Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 10 de agosto de 2000 Páx. 11.852

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2000, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, pola que se abre un novo prazo de solicitude de axudas e subvencións para a realización por empresas de cursos de formación para as súas propias traballadoras.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, determina no artigo 1 que a devandita consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de familia, menores, muller, xuventude, formación ocupacional e promoción do emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e nos termos sinalados na Constitución española.

Ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónono de carácter administrativo adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, creado por Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, elaborar plans de actuación, programas piloto e plans-ponte para fomenta-lo emprego e facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, no III Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas, dedícase unha área específica á formación e ó emprego. Dentro dela, un obxectivo prioritario é consolida-la formación

como medida prioritaria para a mellora e o incremento do emprego.

Neste marco, e tendo en conta o réxime xeral do Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego, publicouse a Orde do 23 de decembro de 1999, pola que se establecen liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres naquelas profesións e actividades consideradas prioritarias en Galicia. Esta orde non tivo a repercusión esperada no que se refire ós cursos para mulleres traballadoras xestionados por empresas, exclusivamente para a formación das súas propias traballadoras.

O obxecto da presente resolución é a apertura dun novo prazo para que as empresas soliciten axudas e subvencións para a realización de cursos de formación para as súas propias traballadoras, que faciliten a mellora da cualificación profesional das mesmas, axústándose ó disposto na Orde do 23 de decembro de 1999, pola que se establecen liñas de acción e estímulo á formación de mulleres naquelas profesións ligadas a sectores e actividades considerados prioritarios en Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

As devanditas axudas financiaranse con cargo ó crédito existente, 14.778.500 ptas., na aplicación orzamentaria 14.50.212A 471.0, recollida na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a súa debida aplicación nos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto a apertura dun novo prazo para a formalización de solicitudes por parte das empresas, de axudas e subvencións para a formación das súas propias traballadoras, segundo o establecido na Orde do 23 de decembro de 1999, pola que se establecen liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres naquelas profesións ligadas a sectores e actividades consideradas prioritarias en Galicia (DOG do 14-1-2000), rexendo con carácter xeral para a presente convocatoria as bases establecidas na devandita orde coas particularidades dispostas na presente resolución, respecto á selección das alumnas, prazo de solicitude, inicio e remate e obrigas das beneficiarias das axudas e subvencións.

Poderán participar nas accións formativas previstas na presente resolución as traballadoras en activo, con exclusión das que presten os seus servicios en calquera tipo de Administración pública, sexa cal for o seu vínculo con ela.

Artigo 2º.-Selección de alumnas.

A empresa que vai imparti-lo curso realizará unha convocatoria pública entre as súas traballadoras mediante anuncios que se publicarán en modelo normalizado, na que, necesariamente, se deberá facer consta-lo financiamento da acción por parte do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, polo menos a través do taboleiro de anuncios da empresa.

As traballadoras en activo deberán acredita-la súa condición mediante a presentación dun certificado de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Inicio e remate.

Con carácter xeral as accións formativas deberanse iniciar antes do 15 de setembro, mentres que o remate e xustificación delas se producirá, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 2000, debendo estar xustificados os custos inherentes a elas, mediante certificación do xefe do Servicio de Cooperación, Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, o 30 de decembro de 2000.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As entidades que, cumprindo as condicións establecidas no artigo 2º, desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas na presente resolución, deberán formaliza-la correspondente solicitude no modelo normalizado que se publicou

como anexo I da Orde do 23 de decembro de 1999 (DOG nº 9, do venres 14 de xaneiro de 2000), asinada polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado.

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) DNI do solicitante e documentación que acredite que posúe poder suficiente para actuar en nome da empresa.

b) Tarxeta de identificación fiscal da empresa.

c) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II da Orde do 23 de decembro de 1999).

d) Memoria detallada xustificativa da acción no modelo normalizado que se publicou como anexo III á Orde do 23 de decembro de 1999, na que se farán consta-los criterios que se van utilizar para a selección das alumnas e número de traballadoras da empresa.

e) Se é o caso, compromiso de promoción profesional, por un período de alomenos seis meses, dun mínimo do 15% das alumnas, asumido pola empresa.

f) Declaración expresa subscrita polo/a titular ou polo/a representante legal da entidade de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

g) Declaración pola que se expresa a submisión ás actuacións de comprobación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

h) No caso de ter impartido cursos incluídos na programación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondentes ó exercicio de 1999, debera xustifica-lo grao de promoción profesional acadado polas alumnas formadas.

i) Ficha de solicitude de transferencia bancaria (anexo IV da Orde do 23 de decembro de 1999).

2. As solicitudes presentaranse no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio da solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999. Se as solicitudes fosen presentadas nas delegacións provinciais, estas remitiranas o día seguinte ó da súa recepción ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 5º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá o solicitante para que, no prazo de dez (10) días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

É obriga das empresas beneficiarias destas axudas, ademais das previstas no artigo 14 da Orde do 23 de decembro de 1999 mencionada no artigo 1º desta resolución, o sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectúe o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ás do Consello de Contas.

Artigo 7º.-Modificación.

A alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade co previsto no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999.

Artigo 8º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda ou o seu uso fraudulento constituirá causa deteminante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións recollidas na presente resolución estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-As empresas beneficiarias destas subvencións están suxeitas ó réxime de infraccións e sancións previstas no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Disposición derradeira

Primeira.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2000.

Aurora Montes Santa-Olalla

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller