Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 18 de setembro de 2000 Páx. 13.089

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo provincial do transporte de mercadorías por estrada da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial do transporte de mercadorías pola estrada da provincia de Ourense (código convenio 3200435), con entrada nesta delegación provincial o día 27-7-2000, subscrito en representación da parte económica, pola Asociación Autónoma de Empresas de Transportes de Mercancías por Carretera (Apetamcor) e a Asociación de Empresarios de Transportes de Mercancías, Agencias de Transporte de Carga Completa y Fraccionada de Ourense (Aetrans), e, da parte social, polas centrais sindicais UGT, CC.OO., CIG e USO, o día 14-7-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de

traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 3 de agosto de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial de transportes de mercadorías por estrada da provincia de Ourense anos 2000-2001

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

O presente convenio será de aplicación en toda a provincia de Ourense para tódalas empresas e o seu persoal laboral encadradas nos seguintes epígrafes do Acordo xeral para empresas de transporte de mercadorías por estrada e os seus grupos ou categorías profesionais correspondentes:

a) Operadores de transporte.

b) Transporte de mercadorías.

c) Transporte de mobles e mudanzas.

As normas contidas no presente convenio afectan a tódolos traballadores fixos, eventuais ou temporais de calquera clase que desempeñen as súas funcións nas empresas encadradas nos epígrafes citados.

Quedan expresamente excluídos os profesionais contratados para traballos específicos que, non tendo o carácter de fixos, interinos, eventuais ou temporais, realicen o seu traballo baseado na aceptación de minutas ou orzamento.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de agosto de 2000, estendendo a súa duración ata o 31 de decembro de 2001 e revisándose as táboas salariais, para o segundo ano de vixencia, a partir do 31 de decembro de 2000. Non obstante, o convenio prorrogarase tacitamente se non o denuncia algunha das partes con tres meses de antelación ó remate da súa vixencia.

Artigo 3º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria como órgano interpretativo, para a vixilancia e cumprimento do convido, integrada por cinco membros de cada unha das partes asinantes do presente convenio.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras económicas e de traballo que se implantan en virtude do presente convenio serán compensables e absorbibles, en cómputo anual e ata onde alcancen, con todas aquelas melloras voluntarias que teñan concedidas as empresas, tanto se son aboadas en metálico como en especie. Sen prexuízo da facultade de amplia-las melloras establecidas neste convenio, as empresas que lle aboen ó seu persoal salarios superiores ós esixidos regulamentariamente non estarán obrigadas a aplica-las subas que se fixen nas presentes estipulacións salvo na contía necesaria para supli-las diferencias.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica dalgún ou de tódolos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados e sumados ós vixentes con anterioridade ó convenio, superasen o nivel deste. No caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Artigo 5º.-Período de proba.

A duración máxima do período de proba, que deberá concertarse por escrito, será de 6 meses para os técnicos titulados e de 2 meses para os restantes traballadores.

Artigo 6º.-Cesamentos voluntarios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio á empresa estarán obrigados a poñelo en coñecemento desta, cumprindo os seguintes prazos de aviso:

-Persoal titulado: 2 meses.

-Persoal técnico non titulado e administrativo: 1 mes.

-Persoal subalterno, aprendices e peóns: 15 días.

O incumprimento da obriga de avisar coa referida antelación daralle dereito á empresa a descontar da liquidación do traballador unha contía equivalente ó importe do seu salario diario por cada día de atraso no aviso.

Artigo 7º.-Contrato para a formación laboral.

Debido ás necesidades de cualificación dos traballadores do sector e de acordo co establecido na letra c) do parágrafo segundo do artigo 11 do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada pola Lei 63/1997, a duración máxima dos contratos de formación laboral realizados ós traballadores afectados por este convenio será de tres anos.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós contratos asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio coma ós xa vixentes con anterioridade.

Artigo 8º.-Contrato eventual por circunstancias da producción.

De acordo co previsto no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores e atendendo ás especiais circunstancias do sector, a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos será de 13 meses e medio nun período de 18.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós contratos asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio coma ós xa vixentes con anterioridade.

Artigo 9º.-Contratación indefinida.

Durante a vixencia do presente convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por tempo determinado, acollerase ó disposto na letra b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e o fomento da contratación indefinida, pola cal estes contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será a imposta pola Comunidade Económica Europea recollida nos regulamentos da CEE números 3820/1985 e 3821/1985. No non previsto neste artigo aplicarase o disposto no Acordo xeral para as empresas de transportes de mercadorías por estrada (BOE do 29 de xaneiro de 1998) e no Real decreto 1561/1995.

Artigo 11º.-Licencias.

Concederanse de acordo co establecido nas disposicións legais e serán:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 2 días en caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) 1 día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo necesario para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

e) Os traballadores, por lactación de fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal a unha hora coa mesma finalidade.

f) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

g) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 12º.-Salario.

A táboa salarial será a que figura no anexo do presente convenio e estará formada polo salario base mensual, complemento de actividade e complemento de transporte.

Para o segundo ano de vixencia do convenio, é dicir, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2001, aplicarase un incremento salarial equivalente ó IPC real do 31 de decembro de 2000.

Artigo 13º.-Antigüidade.

O presente convenio colectivo non inclúe, dentro da súa estructura salarial o complemento de antigüidade; polo tanto, a configuración deste complemento queda establecida do modo seguinte:

Os traballadores contratados a partir do 1 de agosto de 2000 non xeran aumentos periódicos polo concepto de antigüidade. Tampouco xeran incrementos periódicos por antigüidade aqueles que, aínda que fosen contratados nun momento anterior, non a adquirisen a 1 de agosto de 2000.

Aqueles traballadores que na data de entrada en vigor do presente convenio viñesen cobrando algunha cantidade en concepto de antigüidade, manterana, conxelada para anos sucesivos, como complemento ad persoam; percibirase en columna salarial independente e non será compensable nin absorbible con ningún outro incremento do convenio.

Artigo 14º.-Complemento de actividade.

Tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación do presente convenio percibirán, en concepto de complemento de actividade, a cantidade mensual que, de acordo coa súa categoría profesional, se fixa na táboa salarial incluída no anexo I.

Artigo 15º.-Complemento de transporte.

Tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación do presente convenio percibirán en concepto

de complemento de transporte a cantidade de 2.500 pesetas mensuais, segundo se establece na táboa salarial incluída no anexo I.

Artigo 16º.-Pagas extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias de 30 días de salario base e antigüidade consolidada, denominadas paga extraordinaria de xullo, paga extraordinaria de Nadal e paga de beneficios ou paga de marzo.

A paga extraordinaria de xullo farase efectiva dentro do mes de xullo, de acordo cos salarios vixentes a 30 de xuño inmediatamente anterior. A paga extraordinaria de Nadal farase efectiva antes do 22 de decembro de acordo cos salarios vixentes o 30 de novembro inmediatamente anterior. Ámbalas pagas poderán ser rateadas de mutuo acordo entre a empresa e o traballador.

A paga de beneficios ou paga de marzo devengarase do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de cada ano, e farase efectiva antes do día 15 de marzo do ano seguinte. Esta paga poderá ser rateada naquelas empresas en que ata a data o viñesen efectuando durante o ano.

Artigo 17º.-Traballos de categoría superior.

Se por conveniencia da empresa se destina un productor a traballos de categoría superior á que teña atribuída durante un período superior a seis meses nun ano ou a oito durante dous anos, o traballador poderá reclama-lo ascenso, ou, en calquera caso, a cobertura da vacante. Durante o tempo de prestación do servicio, o traballador percibirá a retribución da categoría á que circunstancialmente queda adscrito.

Artigo 18º.-Traballos de categoría inferior.

Se por conveniencia da empresa se destina un productor a traballos de categoría inferior a aquela na que estea adscrito, isto só poderá ser posible pola existencia de necesidades perentorias ou imprevisibles da actividade productiva, e a mobilidade non poderá prexudica-la súa formación profesional. Durante ese período o productor conservará o xornal correspondente á súa categoría.

Artigo 19º.-Persoal con capacidade diminuída.

As empresas deberán adapta-lo persoal con capacidade diminuída pola idade e outras circunstancias antes da súa xubilación ou retiro, destinándoo a outros traballos adecuados ás súas condicións, sempre que haxa praza vacante. O persoal acollido a esta situación non excederá do cinco por cento do total da categoría respectiva.

Artigo 20º.-Horas extraordinarias.

Aplicarase o disposto en cada momento sobre réxime de horas extraordinarias no sector do transporte.

Artigo 21º.-Vacacións.

Tódolos traballadores, con independencia da súa antigüidade na empresa, terán dereito a 30 días naturais de vacacións remuneradas ó ano; deles, polo menos 15 días ininterrompidos; poderase, non obstante, e por petición do traballador, pactar coa

empresa a forma do seu desfrute, logo de audiencia neste caso do comité de empresa ou delegados de persoal. O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle corresponden dous meses antes, polo menos, do comezo do seu desfrute.

Artigo 22º.-Festividade de Noiteboa.

Todo o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro a partir das 21 horas e ata as 6 da mañá do día seguinte percibirá por este día o seu salario normal incrementado no 200 por cento.

Artigo 23º.-Axuda de custos.

As axudas de custo que se lle satisfarán ó persoal que se desprace da súa residencia por necesidade do servicio serán:

-3.500 ptas. por día dentro de Galicia.

-4.500 ptas. día no resto de España e Portugal.

-6.500 ptas. día no resto de Europa.

Alternativamente poderá fixarse, se así o ten establecido a empresa, o sistema de gastos que haxa que xustificar.

Artigo 24º.-Póliza de seguros.

As empresas comprendidas no ámbito de aplicación deste convenio establecerán para tódolos traballadores unha póliza de seguros de morte e incapacidade permanente por accidente de traballo que lles garanta ós seus traballadores: 2.000.000 de ptas. en caso de morte e de 3.000.000 de ptas. en caso de incapacidade permanente. As empresas que na data de publicación do presente convenio non dispoñan de póliza de seguro deberán subscribila no prazo máximo de 30 días a partir da súa publicación no BOP. As empresas que xa dispoñan de póliza de seguro a favor dos seus traballadores deberán actualiza-la súa cobertura ás contías anteriormente citadas, no prazo de 60 días a partir da súa publicación no BOP.

Artigo 25º.-Carné de conducir.

Os conductores ós que, como consecuencia de conduciren un vehículo da empresa por orde e conta desta, se lles retire o carné de conducir por tempo non superior a 6 meses, serán asignados durante este tempo a outro traballo aínda que sexa de categoría profesional inferior, nalgún dos servicios dos que dispoña a empresa, e seguirán percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores privados do carné de conducir a consecuencia do consumo de drogas ou inxestión de bebidas alcohólicas, así como os casos nos que a privación do permiso de conducir derive de feitos acaecidos no exercicio da actividade de conducir allea á empresa ou como consecuencia da comisión de delictos dolosos.

Artigo 26º.-Incapacidade temporal.

No suposto de IT derivada de enfermidade común, a empresa completará a partir do vixésimo día e

durante un período máximo de dous meses, a percepción do cento por cento do salario base establecido nas táboas que figuran no anexo I do presente convenio. E no caso de accidente laboral, a percepción será desde o vixésimo día ata un período máximo de tres meses, completando a empresa ata o 100 por 100 do salario base establecido nas táboas que figuran no anexo do presente convenio. O complemento a que se refire o parágrafo anterior só poderá percibirse unha vez ó ano.

Disposición derradeira

Primeira.-No non previsto neste convenio observarase o que determina o Acordo xeral para as empresas de transporte de mercadorías por estrada, publicado no BOE do 29 de xaneiro de 1998, e no Estatuto dos traballadores.

Segunda.-Asinan este convenio as centrais sindicais UGT, CC.OO., CIG, USO, en representación da parte social e a Asociación Autónoma de Empresas de Transportes de Mercancías por Carretera (Apetamcor) e Asociación de Empresarios de Transportes de Mercancías, Agencias de Transporte de Carga Completa y Fraccionada de Ourense (Aetrans) en representación da parte empresarial.

ANEXO I

CategoríaSalario baseComplemento

de actividade

Complemento

de transporte

Conductor80.00010.0002.500

Mecánico80.00010.0002.500

Conductor-repartidor75.00010.0002.500

Mozo taller70.6806.0002.500

Mozo almacén70.6806.0002.500

Administrativo75.0006.0002.500