Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 25 de setembro de 2000 Páx. 13.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 6 de setembro de 2000 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos na cesión de material quitaneves e de excarceración para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, determina que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (art. 22.2º parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de urxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de urxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndenlle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de urxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en nevadas e excarceración.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de materiais para misións de protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para aumenta-la eficacia dos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cuns medios necesarios a protección civil, cederalles en propiedade material quitaneves e de excarceración ós concellos galegos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, sexa municipal ou teña subscrito un convenio co concello e ademais estean inscritos no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa sección de Rexistro das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, todo isto de conformidade co que establece a Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán dispor e cumpri-los seguintes requisitos específicos para:

a) Nos seus orzamentos anuais unha cantidade destinada a temas de seguridade.

I. Material quitaneves:

a) Concellos das provincias de Ourense e Lugo pertencentes ó Plan NEGA (Plan de Nevaradas de Galicia).

Concellos de montaña da provincia de Pontevedra con maior índice de risco de nevaradas.

b) Non recibi-la cesión de material quitaneves no último ano.

c) Dispor de medios de transporte axeitados para mobiliza-lo material quitaneves así como de recursos humanos.

II. Equipos de excarceración:

a) Non dispor de equipo de excarceración.

b) Dispor de medios de transporte axeitados para este tipo de material, así como recursos humanos que estean operativos as 24 horas.

c) Ter no seu termo municipal e ámbito comarcal vías de comunicación con alto índice de sinistralidade.

d) Estar afastados un mínimo de 30 km dun parque de bombeiros profesional.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de quince millóns de pesetas (15.000.000 de ptas.), con cargo a aplicación orzamentaria 13.05.231A.623.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o 2000, que se dedicarán á adquisición de material quitaneves e de excarceración para cedérllelos en propiedade ós concellos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil, ou no seu defecto, con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil ou, convenio de colaboración coa agrupación de voluntarios de protección civil existente no concello.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera dos medios previstos no art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Que acredite a existencia de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, dispoñer de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Municipal ou a existencia dun convenio de colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil existente no concello.

b) Certificado dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais de 2000 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Certificado relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio, no caso de resolución favorable da consellería.

2.2. Copia da inscrición da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil no Rexistro da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

2.3. Memoria asinada polo alcalde como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen:

-Os riscos potenciais de nevaradas e de sinistralidade nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (PLATERGA) ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (PEMU).

-Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

-Ter ou estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (PEMU).

-Medios que, sendo de titularidade do concello, se cederon en uso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, precisos para poder usar este material.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

As solicitudes recibidas e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, que emitirá o correspondente informe.

O director xeral de Interior e Protección Civil, á vista do informe, elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes terase en conta o seguinte:

* Colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencia 112 SOS-Galicia e Plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no sistema de protección civil de Galicia.

* Dispoñer de servicio de 24 horas na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

* Riscos potenciais existentes no concello e limítrofes en relación co obxecto da orde, e participación activa nos últimos anos da agrupación de voluntarios de protección civil en situacións de urxencia e emerxencia.

* Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello, e, se é o caso, a agrupación de voluntarios de protección civil, poida mobilizar ante unha emerxencia

* Ter creada a Xunta Local de Protección Civil.

* Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (PEMU).

* Cantidade destinada polo concello, nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade e protección da súa comunidade de veciños.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles concedese a cesión en propiedade do material quitaneves ou de excarceración, na forma prevista no Art 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro. Así mesmo, aqueles concellos ós que non se lles conceda ningún material notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

A cesión formalizarase mediante convenio no que constará o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 10º.-Control.

Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión, e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais