Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 22 de setembro de 2000 Páx. 13.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de setembro de 2000 pola que se dispón o comezo da actividade administrativa na Asociación de Empresarios de Deza como instrumento coadxuvante da Oficina de Tramitación Única de Industrias (OTU).

O Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, regula o procedemento para habilitar entidades de carácter asociativo e representativas dos diversos sectores comercial e industrial como instrumentos colaboradores da Oficina de Tramitación Única de Industrias para a información e recepción de solicitudes e demais documentación relacionados coa posta en funcionamento de novas industrias, traslado ou ampliación dun establecemento industrial.

Para levar a cabo esta habilitación subscribiuse un convenio de colaboración entre as consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Industria e Comercio coa Asociación de Empresarios de Deza, cumprindo os requisitos establecidos no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991.

Mediante este convenio regúlanse as funcións que debe desenvolve-la asociación, referidas ós expedientes administrativos para a posta en funcionamento dunha nova industria ou o traslado ou ampliación dun establecemento industrial, así como os compromisos e requisitos que debe cumpri-la asociación.

Ó dispoñe-la Asociación de Empresarios de Deza da infraestructura técnica prevista no convenio,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De conformidade co establecido no Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, e de acordo co convenio de colaboración subscrito entre as consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Industria e Comercio coa Asociación de Empresarios de Deza, habilítase a Asociación de Empresarios de Deza como instrumento coadxuvante da Oficina de Tramitación Única de Industrias (OTU) dependente da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Pontevedra para o exercicio de funcións de información e asesoramento en materia de creación de industrias e recepción de solicitudes e demais documentación relativa á posta en funcionamento

de novas industrias ou o traslado ou ampliación de establecementos industriais xa existentes.

2. Recoñécese a validez e eficacia dos asentos realizados no Rexistro da Asociación de Empresarios de Deza na materia sinalada no parágrafo anterior da documentación dirixida á Oficina de Tramitación Única de Industrias, conforme o establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Para os efectos do previsto no artigo 3.c) do Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, a Asociación de Empresarios de Deza deberá remitir, con carácter inmediato, á Oficina de Tramitación Única de Industrias da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra as solicitudes e documentos presentados polos particulares interesados nos procedementos administrativos regulados no Decreto 223/1998, do 24 de xullo.

Artigo 2º

1. A Asociación de Empresarios de Deza exercerá as seguintes funcións:

a) Recepción e rexistro das solicitudes e documentos que se presentan para as autorizacións de posta en funcionamento dunha industria, traslado ou ampliación dun establecemento industrial.

b) Información e asesoramento en materia de autorizacións administrativas para a creación de industrias.

c) Información do estado de tramitación dos expedientes OTU iniciados tanto na propia asociación como en calquera oficina OTU da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido nesta orde non supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase a Inspección Xeral de Servicios e a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública