Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 19 de setembro de 2000 Páx. 13.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 12 de setembro de 2000 pola que se autoriza a modificación das tarifas de servicios públicos regulares permanentes de uso xeral por estrada de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

Por Orde do 14 de xaneiro de 2000 reguláronse os incrementos das tarifas dos servicios regulares permanentes de viaxeiros de uso xeral de competencia exclusiva da Xunta de Galicia para aplicar durante o ano 2000.

Os notables incrementos experimentados nos prezos dalgúns dos elementos que integran a estructura de custos dos servicios regulares esixe adecua-las tarifas para restablece-lo equilibrio económico das concesións, dando cumprimento, deste xeito, ó previsto no artigo 19 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, e 29 do seu regulamento de desenvolvemento.

Así mesmo introdúcese unha variación na política tarifaria tendente a potencia-lo uso do transporte colectivo nos traxectos curtos respecto ós que opera a percepción mínima.

Este obxectivo búscase a través de diferencia-los prezos dos billetes nestes traxectos en función de que se merquen abonos de varios billetes ou tan só un billete illado.

Os incrementos de custos experimentados no derradeiro tramo do ano 1999 e no 2000 así como os que no futuro se produzan repercutirán de xeito desigual, integramente respecto ós billetes mercados esporadicamente e tan só parcialmente no suposto dos abonos.

Con isto, non só se promociona o uso do transporte público senón que se fai máis accesible o transporte urbano para os que teñen que utilizalo frecuentemente ou para familias con varios membros que utilizan sistematicamente o transporte público.

Na sua virtude, oído o dictame do Consello Galego de Transportes,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As empresas concesionarias de servicios públicos regulares permanentes de uso xeral de transporte de viaxeiros por estrada, de competencia exclusiva da Xunta de Galicia, poderán, a partir da entrada en vigor desta orde, proceder á actualización das súas tarifas.

Esta actualización será autorizada pola Dirección Xeral de Transportes sempre que a variación non supoña un incremento das tarifas superior ó 2,3%.

Artigo 2º

Para os incrementos superiores ós establecidos no artigo anterior, as empresas concesionarias deberán presentar ante a Dirección Xeral de Transportes unha solicitude de revisión individualizada de cada concesión para a que se pida o aumento; a súa aprobación corresponde ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

As revisións individualizadas xustificaranse co oportuno estudio económico da concesión ou pola simple aplicación da fórmula polinómica. Nas revisións fundamentadas na aplicación da fórmula polinómica, non poderá autorizarse un incremento superior ó 2,5%

Artigo 3º

O mínimo de percepción establécese en 119 ptas. para os billetes unitarios e os abonos multiviaxes en 114 ptas. por viaxe. Estas cantidades non inclúen o imposto sobre o valor engadido nin o canon de estación cando corresponda aplicalo.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2000.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda