Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 13 de setembro de 2000 Páx. 12.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Conserveros Reunidos, S.A. (Conresa) (código de convenio 1500382).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Conserveros Reunidos, S.A. (Conresa), (código de convenio nº 1500382), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-7-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa, o día 7-7-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 28 de xullo de 2000.

José Antonio Álvarez Vidal

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Conserveros

Reunidos, S.A. (Conresa)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación á totalidade dos traballadores do cadro de persoal da empresa Conresa, de Santa Uxía de Ribeira (A Coruña), así como ós que ingresen durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración de doce meses, entrando en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2000, e durante a súa vixencia non poderá ser afectado polo disposto en convenio de ámbito distinto, todo iso ó abeiro de canto prevén o artigo 84 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aproba o Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Prórroga.

Ó se cumpri-la data do seu vencemento, o convenio colectivo prorrogarase tacitamente de ano en ano, de non mediar denuncia por calquera das partes, cunha antelación dun mes á data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais máis beneficiosas cás asinadas neste convenio, manténdose o dito respecto en forma estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Retribucións.

Os salarios base establecidos neste convenio colectivo son os que se xuntan na táboa salarial anexa.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade ó servicio da empresa quedan constituídos por dous trienios do cinco por cento e quinquenios do dez por cento calculados, en todo o caso, sobre o salario base de cada categoría profesional.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores da empresa percibirán dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se denominarán de verán e Nadal. Estas gratificacións percibiranse os días 15 de xullo e decembro, respectivamente, e a súa contía será dunha mensualidade, en concepto de paga de beneficios e dentro do primeiro trimestre do ano, a cantidade correspondente a 29 días do salario base incrementado coa antigüidade correspondente.

Artigo 8º.-Paga de bewneficios.

Tódolos traballadores da empresa percibirán, en concepto de paga de beneficios e dentro do primeiro trimestre do ano, a cantidade correspondente a 29 días do salario base incrementado coa antigüidade correspondente.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias que se realicen serán aboadas coas recargas seguintes:

-85% as horas extraordinarias realizadas en días laborables.

-160% as horas extraordinarias que se realicen en domingo ou días festivos ou as prestadas despois das vintedúas horas.

Para calcula-lo valor das horas extraordinarias recorrerase á seguinte fórmula:

Salario hora individual.

(365+G)x(S+A)

Horas ano

Na dita fórmula:

365 son os días do ano.

G é o número de días de retribución por cada paga extraordinaria, verán, Nadal e beneficios.

S é o salario base diario.

A é a antigüidade.

Horas ano é o número total de horas que se traballará durante o ano.

O salario base que resulta da aplicación da fórmula anterior servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias.

Artigo 10º

Polas especiais circunstancias que concorren nas actividades da empresa, que ten que transformar artigos perecedoiros, as partes recoñecen a ineludible necesidade de traballar un número de horas extraordinarias en relación co artigo 35 da Lei 8/1989, do 10 de marzo, e concordante todo iso co previsto no artigo 13, letras a) e b) do Acordo Interconfederal (AI).

Estas horas extraordinarias traballadas terán a consideración de estructurais, de acordo co preceptuado no artigo 7º do Real decreto 1858/1981, do 20 de agosto.

En concordancia co anteriormente disposto polos representantes dos traballadores, darase cumprimento ó disposto no artigo 4º da Orde do 1 de marzo de 1983.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Queda fixada en 40 horas semanais, tanto en xornada partida como en continua; polo tanto, para ámbolos casos queda establecida na mesma duración semanal.

Para os traballadores que realicen as súas actividades en xornada continua establécese un descanso de quince minutos de duración, de maneira que non se suspenda o proceso de producción neste tempo.

En cumprimento no determinado no punto 4º do artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, queda fixado un calendario laboral de 225 días efectivos de traballo, suma á que se chega por exclusión de domingos, sábados, festivos e período vacacional de todo o persoal.

Artigo 12º.-Complemento de nocturnidade.

Para o persoal en xornada nocturna establécese un complemento consistente no 25% do salario base,

incrementado, segundo os casos, coa antigüidade correspondente. Para as horas traballadas de venres a sábado o complemento será do 30% do salario base.

Artigo 13º.-Percepcións en caso de ILT.

Os traballadores que padezan enfermidade percibirán desde o primeiro día e durante un prazo máximo dun ano o complemento necesario para que, sumado ás prestacións da Seguridade Social, alcance o cento por cento do seu salario. Esta percepción procederá unicamente nos supostos de incapacidade laboral transitoria, que requiran en todo caso hospitalización. Nos procesos de tratamento aplicarase o disposto no Real decreto 53/1980, do 18 de xaneiro. Nos casos de accidente de traballo, a empresa completará ata o cento por cento as indemnizacións que correspondan mentres dura esta situación de ILT que requira hospitalización ou non.

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, a empresa poderá verificar en todo momento o estado de enfermidade ou accidente do traballador, mediante o persoal facultativo que para estes efectos designe a empresa.

Toda negativa ó dito recoñecemento determinará a suspensión dos dereitos económicos que puidesen existir con cargo ó empresario por estas situacións.

Artigo 14º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán dun período de 30 días naturais, retribuídos en salario real. A dirección da empresa elaborará de mutuo acordo cos traballadores un calendario de vacacións antes do día 30 de marzo, que se exporá no taboleiro de anuncios da empresa, para coñecemento dos traballadores.

Artigo 15º.-Licencias retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licencias retribuídas nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 16 días naturais.

b) Parto da esposa, 3 días. No suposto de que este teña lugar fóra do domicilio ou residencia habitual do interesado, aumentarase un día máis.

c) Falecemento do cónxuxe, fillos, pais, pais políticos e demais familia ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 3 días. Se precisase por tales causas facer un desprazamento, o total do permiso alcanzará 5 días naturais.

d) Nos demais casos ou supostos observarase canto prevé o artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo da muller.

A muller terá iguais dereitos e obrigas có home. Se a relación de traballos tóxicos, penosos ou perigosos afectara a situación de embarazo ou maternidade, estes deberán ser excluídos para a muller.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle a cada traballador dúas fundas ó ano, cunha duración calculada para tal período, entregando estas dúas pezas de roupa no mes de xaneiro; con esta medida permitirase que tales pezas de roupa poidan ser sometidas ó lavado semanal obrigatorio. Ó finaliza-lo ano, os traballadores terán que facer entrega á empresa das pezas de roupa recibidas no seu día, sexa cal fora o seu estado de conservación, por canto son propiedade da patronal.

Artigo 18º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá un seguro colectivo de vida e invalidez, a favor dos seus traballadores, cunha cobertura de 1.800.000 ptas. no caso de morte e de 2.900.000 ptas. para os casos de invalidez.

Artigo 19º.-Persoal fixo.

Os traballadores que nun prazo de dez anos permanecesen na empresa máis de cinco anos como persoal contratado pasarán a fixos do cadro de persoal.

Artigo 20º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será o órgano de interpretación, vixilancia, arbitraxe e conciliación do convenio. Estará constituída por un representante da empresa e un dos traballadores.

Artigo adicional.-En cumprimento do previsto no artigo 26.5º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aproba o Estatuto dos traballadores, faise constar, en función:

a) O número de horas de traballo durante a vixencia do convenio será de 1.800 de traballo efectivo.

b) Que a remuneración anual dos traballadores, en función do dito número de horas, é a seguinte:

Categoría profesionalTotal pesetas

Xerente3.525.615
Axudante titulado3.110.541
Xefe administrativo3.110.541
Xefe producción3.110.541
Contable2.357.476
Administrativo2.069.123
Encargado2.100.815
Auxiliar administrativo2.037.312
Aspirante administrativo1.288.318
Mecánico2.008.824
Oficial1.980.172
Chofer1.980.172
Axudante1.958.690
Peón1.912.822

ANEXO

Táboa de salarios

Categoría profesionalTotal pesetas

Xerente235.512
Axudante titulado207.785

Categoría profesionalTotal pesetas

Xefe administrativo207.785
Xefe producción207.785
Contable157.480
Administrativo138.218
Encargado140.335
Auxiliar administrativo136.093
Aspirante administrativo86.060
Mecánico134.190
Oficial132.276
Chofer132.276
Axudante130.841
Peón127.777

Disposición adicional segunda.-Os salarios establecidos na táboa salarial serán revisados se o IPC de decembro de 2000 supera con respecto ó 31 de decembro de 1999 o 2 por cento.

Este incremento aplicarase con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2000.

Composición da comisión paritaria.

En representación da empresa:

Juan Carlos Cobas Ponte.

Por representación dos traballadores:

José Ramón Pérez Amor.

Santa Uxía de Ribeira, 7 de xullo de 2000.

Seguen as sinaturas.