Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 26 de setembro de 2000 Páx. 13.431

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se somete a información pública o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal das instalacións electromecánicas do parque eólico de Currás no concello de Mazaricos, provincia da Coruña. (Expediente 4/2000).

A Consellería de Industria e Comercio aprobou na súa Resolución do 19 de xaneiro de 1996 o Plan Eólico Estratéxico nomeado PEE Seawest, transferido posteriormente a Euro Vento, S.L.U. con data 9 de maio de 1996.

Dentro do mencionado PEE figura unha zona nomeada Paxareiras II na que se atopa adscrito o proxecto de referencia.

Con data 10 de xullo de 1997 o Consello da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o Plan Eólico de Galicia como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, dentro do cal se atopa o referenciado PEE Seawest (DOG nº 241, do 15 de decembro de 1997).

Con data 22 de xullo de 1999 a Dirección Xeral de Industria ordena a publicación no DOG do acordo do Consello da Xunta de Galicia de data 15 de xullo de 1999 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e que foi publicado no DOG nº 162, do 23 de agosto.

Polo tanto, en cumprimento do disposto no artigo 25.3º da Lei 10/1995, do 23 novembro, a teor do cal os plans ou proxectos que o Consello da Xunta de Galicia declare como de incidencia supramunicipal someteranse por un prazo mínimo dun mes ós trámites de información pública mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia, e de audiencia ás entidades locais sobre as que incida o plan ou proxecto,

RESOLVO:

Someter a información pública o citado proxecto sectorial do parque eólico de Currás, comprendido na área nomeada Paxareiras II do mencionado PEE Seawest, de acordo co artigo 25.3º da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e durante o prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán examina-lo dito proxecto sectorial nesta delegación provincial ou no Concello de Mazaricos e presentar perante esta delegación provincial as alegacións que consideren pertinentes.

A Coruña, 14 de setembro de 2000.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña