Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 03 de agosto de 2000 Páx. 11.622

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE NIGRÁN

ANUNCIO das bases específicas para o acceso á subescala administrativa de Administración xeral.

Esta alcaldía-presidencia, con data do 19 de xuño de 2000, aprobou as bases específicas para a provisión de prazas vacantes no cadro de persoal funcionario do concello que se publican a seguir deste anuncio.

A convocatoria rexerase ademais polas bases xerais para a selección de peresonal funcionario do Concello de Nigrán publicadas no BOP do 3 de abril de 1996 e no DOG do 25 de abril de 1996.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Nigrán, 20 de xuño de 2000.

José M. Rial Cadaval

Alcalde

Bases específicas para o acceso á subescala administrativa de Administración xeral.

I.-Número e características das prazas convocadas.

Convócanse probas selectivas para o acceso á escala de Administración xeral, subescala administrativa (grupo C) deste concello, mediante promoción interna. O número de prazas convocadas é de cinco, incluídas nas ofertas de emprego público dos anos 1996 (tres), 1999 (unha) e 2000 (unha).

II.-Requisitos dos aspirantes.

Para seren admitidos á realización destas probas selectivas, os aspirantes, de conformidade co establecido no artigo 22 e na disposición adicional 22ª da Lei 30/1984, de medidas de reforma da función pública, na súa actual redacción, deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Estaren en posesión do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente, ou ter unha antigüiedade mínima de dez anos nun corpo ou escala do grupo D, e

b) Pertencer á subescala auxiliar de administración xeral do Concello de Nigrán, cunha antigüiedade de polo menos de dous anos na subescala.

III.-Sistema selectivo.

Será o de concurso-oposición.

A selección rexerase, ademais de por bases específicas, polas bases xerais das convocatorias para cubrir prazas de funcionarios e persoal laboral fixo, aprobadas polo Pleno do Concello en sesión do 26 xaneiro de 1996 e publicadas no DOG do 25 de abril de 1996.

IV.-Fase de concurso.

Nesta fase valoraranse os méritos acreditados polos aspirantes, ata un máximo de 8 puntos, segundo o seguinte baremo:

Historial académico:

Por posuír unha titulación académica superior á requirida na convocatoria como requisito imprescidible para acceso:

* Título de licenciado ou equivalente: 1,50 puntos.

* Título de diplomado universitario ou equivalente: 1,00 puntos.

Historial profesional.

a) Diplomas ou certificados obtidos en cursos de formación ou perfeccionamento impartidos ou organizados en colaboración coas administracións públicas ou universidades e relacionados coas funcións propias da subescala 0,010 puntos/hora.

Nos cursos que se obtivese certificación de aproveitamento incrementarase en 0,001 a puntuación/hora anteriormente fixada. Pola asistencia a xornadas 0,10 puntos por cada unha delas. Esta mesma puntuación outorgarase por cada curso, cando non se acredite a súa duración.

A puntuación máxima por méritos deste epígrafe non será superior ós 1,50 puntos.

b) A antigüidade, que se computará no seu conxunto cun máximo de 4 puntos. Para estes efectos, terase en conta o seguinte baremo:

* Servicios prestados como funcionario auxiliar, de carreira ou interino: no Concello de Nigrán 0,050 puntos/mes; noutras administracións 0,03 puntos/mes.

* Servicios prestados con anterioridade á Administración noutros postos ou en situación distinta á de funcionario de carreira: 0,01 puntos/mes.

c) Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado):

* En grao de iniciación: 0,50 puntos.

* En grao de perfeccionamento: 0,75 puntos.

* Especialización: 1 puntos.

Só se concederá validez, polo que a acreditación do galego se refire, ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

V.-Fase de oposición.

Consistirá na realización de dous exercicios obrigatorios e un optativo:

Exercicios obrigatorios:

1) Contestar por escrito, no tempo máximo de dúas horas, dous temas sacados ó chou, correspondentes ó programa que figura no anexo, repartíndose os temas da seguinte forma:

-Primeiro escollerase de entre dous extraídos entre os vintedous primeiros temas do anexo.

-O segundo tema escollerase de entre catro, extraídos entro o tema vintetrés e o tema corenta e dous.

2) Realización de un ou varios supostos prácticos relacionados co contido do programa que figura no anexo destas bases. Para a realización desta proba poderá esixirse a utilización de ordenadores e terá unha duración máxima de dúas horas.

Exercicio optativo:

1) Coñecemento dun idioma comunitario. Os aspirantes que desexen realizar este exercicio deberán manisfestalo na súa solicitude.

Cualificación dos exercicios.

Os exercicios obrigatorios serán eliminatorios. Serán individualmente valorados de 0 a 10 puntos por cada membro do tribunal e será preciso acadar un minimo de 5 puntos en cada un deles para superalos. As cualificación obteranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal e dividindo o total polo número de membros asistentes. O cociente desa división sera a cualificación definitiva. As cualificacións publicaranse no taboleiro de anuncios do concello o mesmo día no que se outorguen.

O exercicio non será eliminatorio. A súa puntuación máxima será de 3 puntos que serán sumados ós puntos dos exercicios eliminatorios para obte-la puntuación da fase de oposición. Para a súa realización o tribunal cualificador poderá asesorarse de expertos nos idiomas solicitados polos aspirantes.

ANEXO

Programa de temas

Tema 1.-Estructura e contido da Constitución española de 1978. Dereitos e deberes fundamentais. A súa garantía e suspensión. O Tribunal Constitucional e o Defensor do Pobo. Reforma da Constitución.

Tema 2.-A Coroa. Funcións constitucionais de El-Rei. Sucesión e rexencia. O referendo. As Cortes Xerais: organización, atribucións e funcionamento.

Tema 3.-O Goberno e a Administración. Relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais. Designación, duración e responsabilidade do Goberno.

Tema 4.-O Poder Xudicial na Constitución. O Consello Xeral do Poder Xudicial. A organización xudicial española: órganos e principais competencias. O Ministerio Fiscal.

Tema 5.-A Administración central do Estado. O presidente do Goberno. O Consello de Ministros, ministros; secretarios de Estado, subsecretarios; secretarios xerais e directores xerais. A Administración periférica do Estado. Os delegados do goberno e os gobernadores civís. Direccións ministeriais, territoriais e provinciais.

Tema 6.-As comunidades autónomas: constitución e competencias. Os estatutos de autonomía.

Tema 7.-A Comunidade Autónoma de Galicia. O Estatuto de autonomía. Competencias e recursos financeiros. A asemblea lexislativa. O presidente e o Consello de Goberno. A Administración autonómica: organización e estructura básica.

Tema 8.-As fontes do dereito administrativo. A xerarquía das fontes. A Constitución. A lei. Disposicións do Executivo con forza de lei. O regulamento: concepto, clases e límites.

Tema 9.-O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Eficacia e validez dos actos administrativos. A súa modificación. Notificación e publicación. Revisión en vía administrativa: anulación e revogación.

Tema 10.-O procedemento administativo: concepto e clases. A súa regulación actual. Idea xeral da iniciación, ordenación, instrucción e finalización do procedemento.

Tema 11.-Os recursos administrativos: concepto e principios xerais. Recursos ordinarios e de revisión. A xurisdicción contencioso-administrativa.

Tema 12.-O réxime local español: principios constitucionais e regulación actual. A autonomía local.

Tema 13.-A provincia e o municipio no réxime local español. Regulación constitucional e ordinaria. A organización provincial. A deputación provincial: o presidente, o pleno e a comisión de goberno. Competencias das deputacións provinciais.

Tema 14.-A organización municipal. O concello: o alcalde, o pleno e a comisión de goberno. Competencias dos concellos.

Tema 15.-O termo municipal. A poboación municipal. O empadroamento municipal.

Tema 16.-Ordenanzas e regulamentos locais: procedemento de elaboración e aprobación. Os bandos. Réxime de sesións e acordos dos órganos locais.

Tema 17.-A función pública local. Cadros e relacións de postos de traballo. A oferta de emprego público. A selección dos funcionarios propios da corporación. Dereitos e deberes dos funcionarios locais. Os dereitos colectivos. A Seguridade Social dos funcionarios locais. Referencia ó persoal laboral.

Tema 18.-Os bens das entidades locais. A xestión dos servicios públicos locais.

Tema 19.-A contratación administrativa na esfera local.

Tema 20.-A facenda local. Os orzamentos locais.

Tema 21.-A xestión tributaria. Liquidación e inspección.

Tema 22.-O planemento urbanístico: clases de plans. Especial referencia ó Plan xeral de ordenación municipal. Contido e procedemento para a súa aprobación.

Tema 23.-O imposto sobre bens inmobles. Imposto sobre actividades económicas. Imposto municipal sobre vehículos de tracción mecánica.

Tema 24.- Impostos municipal sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbán. Imposto sobre construcción, instalación e obras. Taxas municipais. Prezos públicos. Contribucións especiais.

Tema 25.-Réxime xurídico do gasto público local. Fases.

Tema 26.-Contabilidade pública local e contas.

Tema 27.-Recadación en período voluntario. O pago. Aprazamento e fraccionamento. Outras formas de extinción de débedas.

Tema 28.-Recadación en período de constrinximento.

Tema 29.-Títulos de execución. Ingresos. Prazos. Xuros de demora.

Tema 30.-Embargo. Procedemento. Bens e dereitos embargables.

Tema 31.-Impugnación dos actos da racadación: recursos. As tercerías.

Tema 32.-Estatuto do veciño. Información e participación cidadá. As formas de actividade das entidades locais. A intervención administrativa na actividade privada. O réxime xurídico das licencias.

Tema 33.-A información administrativa. Relacións da administratación cos cidadáns. O cidadán como cliente e destinatario dos servicios e prestacións públicas.

Tema 34.-O arquivo. Organización dos fondos documentais. O arquivo á disposición da administración, os cidadáns e a investigación. A documentación na Administración local: tratamento e análise. Clases de documentación e os seu aproveitamento.

Tema 35.-Plans parciais de ordenación, plans especiais, estudios de detalle, proxectos de urbanización: obxecto e trámites para a súa aprobación.

Tema 36.-Os sistemas de actuación urbanística. As fases do sistema de compensación. O procedemento de reparcelación. O sistema de expropiación e a súa tramitación.

Tema 37.-As licencias. A disciplina urbanística.

Tema 38.-As normas subsidiarias de planeamento de Nigrán: estructura. Clasificación do solo.

Tema 39.-Lexislación sectorial con incidencia nas competencias locais: costas, estradas e augas. Transportes.

Tema 40.-Lexislación sectorial con incidencia nas competencias locais: ambiente. Patrimonio cultural. Normativa sanitaria e de protección dos consumidores.

Tema 41.-O protocolo e as relacións institucionais.

Tema 42.-A administración local e os medios de comunicación.