Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 27 de setembro de 2000 Páx. 13.497

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece como instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica a central hidroeléctrica do río Umia, termo municipal de Caldas de Reis, provincia de Pontevedra. (Expediente 99/419).

Visto o escrito presentado por José Manuel Cortizo Soñora, en nome e representación de Cortizo Hidroeléctricas, S.A. con enderezo para efectos de notificacións no lugar da Matanza, s/n, 15917 Padrón (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Por Resolución do 22 de marzo de 1999, o presidente do organismo autónomo Augas de Galicia otorgou á sociedade mercantil Cortizo Hidroeléctricas, S.A. unha concesión administrativa para derivar un caudal de auga de ata 15.000 l/s do río Umia, entre as cotas 122 e 27 m, no termo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra), para a explotación como aproveitamento hidroeléctrico da presa de Caldas de Reis, unha vez realizados os trámites dispostos no R.D. 849/1986, do 11 dabril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

Previamente á citada resolución de concesión, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, con data 3 de marzo de 1999, formulou a correspondente declaración de efectos ambientais do proxecto constructivo hidroeléctrico referido.

Segundo.-Con data 16 de xuño de 1999, José Manuel Cortizo Sonora, en nome e representación de Cortizo Hidroeléctricas, S.A., solicitou a autorización administrativa, aprobación do proxecto das

novas instalacións electromecánicas e recoñecemento de instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica do aproveitamento hidroeléctrico da presa de Caldas de Reis no río Umia, termo municipal de Caldas de Reis, provincia de Pontevedra, acompañando a documentación esixida no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións, e o resto da documentación a que fan referencia os artigos 6 e 7 do R.D. 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Terceiro.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra someteu o citado proxecto de instalacións a trámite de información pública mediante Resolución do 2 de xuño de 2000, publicada no DOG do 3 de xullo e no BOP de Pontevedra do 16 de xuño.

Cuarto.-As instalacións electromecánicas das minicentrais hidroeléctricas no río Umia, segundo o seu proxecto de execución, asinado polo enxeñeiro industrial Manuel Novo Buján, constan dun equipo productivo constituído polos seguintes elementos:

-Central de pé de presa: salto bruto de 26 m, dous grupos con dúas turbinas Francis de 450 kW e un caudal de caudal 2,25 m/s, c/u. Dous alternadores asíncronos de 457 kW/380 V. Dous transformadores de 630 kVA c/u, relación de transformación 0,4/20 kV.

-Central de derivación: dous grupos con dúas turbinas tipo Francis de 4.050 kW e caudal 5,25 m/s, c/u. Dous xeradores síncronos de 4.050 kW, 6.000 V. Dous transformadores de 5.000 kVA c/u, relación de transformación 6/20 kV.

-Instalacións de medida, control, protección e manobra.

Quinto.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. José A. Suárez Goldar e 118 máis solicitan a denegación da autorización administrativa en base a que o expediente das obras da presa do río Umia está actualmente en fase xudicial, ademais de realizar diversas consideracións de carácter ambiental.

2. Alberta Leal Fariña e 117 máis solicitan que non se autorice a instalación eléctrica baseándose en cuestións de carácter medioambiental e a que consideran que o aproveitamento hidroeléctrico non representa ningunha causa de utilidade pública.

3. Félix Alonso García e 24 máis solicitan a desestimación da autorización en función do perigo que pode supor para a súa saúde a existencia do tendido eléctrico cerca das súas vivendas, así como da perda de valor dos terreos e de expectativas turísticas, o que supón unha perda de calidade de vida dos veciños do lugar; expoñen tamén que as obras do encoro non son necesarias para a poboación, polo que carecen do requisito de utilidade pública ou de interese social.

4. María Dolores Ramos Vila e 20 máis solicitan a denegación da autorización administrativa, alegando que a información pública se realizou despois de que as turbinas estivesen instaladas, que a declaración de utilidade pública das obras da presa está en fase xudicial, que existen irregularidades de carácter ambiental no proxecto da citada presa, e que a construcción desta causará danos socioeconómicos na zona por perda do valor dos terreos, perda de paisaxe, expectativas turísticas, etc. Ademais, consideran que as obras do encoro están incluídas no perímetro de protección das augas quentes do río Umia.

5. Laureano Piñeiro González, en nome e representación de José Piñeiro Otero, solicita a denegación da autorización administrativa, alegando cuestións referentes á ocupación dos predios para a construcción do encoro.

6. Constantino Carou Rodríguez, en representación do Bloque Nacionalista Galego de Caldas de Reis, solicita a denegación da autorización administrativa, así como a nulidade das actuacións realizadas, baseándose nun incumprimento da lexislación aplicable ó considerar que as obras da central xa comezaron antes de ser autorizadas e a presuntos defectos na tramitación, entre eles o non remitirse un proxecto completo ó concello, co que este carece da documentación necesaria para emitir o informe preceptivo que establece a Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999. Tamén se refire a diversas cuestións ambientais.

-As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Sexto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra remitiulles ós distintos organismos afectados pola construcción do referido proxecto as separatas técnicas correspondentes, co fin de que emitisen o preceptivo informe.

Sétimo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Pontevedra emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e inclusión da dita instalación no réxime especial de instalacións de producción de enerxía eléctrica da central hidroeléctrica de referencia.

Fundamentos de dereito.

Primero.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999 do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, a Lei 54/1997 e o Real decreto 2818/1998 xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa pro

motora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se poden ter en consideración as alegacións presentadas referidas a cuestións ambientais ou á construcción do encoro, ó non ser obxecto desta fase do expediente, xa que existe unha declaración ambiental e as correspondentes autorizacións emitidas polo organismo competente.

2. Respecto á alegación de Constantino Carou Rodríguez de que non se enviou o proxecto completo ó Concello de Caldas de Reis para o seu informe, cabe sinalar que a normativa de instalacións eléctricas só esixe, segundo o establecido no artigo 12.3º do Decreto 2617/1966, a remisión separada das partes do proxecto que afecten a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros ministerios, organismos ou corporacións, para que estes establezan o condicionado correspondente; de todas formas, o Concello de Caldas de Reis emitiu o correspondente condicionado sen solicitar información adicional, que sempre estivo á súa disposición.

3. Polo demais, as denuncias sobre o inicio da montaxe das instalacións electromecánicas antes do outorgamento da preceptiva autorización administrativa serán obxecto de investigación para os efectos da adopción, se é o caso, das medidas sancionadoras correspondentes, pero iso non implica, en modo ningún, que esta dirección xeral deba suspende-la tramitación deste expediente ou denega-la autorización administrativa solicitada.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º Autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos reflectidos no proxecto denominado central hidroeléctrica do río Umia, termo municipal de Caldas de Reis, provincia de Pontevedra.

2º Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica referida.

3º Recoñecerlle a esta instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.4 do artigo 2 do dito real decreto.

Queda obrigada a empresa titular da instalación, a notifica-lo comenzo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha; a Administración autonómica poderá deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento en que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidos polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria