.

10. Presentación de documentos e nomeamento.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de función pública. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á Función Pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibiliten para o servicio.

10.2. Cumpridos debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, será nomeado funcionario da escala técnica da Universidade da Coruña.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 do 13 de xaneiro (BOE do 14) e ós estatutos desta universidade, aprobados por Decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), modificados polo Decreto 245/1998 de 30 xullo (DOG do 28 de agosto), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e ás bases desta convocatoria.

Terceiro.-Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999 do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 5 de setembro de 2000.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, que constará dos seguintes exercicios:

1.1. Primeiro exercicio: de carácter eliminatorio. Consistirá na elaboración dun dictame ou informe sobre unha cuestión xeral de dereito administrativo relacionada co temario, para o que os aspirantes disporán dun máximo de dúas horas e non poderán contar co apoio de ningún material lexislativo, xurisprudencial ou bibliográfico.

1.2. Segundo exercicio: de carácter eliminatorio. Resolución por escrito dun caso práctico sobre algunha cuestión relacionada co temario. Terá unha duración de dúas horas e poderán consultarse textos legais e xurisprudenciais.

1.3. Proba de galego: non eliminatoria e de mérito. Consistirá na traducción dun texto orixinal en lingua galega sen diccionario.

2. Fase de concurso.

Para os aspirantes que superen a fase de oposición, a valoración de méritos farase do seguinte xeito:

2.1. Valoración do expediente académico ata tres puntos.

2.2. Doutoramento en dereito ata dous puntos segundo a afinidade co temario da oposición.

2.3. Valoración doutros estudios universitarios e méritos académicos ata un punto, segundo a afinidade coas funcións do posto ó que se oposita.

2.4. Experiencia no ámbito do dereito administrativo que se acredite fidedignamente ata un máximo

de catro puntos. Valoraranse preferentemente as seguintes actividades:

a) Actividade investigadora relacionada co temario da oposición.

b) Cursos de formación impartidos en materias vinculadas co temario da oposición.

c) Servicios prestados en asesoría xurídica de universidades, relacionados co temario da oposición.

d) Outras actividades profesionais.

Puntuación do proceso selectivo.

A puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios ata un total de doce puntos. A puntuación da fase de concurso, sempre que os aspirantes superasen a fase de oposición, alcanzará como máximo a suma de dez puntos.

En caso de empate darase preferencia atendendo á puntuación obtida no primeiro exercicio e, de persistir este, a favor do candidato que obtivese máis puntuación nos sucesivos exercicios ata que se resolva o empate.

ANEXO II

Programa

Tema 1: A teoría xeral do sistema normativo. A súa aplicación á universidade. Os estatutos das universidades públicas: elaboración e reforma, natureza xurídica. Os estatutos da Universidade da Coruña: caracteres xerais e significación xurídica.

Tema 2: Os actos administrativos: concepto, clases e elementos. A motivación e notificación dos actos administrativos universitarios. O silencio administrativo. Natureza e réxime xurídico. A súa aplicación no ámbito universitario. Nulidade e anulabilidade.

Tema 3: O procedemento administrativo. Natureza e fins. Regulación legal. Aplicabilidade da Lei 30/1992 ós órganos colexiados das universidades.

Tema 4: O control de legalidade da actuación administrativa. Revisión en vía administrativa. Reclamacións e recursos no ámbito universitario. O control financeiro e contable da universidade.

Tema 5: O proceso contencioso-administrativo. A defensa xurídica da universidade ante os tribunais de xustiza. Medidas cautelares. Execución de sentencias.

Tema 6: Os contratos públicos. Réxime xurídico aplicable á contratación da universidade. A xestión da contratación.

Tema 7: O servicio público. Doutrina clásica do servicio público. Evolución e desenvolvemento actual do servicio público. A xestión dos servicios públicos. O servicio público universitario.

Tema 8: A expropiación forzosa. Réxime xurídico da potestade expropiadora. O procedemento expropiatorio.

Tema 9: A responsabilidade patrimonial. O réxime de responsabilidade patrimonial.

Tema 10: Bens de dominio público e bens patrimoniais. O patrimonio da universidade.

Tema 11: O emprego público. A función pública e o réxime do persoal laboral nas universidades públicas.

Tema 12: A posición institucional da universidade. Distribución de competencias en materia de educación universitaria. A autonomía universitaria: alcance e contido. Competencias da Xunta de Galicia en materia de universidade. O sistema universitario de Galicia.

Tema 13: A universidade e as súas relacións interadministrativas. Caracterización xurídica. Marco xurídico de relacións entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas: principios, instrumentos e técnicas de relación.

Tema 14: Organización universitaria. A estructura das universidades. Os órganos da Universidade da Coruña. Os departamentos universitarios. Os centros universitarios. As escolas de especialización profesional. Os institutos universitarios. Os centros adscritos. O Consello de Universidades.

Tema 15: O goberno da universidade. Principios do réxime de goberno da universidade. Os órganos de goberno.

Tema 16: A comunidade universitaria. O estatuto xurídico do alumno. O persoal de administración e servicios. O persoal docente e investigador.

Tema 17: A docencia na universidade. A ordenación académica. Os plans de estudio. Réxime xurídico dos títulos universitarios. Os estudios de doutoramento. Os estudios de posgrao. A investigación na universidade. A extensión universitaria.

Tema 18: O estatuto fiscal das universidades públicas.

Tema 19: A propiedade intelectual e industrial. Réxime xurídico das patentes universitarias.

Tema 20: A prevención de riscos laborais no ámbito universitario.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da universidade.

Vocais: Jesús Martínez Girón, catedrático de universidade.

Marta García Pérez, profesora titular de universidade.

Un representante designado pola Xunta de Persoal.

Secretario: Víctor M. Cabrera Sánchez, xerente da universidade.

Suplentes:

Presidente: Juan J. Fernández Caínzos, vicerrector de Asuntos Económicos.

Vocais: Francisco Javier Sanz Larruga, profesor titular de universidade.

Mª. Victoria Dios Viéitez, profesora titular de universidade.

Un representante designado pola Xunta de Persoal

Secretario: Juan R. Rego Álvarez de Mon, vicexerente.