Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Luns, 11 de setembro de 2000 Páx. 12.819

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Céltica Componentes Automóvil, S.L. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Céltica Componentes Autómovil, S.L. de Ourense (código convenio 3200922), con entrada nesta delegación provincial o día 19-7-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa, o día 7-7-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á

Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo,

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 26 de xullo de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa Celcoauto, S.L. de 2000-2001

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo é de aplicación no centro de traballo de Celcoauto, S.L. Céltica de Componentes del Automóvil, S.L., situado na avda. de Redondela nº 1, no parque tecnolóxico de Galicia, no municipio de San Cibrao das Viñas, Ourense.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio é de aplicación a todo o persoal que presta os seus servicios na empresa Celcoauto, S.L. así como a tódolos traballadores e traballadoras desde o momento da súa incorporación á empresa.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entra en vigor para tódolos efectos o día 1-1-2000, independentemente da súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia e é de aplicación ata que se asine outro ou outros que o substitúan.

Establécese unha duración de dous anos; desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2001. A denuncia na que se propoña a resolución ou revisión do convenio será automática ó chegar ó termo da súa vixencia, ata a entrada en vigor dun convenio revisado, quedando prorrogado ata a sinatura do seguinte convenio.

A táboa salarial anexa establécese con vixencia e efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2000.

Artigo 4º.-Productividade.

O fin primordial deste convenio é mellora-las condicións laborais dos traballadores, así como obte-la integración laboral dos discapacitados.

Dentro da actividade normal, os traballadores deben realizar en cada xornada de traballo a cantidade de nove unidades/día, do volante de referencia modelo: X-64.

No caso de que se varíe o modelo de volante para forrar revisaranse as unidades/día para realizar como actividade normal por cada un dos traballadores. As unidades/día do novo modelo serán fixadas en función da equivalencia ó modelo de referencia.

Cando por causas externas ou alleas ó traballador, este non chegue ó mínimo esixible de unidades día, manteráselle para esa xornada a cantidade media que leve acumulada no mes. Así mesmo, esta media manteráselles ós membros do comité de empresa, para as xornadas de traballo en que polo exercicio de actividades sindicais relacionadas coa empresa, que deban desenvolver dentro da xornada de traballo, vexan reducida a súa productividade.

No caso de que se introduzan novas liñas de producción, as unidades/día serán fixadas logo de acordo, na comisión paritaria.

Artigo 5º.-Categorías profesionais.

As categorías profesionais que desempeñen os traballadores que prestan os seus servicios na empresa corresponderanse coas definidas no anexo III.

Artigo 6º.-Principio de igualdade de oportunidades e de trato.

Ningún traballador ou traballadora poderá ser discriminado/a por razón de sexo. Tódolos traballadores ou traballadoras teñen dereito ó respecto á súa dignidade e á protección da súa intimidade. Segundo isto, en consonancia coa lexislación vixente, os representantes dos traballadores (comité de empresa), vixiarán o cumprimento das seguintes normas:

a) Que non figure nas condicións de contratación ningún requisito que supoña discriminación en función do sexo.

b) Que non se produzan diferencias nas denominacións dos postos de traballo en función do sexo.

c) Que ningún traballador ou traballadora poida ser obxecto de decisións e condicións, ou calquera clase de medidas, que comporten un trato discriminatorio en materia de salarios, promoción, conservación do posto de traballo, etc. por razón de sexo.

d) Ningún traballador ou traballadora pode ser discriminado ou discriminada, sancionado ou sancionada, despedido ou despedida por cuestións relativas á súa intimidade, sempre que non afecten á actividade laboral.

Artigo 7º.-Período de adaptación e período de proba.

Establécese un período de proba, durante o cal o ingreso do traballador será provisional, mentres non transcorra este. O dito período será de tres meses para tódolos traballadores.

O período de adaptación ó novo posto de traballo, é de tres meses para calquera dos traballadores minusválidos que pasen a formar parte da empresa, xa sexan operarios, persoal administrativo ou técnicos, titulados ou non.

Durante o período de adaptación, os traballadores e traballadoras teñen os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñan, como se fosen do cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba ou o de adaptación de se-lo caso, sen que se producise o desistimento, o contrato produce plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

A situación de incapacidade transitoria que afecte os traballadores e traballadoras durante o período de proba ou de adaptación, interrompe o seu cómputo, continuando unha vez que finalice esa situación, excepto cando a enfermidade que motive esa incapacidade transitoria sexa consecuencia ou estea relacionada coa actividade, o posto de traballo ou as materias primas que se utilizan no proceso de producción.

Durante o período de proba ou o período de adaptación, tanto a empresa como o traballador poderán desistir unilateralmente do contrato de traballo, sen aviso previo nin indemnización.

Artigo 8º.-Rexistro de persoal.

A empresa está obrigada a levar un rexistro do persoal. Os modelos de cotización á Seguridade Social TC-1 e TC-2 teñen que estar expostos no taboleiro de anuncios da empresa.

Artigo 9º.-Prohibición de discriminación.

Prohíbese toda discriminación por razón de sexo, idade ou nacionalidade dos traballadores en materia salarial de promoción e ascenso.

Artigo 10º.-Situación laboral dos traballadores.

A empresa está obrigada a lles entregar ós traballadores dentro dos dez días seguintes á súa incorporación ó traballo, unha copia da alta (contrato de traballo), debidamente rexistrada e selada polo organismo competente.

Artigo 11º.-Contratación.

Os contratos que concerte o centro especial de emprego Celcoauto, S.L. poderán axustarse a calquera das modalidades de contrato de traballo previstas no Estatuto dos traballadores e nas súas normas de desenvolvemento.

En materia de contratación laboral aplicaranse en todo caso, as disposicións legais ou normas convencionais de maior rango sobre a materia tanto de carácter xeral como especial.

Fomentarase en todo caso o contrato estable e daráselle prioridade á contratación indefinida.

Artigo 12º.-Salario base.

Establécense como conceptos retribuídos os fixados nas táboas anexas para os distintos anos de vixencia do convenio.

Artigo 13º.-Complemento persoal por antigüidade.

Establécese un complemento persoal de antigüidade do 3% sobre o salario base de cada quinquenio. O novo quinquenio debe aboarse na nómina do mes seguinte ó do seu vencemento.

Artigo 14º.-Complemento de producción.

Tódolos traballadores da empresa, excepto os que teñan a categoría de auxiliar administrativo e xerente, cobrarán mensualmente un complemento de producción de 2.100 ptas.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores e traballadoras teñen dereito á percepción de dúas pagas extras, unha no mes de xullo e outra no mes de decembro.

A contía destas pagas extraordinarias está integrada polos conceptos de salario base e, se é o caso, cando lles corresponda o complemento de productividade e/ou antigüidade.

As datas en que deben ser aboadas son: o 15 de xullo para a paga de verán e o 15 de decembro para a paga de Nadal.

Artigo 16º.-Traballo da muller.

Entendémo-lo embarazo como unha función social e non como un tema que afecte unicamente á muller.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o embarazo un posto de traballo e quenda distintos ó seu, se a prescrición do especialista que atende o seu embarazo así o aconsella, propóndolle o representante dos traballadores á empresa, o cambio de posto de traballo ou quenda.

O cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría nin mingua nos seus dereitos económicos. Terminada a causa que motivou o cambio, procederase á súa reincorporación ó seu destino orixinal.

Ante a imposibilidade de cambio do posto de traballo, a traballadora embarazada pasará á situación de incapacidade temporal e, tal como se considera anteriormente, tralo informe do médico especialista.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa está obrigada a lles facilitar a tódolos traballadores e traballadoras, desde o primeiro día da súa incorporación, a roupa de protección e hixiene necesaria, segundo a lexislación vixente. Todo o persoal ten que recibir dúas fundas ou batas ó entrar na empresa por primeira vez e unha peza de roupa máis cada seis meses.

Artigo 18º.-Xornada de traballo e horarios.

A xornada de traballo durante a vixencia do presente convenio é de 40 horas semanais. Esta xornada non pode superar en cómputo anual as 1.792 horas de traballo efectivo. Dentro da xornada diaria, compréndese o desfrute de 20 minutos de bocadillo, como tempo efectivo de traballo.

Para adapta-la xornada laboral ó mencionado cómputo anual, no ano 2000 corresponden dous días libres. Para estes efectos son inhábiles os días: 24 de xullo e 7 de decembro, aínda que, logo de acordo co comité de empresa poderán variarse eses días.

As quendas de traballo e os horarios serán fixados pola empresa segundo as necesidades de producción, logo de acordo coa comisión paritaria.

Artigo 19º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais, dos cales 15 se desfrutarán ininterrompidamente dentro do período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de agosto e serán fixados de común acordo pola empresa e o comité de empresa, segundo as necesidades de producción.

Os restantes quince días de vacacións de cada un dos traballadores, fixaranse de mutuo acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores dentro dos tres primeiros meses do ano, conxuntamente co calendario laboral.

Artigo 20º.-Desprazamento.

Se por necesidades da empresa os traballadores e traballadoras se tivesen que desprazar a outro centro e localidade distinta, o tempo que se emprega no desprazamento entre o centro de traballo habitual e o centro de destino procurarase que coincida coa xornada establecida, tendo en conta as dispoñibilidades de transporte.

Tódolos gastos que, de se-lo caso, se lles ocasionasen ós traballadores e traballadoras en desprazamento por necesidades e orde da empresa serán aboados por esta mediante a fórmula de gastos para xustificar.

A empresa porá á disposición dos traballadores e traballadoras o medio de transporte para o seu desprazamento desde o lugar da súa residencia habitual ó centro de traballo e regreso ó primeiro, unha vez finalizada a xornada de traballo. Este medio de transporte porase para os traballadores e traballadoras que teñan a súa residencia habitual na cidade de Ourense, e realizará un itinerario establecido de mutuo acordo pola empresa e o comité de empresa.

Os traballadores e traballadoras que non residan nas proximidades do itinerario do transporte facilitado pola empresa, recibirán un complemento mensual de distancia de 160 pesetas diarias, por cada día de asistencia ó traballo.

Artigo 21º.-Seguro colectivo.

A empresa concertará con prima íntegra ó seu cargo, unha póliza de seguros que cubra as seguintes continxencias e indemnizacións.

a) Accidente laboral con resultado de morte: 5.000.000 de ptas.

b) Accidente laboral con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez: 5.000.000 de ptas.

Artigo 22º.-Permisos e licencias.

Os traballadores e traballadoras, logo de solicitude, teñen dereito a permiso remunerado nas situacións e circunstancias previstas no Estatuto dos traballadores, aínda que se modifica o dito réxime nas circunstancias seguintes:

a) No caso de permiso para exames, darase un día de permiso cando teña lugar dentro da provincia de Ourense; cando sexa fóra desta provincia serán dous os días de permiso.

b) Para consultas médicas fóra da provincia de Ourense serán dous días de permiso.

c) Os pais políticos consideraranse parentes de segundo grao, para efectos de concesión de permisos.

Artigo 23º.-Réxime disciplinario e sancionador.

O réxime sancionador e disciplinario, é dicir, as faltas, sancións e a súa prescrición, rexerase polo Estatuto dos traballadores e o ordenamento vixente.

Artigo 24º.-Competencias do comité de empresa.

O comité de empresa ten as competencias recoñecidas no artigo 64 do Estatuto dos traballadores, a lexislación vixente e no presente convenio.

Artigo 25º.-Candidatos ás eleccións sindicais.

A empresa está obrigada a facilita-lo proceso electoral sindical tal e como sinala a normativa vixente ó respecto. Así mesmo, non pode tomar represalias contra ningún dos traballadores ou traballadoras que se presenten como candidatos/as ás eleccións sindicais, por motivo da presentación da súa candidatura.

Artigo 26º.-Plan de prevención.

O centro de traballo estará dotado dun plan de prevención e dos servicios técnicos necesarios esixidos polo ordenamento xurídico vixente.

Artigo 27º.-Avaliacións ambientais.

Seguiranse as prescricións previstas nas disposicións legais vixentes

Artigo 28º

A empresa está obrigada ó estricto cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais e das normas de seguridade e hixiene no traballo, en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias de urxencia, duchas, etc, todo iso en cumprimento da lexislación vixente.

Os delegados/as de prevención deben ser elixidos por tódolos traballadores e traballadoras do cadro de persoal e teñen tódolos dereitos que a lexislación vixente lles outorga.

Artigo 29º.-Revisión médica.

A empresa está obrigada a lles facilitar a tódolos traballadores e traballadoras vinculados polo presente convenio, a realización dunha revisión médica anual. Esta revisión debe ser efectuada pola Seguridade Social ou pola mutua patronal corresponden

te. Esta revisión debe incidir dunha forma especial na detección das posibles patoloxías que poidan derivarse da utilización dos productos tóxicos ou perigosos utilizados na empresa e que poidan supor a curto ou longo prazo un perigo para a saúde dos traballadores e traballadoras.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria está integrada polos membros do comité de empresa e da persoa ou persoas que designe a dirección de empresa.

Cada unha das partes pode designar asesores permanentes ou ocasionais.

A comisión debe mediar, conciliar e arbitrar coñecendo e dando solución a cantas cuestións e conflictos lles sexan sometidos ás partes. Velará polo cumprimento do presente convenio e será informada sobre calquera aspecto que poida supor un cambio ou modificación das condicións de traballo ou que afecten ó futuro dos traballadores e traballadoras.

Disposición adicional

Única.-Co fin de mante-lo poder adquisitivo dos traballadores, os conceptos salariais previstos no presente convenio serán actualizados anualmente durante a súa vixencia, tomando como referencia o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo INE, en computo anual que se publique durante o mes de xaneiro. A actualización será a da porcentaxe do dito IPC, incrementado nun punto.

Esta actualización aplicarase ó salario base, ó incentivo e os complementos de distancia e producción.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os atrasos derivados deste convenio, independentemente da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP, deben ser aboados dentro dos catro meses seguintes á sinatura do convenio.

Segunda.-Para o non recollido neste convenio, observarase o que determine en cada momento a lexislación vixente e calquera outra norma actual ou que se dicte no futuro.

ANEXO I

Táboa salarial

Salario base

Categorías profesionaisNº mensual

Categoría 1. Xerente200.500

Categoría 2. Encargado de planta121.770

Categoría 3. Auxiliar administrativo96.630

Categoría 4. Xefe de equipo96.630

Categoría 5. Controlador94.000

Categoría 6. Operario cualificado86.000

Categoría 7. Operario78.000

Complemento de distancia e incentivo

Categorías profesionaisComplemento distanciaComplemento

productividade

Categoría 1. XerenteCando corresponda conforme o artigo 20 (160 ptas. diarias)-

Categoría 2. Encargado de planta2.100

Categoría 3. Auxiliar administrativo-

Categoría 4. Xefe de equipo2.100

Categoría 5. Controlador2.100

Categoría 6. Operario cualificado2.100

Categoría 7. Operario2.100

ANEXO II

IncentivoAno 2000

Por cada unidade de producción superior a nove unidades/día do volante de referencia na sección de forrado, en cada xornada de traballo325 ptas./hora

ANEXO III

Categorías profesionais

Categoría 1.-Xerente.

É aquel traballador que desempeña as tarefas propias da xestión, dirección e organización dos recursos, humanos e materiais. As súas funcións son as seguintes: supervisión e verificación da presencia dos traballadores, supervisión da producción e establecemento de medidas correctoras, establecemento e verificación dos plans diarios de traballo, control do traballo desenvolvido polos encargados de planta, seguimento e control do cumprimento das normas de funcionamento da planta, relacións externas co provedor e cliente, posta en marcha e comprobación da operatividade dos sistemas productivos, seguimento e control dos métodos de traballo establecidos polo provedor e xustificación da implantación dos novos métodos, etc.

Categoría 2.-Encargado de planta.

Aquel traballador que desempeña as tarefas relativas á xestión de persoal referentes ó seguimento dos traballadores en aspectos tales como: adecuación do traballador ó posto de traballo, evolución das persoas, seguimento do cumprimento das normas da empresa, xestión de baixas, relación coa mutua de accidentes laborais e cuestións relacionadas coa contratación de persoal, etc.

Asume a dirección da quenda de traballo, motivando e estimulando os traballadores, para conse

gui-lo desempeño máis eficiente cun esforzo constante e razoable.

As funcións que desempeñará son as seguintes: control de persoal no cumprimento de horarios, control diario da producción do persoal, cumprimento diario de plans de traballo, supervisión do traballo realizado polos controladores de calidade, control do almacén de materiais e consumibles, supervisión de entrada e saída de volantes sen forrar, acabados, así como calquera outra materia prima ou producto; carga e descarga de mercadoría, aprovisionamento de materiais para os postos de traballo, organización do almacén de recepción e expedición de mercadorías.

Categoría 3.-Auxiliar administrativo.

Aquel traballador que cos coñecementos xerais de índole administrativa, auxilia nos traballos propios da súa categoría nas seguintes funcións: redacción de correspondencia de trámite, xestión de saídas de material, arquivo de albarás, etc.

Categoría 4.-Xefe de equipo.

Aquel traballador que asume a dirección dun equipo de traballo, motivando e estimulando os traballadores, para consegui-lo desempeño máis eficiente cun esforzo constante e razoable, baixo a supervisión do encargado de planta.

Categoría 5.-Controlador.

As súas funcións son as seguinte: control da calidade total de volantes forrados terminados, enfundado e/ou precintado de volantes OK., embalaxe e asegurado con estelizas dos volantes ou productos acabados en caixas ou gaiolas paletizadas.

Categoría 6.-Operario cualificado.

Aquel traballador que obtén uns niveis de destreza e cualificación tal que alcance o nivel de producción definido no artigo 4º como actividade normal (nove unidades diarias do volante de referencia X-64).

Categoría 7.-Operario.

Aquel traballador que despois de supera-lo período de formación non alcanza os niveis de destreza e

cualificación correspondentes a un operario cualificado.

Parque Tecnolóxico de Galicia - San Cibrao das Viñas (Ourense).

7 de xullo de 2000.