Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre protección de personalidades e escoltas, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
O curso ten por obxectivos:
a) Coñecer e perfecciona-las técnicas aplicables na protección de personalidades.
b) Coñecer qué unidades operativas interveñen nos dispositivos de protección a personalidades.
c) Coñece-los medios técnicos utilizables na protección de personalidades.
d) Coñece-los métodos de actuación de organizacións terroristas.
e) Conseguir coñecementos sobre os explosivos utilizados por organizacións terroristas e as medidas que hai que adoptar.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
O número de prazas que se ofertan neste curso é de 27.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 27 de setembro, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito comportará a non admisión ó devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso celebrarase en sesións de tarde, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Aspectos xerais da protección de personalidades.
b) Protección de personalidades: dinámica e estática. c) Grupos de apoio. d) Caravanas. e) Plans de seguridade: dispositivos. f) Transmisións, etc.
Datas.
O curso terá lugar do 16 ó 20 de outubro, en horario de 16 a 20 horas do serán.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 9 de outubro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade.
Certificado de asistencia.
Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 1 de setembro de 2000.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade