Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Xoves, 24 de agosto de 2000 Páx. 12.254

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2000, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte denominado Esperón, Serra Ladeiras e O Viso, a favor dos veciños dos lugares de Fonte Arcada e O Mosteiro, no concello dos Blancos (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o 18 de maio de 2000, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado Esperón, Serra Ladeiras e O Viso, por solicitude dos veciños dos lugares de Fonte Arcada e O Mosteiro, no concello dos Blancos.

Resultando que con do data 10 de maio de 1996 tivo entrada no rexistro da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños do lugar de Fonte Arcada, concello dos Blancos (Ourense), solicitando que se declare o monte Esperón, Serra Ladeiras e O Viso como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial en sesión que tivo lugar o 12 de xuño de 1996, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores del a Abel Carvajales Santaeufemia e a Manuel Bouzas Costa, quen aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños do lugar de Fonte Arcada, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde-presidente do Concello dos Blancos, á delegación provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Castastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e Confederación Hidrográfica do Norte, ó xefe do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural, e publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello dos Blancos durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia

estendida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, para que durante o prazo sinalado en edictos os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente, se practicou no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia como segue:

«Anotación A, do predio nº 7.369, ó folio 76; anotación A, do predio 7.370, ó folio 77; anotación A, do predio 7.371, ó folio 78, todos eles do mesmo tomo 679, libro 33, dos Blancos».

Resultando que o Servicio de Montes e Industrias Forestais precisou e corrixiu os lindeiros dos montes no seguinte sentido:

Monte Esperón:

-Norte: predios particulares de Fonte Arcada.

-Sur: concello de Calvos de Randín (monte veciñal en man común de Feás), concello de Baltar (monte veciñal en man común de Maus e Toxende) e zona de monte consorciado coa Administración, sen clasificar.

-Leste: zona de monte consorciado coa Administración, sen clasificar.

-Oeste: concello de Calvos de Randín (monte veciñal de Feás e Serois), coincidente co dito termo municipal.

Monte Serra Ladeiras:

-Norte: predios particulares.

-Sur: predios particulares de Fonte Arcada.

-Leste: predios particulares de Fonte Arcada.

-Oeste: concello de Calvos de Randín (monte veciñal en man común de Serois), coincidente co dito termo municipal.

Monte O Viso:

-Norte: predios particulares de Fonte Arcada.

-Sur: predios particulares do Campo.

-Leste: predios e comunal de Ortiguedo.

-Oeste: predios particulares de Fonte Arcada.

Resultando que os promotores da clasificación do monte presentan alegacións xunto cun novo mapa definitivo do límite dos montes para que sirva de base para a clasificación, que presenta cambios substanciais respecto á clasificación inicialmente solicitada no que se refire ó monte Serra Ladeiras, ó que engade unha superficie de 33,479 ha, aproximadas, sita ó norte, e á que denominan A Veiga, e no que se refire ó monte denominado Esperón, ó que engaden un enclave sito aproximadamente entre os tres montes, e do que non proporcionan superficie nin lindeiros.

Resultando que en período de alegacións se precisa o linde sur do monte Esperón polos veciños de Covas e, polo tanto, o monte do que xa solicitaran a clasificación, recoñecendo que o lindeiro vai desde a Fonte da Cunca e continúa polo regato que recolle a auga que mana desa fonte.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes: 1) Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades muncipais; 2) Que, polo tanto, o número de titulares é variable e indeterminado; 3) Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano; 4) Que o patrimonio e a participación é inalienable, imprescritible e inembargable; e 5) Que a comunidade é indivisible e os comuineiros non poden pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños do lugar de Fonte Arcada e O Mosteiro, no concello dos Blancos.

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños do lugar de Fonte Arcada e O Mosteiro, están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que os cambios que introduce o novo mapa presentado polos veciños de Fonte Arcada e O Mosteiro no sentido de incluír dúas novas superficies independentes das que non facilitan lindeiros, e respecto das que non se realizaron as oportunas publicacións, nin librado mandamento de anotación preventiva ó Rexistro da Propiedade, son de tal entidade que requiren a tramitación e instrucción completa do correspondende expediente de clasificación e como montes veciñais en man común dos devanditos montes.

Considerando que, a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, a instancia dos veciños do lugar de Fonte Arcada, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de procedemento administrativo de 30 de setembro de 1992 modificada pola Lei 4/1999.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros:

ACORDA:

Primeiro.- Clasifica-lo monte denominado Esperón, Serra Ladeiras e O Viso, de 146 ha, aproximadamente en conxunto, de superficie a favor dos veciños dos lugares de Fonte Arcada e O Mosteiro, no concello dos Blancos, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Os Blancos.

Denominación do monte: Esperón, Serra Ladeiras e O Viso.

Comunidade propietaria: lugares de Fonte Arcada e O Mosteiro.

Superficie: aproximadamente en conxunto.

Monte denominado Esperón, dunha superficie de 47 ha aproximadamente e coas seguintes estremas:

-Norte: predios particulares de Fonte Arcada.

-Sur: concello de Calvos de Randín (monte veciñal en man común de Feás), concello de Baltar (monte veciñal en man común de Maus e Toxende) e Monte de Covas desde a Fonte da Cunca, continuando polo regato que recolle a auga que mana desa fonte: zona de monte consorciado coa Administración, sen clasificar.

-Leste: zona de monte consorciado coa Administración, sen clasificar.

-Oeste: concello de Calvos de Randín (monte veciñal de Feás e Serois), coincidente co dito termo municipal.

Monte denominado Serra Ladeiras, dunha superficie de 82 ha aproximadamente e coas seguintes estremas:

-Norte: predios particulares.

-Sur: predios particulares de Fonte Arcada.

-Leste: predios particulares de Fonte Arcada.

-Oeste: concello de Calvos de Randín (monte veciñal en man común de Serois), coincidente co dito termo municipal.

Monte denominado O Viso, dunha superficie de 17 ha aproximadamente e coas seguintes estremas:

-Norte: predios particulares de Fonte Arcada.

-Sur: predios particulares do Campo.

-Leste: predios e comunal de Ortiguedo.

-Oeste: predios particulares de Fonte Arcada.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíqueselle esta resolución ó alcalde-presidente do Concello dos Blancos, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin a vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 19 de maio de 2000.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense