Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Mércores, 20 de setembro de 2000 Páx. 13.172

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de xullo de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Terras de Beariz e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data 26 de xullo de 2000 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 10 de xullo de 2000 pola que se clasifica como mixta a Fundación Terras de Beariz adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día 29 de febreiro de 2000, ante o notario Santiago Botas Prego, co número oitocentos oitenta e un do seu protocolo por Jorge Luis Vales Terrazo, María Josefa Rodríguez Gulías, Tomás Sancho Candedo, Jesús Antonio Rodríguez Gulías, José Janeiro Balboa, Manuel Prado López, Eladio Rodríguez Rodríguez, María del Carmen Fornos Balboa, Jesús Antonio Gulías Lamas, José López Prieto, Manuel Pontes Vecoña, José Pardo Otero, Manuel Fornos Rodríguez; interveñen todos no seu propio nome e dereito, e, ademais, Jorge Luis Vales Terrazo faino en nome e representación de José Balboa Rodríguez e Jesús Antonio Rodríguez Gulías faino en nome e representación de Manuel Muradas Candedo. Esta escritura foi emendada parcialmente por outra posterior de data 3 de xullo de 2000 outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo dous mil setecentos vinteseis.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos ten por obxecto a promoción, desenvolvemento, protección e fomento de estudios, actividades sociais e culturais, deportivas, cooperación para o desenvolvemento, defensa do ambiente e ocio.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Terras de Beariz ó cumpriren os seus estatutos as pres

cricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Terras de Beariz no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública