Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 13 de setembro de 2000 Páx. 12.912

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gómez de Castro, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Gómez de Castro, S.A., con nº de código 3603292, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-7-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo delegado de persoal, en data 7-7-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de xullo de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Gómez de Castro, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regula as condicións de traballo entre a empresa Gómez de Castro, S.A., e os traballadores que prestan servicios para ela en Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Afecta este convenio a tódolos traballadores da empresa Gómez de Castro, S.A. que presten servicios no centro de traballo con que actualmente conta en Pontevedra, ou naqueloutros centros que poida abrir durante a súa vixencia nesa provincia; afectando tanto ó persoal actualmente existente, como ó que ingrese durante a vixencia do convenio, xa sexa por nova contratación ou por traslado doutros centros.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio, con independencia da data da súa publicación, producirá efectos desde o día un de xullo de dous mil, con vixencia ata o día 31 de decembro do ano dous mil dous.

Como excepción ó establecido no parágrafo anterior, o artigo 14º, sobre póliza de seguros, entrará en vigor o mes seguinte ó da publicación do presente convenio, debido á necesidade de proceder á contratación desa póliza cun terceiro.

Finalizado o prazo de vixencia, entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, como mínimo, á data da súa terminación ou prórrogas.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

En caso de nulidade parcial ou modificación de calquera desas condicións, quedará na súa totalidade sen eficacia, debendo negociarse todo o seu contido.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que, a título persoal, puidesen te-los traballadores afectados polo presente convenio.

Artigo 6º.-Lexislación supletoria.

En tódolos aspectos que non estean desenvolvidos neste convenio colectivo, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores, R.D. 1561/1995, convenio de OIT nº 153, Regulamento CEE nº 3820/1985.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada ordinaria de traballo será de 1.826 horas e 27 minutos anuais de traballo efectivo, en cómputo trimestral de 456 horas e 37 minutos; consideraranse como horas extraordinarias o tempo de traballo efectivo que exceda desa xornada, respectándose, en todo caso, a normativa vixente en materia de conducción.

O tempo de conducción non poderá exceder de nove horas diarias, excepto dúas veces por semana, que poderá chegar a dez horas, sendo de aplicación os regulamentos CEE 3820/1985 e 382/1985, así como o Real decreto 1561/1995.

O descanso diario terá unha duración de once horas consecutivas. Non obstante, poderá reducirse o descanso diario de once a nove horas tres veces por semana, pero na semana seguinte deberá compensarse o descanso non desfrutado. Así mesmo, o descanso diario poderá ser substituído por descanso tomados en dous ou tres períodos durante as vintecatro horas, sendo un dos períodos de oito horas, como mínimo; neste último suposto, a duración do descanso diario será de doce horas en total.

Nos transportes interurbanos, o tempo de conducción ininterrompida axustarase ó establecido na normativa de aplicación actualmente vixente, ou a aquela que veña a substituíla.

O posible exceso de horas de traballo efectivo en cómputo inferior ó trimestre, poderá compensarse con tempo de descanso, non tendo o tempo traballado a consideración de horas extraordinarias sempre que non exceda da xornada establecida en cómputo trimestral.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria, o traballador se encontre no seu posto de traballo.

Artigo 8º.-Definición do tempo de traballo.

-Para o persoal de movemento:

a) Terá a consideración de traballo efectivo a conducción durante a circulación do vehículo e os traballos auxiliares que se realicen en relación co vehículo, os viaxeiros ou a súa carga.

b) Tempo de presencia:

Será tempo de presencia aquel período da xornada no que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, se encontre á disposición da empresa, tanto nos locais desta como no vehículo.

Terán a consideración de tempo de presencia as gardas, reténs, expectativas, avarías, esperas e outras similares nas que o traballador, mesmo non prestando traballo efectivo, se encontre á disposición da empresa.

O tempo de presencia non excederá de 80 horas en cómputo mensual.

As horas de presencia non se computarán para efectos de horas extraordinarias, sen prexuízo de que a súa remuneración sexa de igual contía que as horas ordinarias. Poderán, sen embargo, computarse para efectos de xornada cando se realicen menos horas de traballo efectivo cás legalmente autorizadas.

c) Tempo de espera.

Terá a consideración de tempo de espera aquel no que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, nas localidades que non sexan principio ou fin de traxecto. Considerarase que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo, cando poida dispor libremente do seu tempo por non estar á disposición da empresa.

Computarase ó 50%, e aboarase como o tempo de presencia.

As esperas en localidades de principio ou fin de traxecto, fóra da residencia habitual do traballador ou do lugar da súa toma habitual do servicio, non computarán para efectos de xornada, nin como traballo efectivo, nin como tempo de presencia.

Artigo 9º.-Descanso semanal e festivo.

Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompido, que poderá acumularse mensualmente.

As festas laborais, que terán carácter retribuído e non recuperable, serán de catorce ó ano.

Cando excepcionalmente e por razóns técnicas ou organizativas non se puidese desfrutar do día de festa correspondente ou do descanso semanal, a empresa poderá optar entre proporcionar un descanso compensatorio ó traballador dentro dos 30 días seguintes, ou aboarlle os salarios correspondentes incrementados nun 50%

Artigo 10º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio da empresa desfrutará un período anual de vacacións de 30 días naturais, a excepción dos traballadores que ingresen ou cesen no transcurso do ano, os cales desfrutarán a parte proporcional daquel período en función do tempo de prestación de servicios, e o seu desfrute deberá ter lugar, nun ou máis períodos, dentro da anualidade á que correspondan.

Artigo 11º.-Permisos e licencias.

Os traballadores, logo de aviso e posterior xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a retribución, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días en caso de nacemento de fillo, enfermidade grave ou morte de fillos ou cónxuxe. O traballador terá dereito a un día máis de permiso se con tal motivo tivese a necesidade de desprazarse a unha distancia mínima de 80 quilómetros, ida e volta, contados desde o municipio onde o traballador teña o seu domicilio.

c) Dous días en caso de enfermidade grave ou morte doutros parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Un día por traslado de domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración do permiso e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun perío

do de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador á situación de excedencia regulada no punto un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos legais ou convencionalmente establecidos.

g) Ata dous días anuais por asuntos propios, con obriga do traballador de comunica-la súa intención de proceder ó seu desfrute cunha antelación mínima de setenta e dúas horas.

Artigo 12º.-Retirada do permiso de conducir.

Ós conductores que, como consecuencia de conducir un vehículo da empresa, por conta e orde desta, se lles retire o permiso de conducir por tempo non superior a 182 días, serán adaptados durante este tempo a outro traballo, mesmo cando sexa de categoría profesional inferior, nalgúns dos servicios de que dispoña a empresa, e seguirá percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores que se vexan privados do permiso de conducir como consecuencia do consumo de drogas ou da inxestión de bebidas alcohólicas en exceso sobre o permitido pola lei.

Artigo 13.-Compensación en caso de baixa.

Completarase a diferencia entre a prestación percibida con cargo á Seguridade Social por incapacidade temporal, e o salario base deste convenio cando aquela estea motivada por accidente de traballo con hospitalización; no caso de non producirse hospitalización, o complemento citado aboarase durante un máximo de 70 días.

No caso de baixa por enfermidade común, a empresa completará a diferencia entre a prestación percibida e o 80% do salario.

Artigo 14º.-Póliza de seguros.

A empresa concertará as seguintes pólizas:

a) Persoal de movemento.

Para estes traballadores aplicarase o disposto na póliza de seguros que establece a lei e o Regulamento do seguro obrigatorio de viaxeiros, sendo a súa contía, en caso de morte, de 6.000.000 de ptas. e de 7.000.000 de ptas. no caso de invalidez permanente, nos supostos de accidente producidos no autocar.

b) Resto do persoal.

Exclusivamente para o persoal de ausencia de non movemento, contratarase unha póliza de seguros cunha entidade aseguradora que cubra a contía de 3.500.000 pesetas en caso de morte por accidente

laboral e de 3.500.000 pesetas no caso de invalidez permanente absoluta, derivada así mesmo do accidente laboral.

Artigo 15º.-Gastos de traslado por falecemento en accidente laboral ou incapacidade do traballador.

No caso de que un traballador, en comisión de servicio fóra da súa residencia habitual, morrese ou quedase imposibilitado para volver á súa residencia, a empresa farase cargo do traslado ata o seu domicilio acompañado de dous familiares, no caso de que estes gastos non estivesen cubertos por un seguro ou fosen imputable a terceiros.

Artigo 16º.-Xubilación anticipada.

A xubilación será forzosa ó cumpri-lo traballador os 65 anos sen excepción, sempre que reúna os requisitos esixidos pola Seguridade Social sobre períodos de carencia, en atención ás melloras e condicións pactadas neste convenio.

Sempre que exista acordo previo e para cada caso concreto, entre empresa e traballador, este poderá acollerse á xubilación anticipada ós 64 anos, que regula o Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 17º.-Maternidade.

-Excedencia:

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, de se-lo caso, porá fin ó que se viña desfrutando. Durante o primeiro ano, desde o comezo de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo e a que ese período lle sexa computado para efectos de antigüidade. Finalizado este, e ata a finalización do período de excedencia, serán de aplicación, salvo pacto colectivo ou individual en contra, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

-Suspensión:

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, ampliable por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, e poderá facer uso destas o pai, para o coidado do fillo, no caso de falecemento da nai.

No non previsto aplicarase o disposto no artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores e na Lei 39/1999, do 5 de novembro.

-Lactación:

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai, no caso de que ambos traballen.

Artigo 18º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

1. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo de antigüidade na súa vixencia, concederase:

a) Por designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) A quen desempeñe cargos electivos a nivel provincial, autonómico ou estatal nas organizacións sindicais máis representativas, que así mesmo imposibiliten a asistencia ó traballo, O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público ou sindical.

2. O traballador cunha antigüidade dun ano, polo menos, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia. O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó ingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 19º.-Uniformes.

A empresa concederalle ó persoal de movemento dous uniformes: un de inverno e outro de verán, de común acordo entre a empresa e os traballadores.

Ó persoal de talleres dúas fundas ó ano e botas de seguridade.

Artigo 20º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que corresponden ó persoal afectado polo presente convenio, durante o ano 2000, son os que figuran na táboa salarial anexa.

Para os sucesivos anos de vixencia, os salarios contidos nesa táboa incrementaranse na mesma porcentaxe que o IPC previsto polo Goberno para cada un deses anos. En caso de que o IPC real estatal experimentase un incremento superior á previsión efectuada polo Goberno, efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra, con efectos do día 1 de xaneiro do ano, que servirá de base para a aplicación do incremento correspondente ó ano seguinte.

Artigo 21º.-Antigüidade.

Aqueles traballadores que antes do día 30-6-2000 estivesen percibindo o complemento de antigüidade seguirán percibindo o importe nese momento acre

ditado, como antigüidade consolidada, actualizándose o mencionado importe nas mesmas condicións e porcentaxes có salario base do presente convenio.

O persoal que na expresada data do 30-6-2000 non estivese percibindo o referido complemento de antigüidade, ou que ingrese con posterioridade á sinatura deste convenio, percibirá polo dito concepto as seguintes contías fixas:

Ós 3 anos: 3.000 ptas.

Ós 5 anos: 6.000 ptas.

Ós 10 anos: 9.000 ptas.

Ós 15 anos: 12.000 ptas.

Os expresados importes comezarán a devengarse a partir do día 1 do mes seguinte ó do cumprimento do respectivo prazo, computado desde o ingreso do traballador na empresa.

Artigo 22º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a tres pagas extraordinarias: xullo, Nadal e marzo.

O importe de cada unha delas será o correspondente a unha mensualidade de 30 días de salario máis antigüidade, e aboaranse en proporción ó tempo traballado no período anual ó que correspondan, debendo ser feitas efectivas antes do 22 de xullo, 20 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Procurarase a supresión das horas extraordinarias. En caso de realización, estas aboaranse cun incremento non inferior ó 50% sobre o salario que corresponda a cada hora ordinaria.

Artigo 24º.-Complemento de nocturnidade.

O persoal que traballe entre as 22 e as 6 horas percibirá un complemento por traballo nocturno, equivalente ó 25% do salario base sinalado para a súa categoría profesional nas táboas de salarios deste convenio. Este complemento percibirano mesmo aqueles traballadores que por razón da súa quenda de traballo efectúen a súa xornada dentro destes límites, pero para iso será preciso que polo menos traballen tres horas dentro do período considerado. Exclúese, en todo caso, do cobro do expresado complemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado para tal fin.

Artigo 25º.-Conductor-perceptor.

O conductor-perceptor percibirá, ademais da remuneración de conductor, un suplemento salarial do 20% do seu salario base, que se devengará en proporción ó tempo en que realice ambas funcións.

Ó cobro do referido complemento terá dereito o conductor-perceptor en razón ó tempo en que desen

volva a súa función como tal conductor-perceptor; a distribución do tempo será facultativa para a empresa, a cal se non desexa que realice funcións de cobranza poderá establece-la formula para aplicar; neste suposto non se percibirá retribución por tal función.

Artigo 26º.-Complemento de presencia.

Dada a dificultade de determina-las horas de presencia, no caso individual, as partes acordan un pagamento global destas de 8.931 ptas. mensuais, sempre e cando, sumando as horas efectivas, tempo de presencia e tempo de espera, supere a xornada laboral establecida, ou a realización de horas de presencia e de espera, entendendo que ó supera-la xornada laboral con horas efectivas dará lugar ó pagamento das correspondentes horas estructurais ou extraordinarias.

Este complemento non se aboará durante as vacacións e durante os períodos de baixa por enfermidade ou accidente, a excepción dos casos nos que a baixa sexa a consecuencia de accidente producido durante o tempo de traballo efectivo, presencia ou espera.

Artigo 27º.-Complemento de transporte.

Establécese con carácter extrasalarial un complemento de transporte para tódolos traballadores, consistente en 13.000 ptas. ó mes.

Artigo 28º.-Axudas de custos.

O persoal que por razóns de servicio deba desprazarse fóra do seu lugar habitual de traballo, terá dereito ó percibo dunha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axuda de custos.

Dará dereito á percepción de axuda de custos completa a realización dun servicio que obrigue ó traballador a comer, cear e pasa-la noite fóra da súa residencia habitual.

A parte da axuda de custos correspondente á cea percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da residencia habitual ou, en todo caso, cando o traballador, aínda encontrándose no lugar da súa residencia habitual, finalice o servicio despois das 23 horas e non tivese polo menos hora e media para cear antes da dita hora.

A parte da axuda de custos correspondente á comida percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da residencia habitual ou, en todo caso, cando o traballador, aínda encontrándose no lugar da súa residencia habitual, saia antes das 12.15 horas e retorne despois das 14.30 horas, e non teña polo menos hora e media para comer, antes ou despois das indicadas horas.

O importe das axudas de custos será o seguinte:

-Servicios regulares:

Axuda de custos completa: 4.070 ptas.

Comida: 1.245 ptas.

Cea: 1.245 ptas.

Pernoita: 1.580 ptas.

-Servicios discrecionais a todo o territorio estatal e Portugal:

Axuda de custos completa: 6.440 ptas.

Comida: 2.015 ptas.

Cea: 2.015 ptas.

Pernoita: 2.410 ptas.

-Servicios discrecionais ó estranxeiro, agás Portugal:

Axuda de custos completa: 9.410 ptas.

Comida: 2.880 ptas.

Cea: 2.880 ptas.

Pernoita: 3.650 ptas.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento da comida e, de se-lo caso, o aloxamento en substitución das axudas de custos previstas no presente artigo.

Artigo 29º.-Quebranto de moeda.

En concepto de quebranto de moeda os conductores-perceptores percibirán a cantidade de 130 ptas., por cada día en que leven a cabo eses labores.

Artigo 30º.-Dereitos sindicais.

Aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores e demais normas de aplicación.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, constituirase unha comisión paritaria integrada por dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores, de entre os que tomaron parte na comisión negociadora do convenio, e nomeados polo dito comité.

Artigo 32º.-Contratos de duración determinada.

Os contratos de duración determinada, regulados no artigo 15 do Estatuto dos traballadores, por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, poderán ter unha duración máxima de dez meses, nun período de doce meses.

Artigo 33º

Asinan este convenio colectivo, pola representación económica, a empresa Gómez de Castro, S.A., e pola representación da parte social, os representantes dos traballadores que figuran na acta.

ANEXO

Táboa de salarios desde o 1-7-2000 ó 31-12-2000

Categoría profesionalPtas./mesPtas./día

* Persoal administrativo
Xefe de servicio156.469
Enxeñeiros e licenciados136.368
Xefe de negociado108.710
Oficial de primeira98.319
Oficial de segunda91.917
Auxiliar administrativo83.146

* Persoal de movemento
Xefe de tráfico de primeira118.054
Xefe de tráfico de segunda113.855
Xefe de tráfico de terceira107.007
Inspector3.388
Conductor-perceptor3.316
Conductor3.257
Cobrador2.842
Mozo de administración2.710
Taquilleres/asv91.199

* Persoal de talleres
Xefe de taller135.302
Encargado de taller105.705
Xefe de equipo3.541
Oficial de primeira3.410
Oficial de segunda3.251
Oficial de terceira3.110
Aprendices(Salario mínimo segundo idade en cada caso)