Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 28 de xullo de 2000 Páx. 11.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Comercial Pardal, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Comercial Pardal, S.L. (código 1503302) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5-6-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 28-4-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadorees, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado

á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de xuño de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Comercial Pardal, S.L.

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio afecta en todo o seu contido normativo a tódolos traballadores da empresa que no momento da súa aprobación por parte do seu representante legal e a dirección, estean prestando os seus servicios na empresa e os seus distintos centros de traballo, así como os que se incorporen despois, antes de remata-la súa vixencia. O seu centro de traballo poderá variar, segundo as circunstancias e necesidades da empresa, sen que por isto varíen as condicións estipuladas no presente convenio. O seu ámbito territorial será o da provincia da Coruña.

Capítulo II

Artigo 2º.-Entrada en vigor.

O presente convenio estará en vigor para tódolos efectos a partir do día 1 de xaneiro de 2000.

Artigo 3º.-Duración.

A duración do convenio establécese en 2 anos, ata o 31 de decembro de 2001. Dentro do mes de outubro do mesmo ano, reuniranse as partes negociadoras, se o convenio fose denunciado en tempo e forma, tal como se especifica no artigo seguinte, para establece-las datas e o proceso de negociación do seguinte convenio.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá denuncia-lo presente convenio cunha antelación mínima de tres meses á data prevista para o seu remate, mediante comunicación escrita á outra, e de acordo coas normas legais vixentes.

No caso de non efectuarse a denuncia en tempo e forma previstos no parágrafo anterior, entenderase

automaticamente prorrogado por anos naturais. O incremento salarial será o IPC marcado nos orzamentos xerais do Estado.

Capítulo III

Artigo 6º.-Ingresos.

Para o ingreso do persoal observaranse as disposicións legais vixentes en materia de colocación.

Artigo 7º.-Admisións.

A admisión do persoal considerarase provisional durante un período de proba que non poderá exceder do fixado na seguinte escala:

a) Técnicos titulados: seis meses.

b) Directores, xefe de división, xefe de persoal, xefe de compras, xefe de vendas, encargado xeral e viaxante: 2 meses.

c) Restante persoal técnico non titulado: 1 mes.

d) Persoal administrativo: 1 mes.

e) Persoal de actividades auxiliares: 15 días laborables.

f) Persoal subalterno: 15 días laborables.

Durante este período, tanto a empresa como o traballador poderán, respectivamente, proceder á rescisión do contrato sen necesidade de previo aviso e sen que ningunha das partes teña dereito a indemnización. En todo caso, o traballador terá, durante o período de proba os dereitos e obrigas da súa categoría profesional e do posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal.

Transcorrido o período de proba sen que se producise a desistencia, o traballador pasará a figurar no cadro da empresa polo tempo que, se é o caso, fose contratado e o período que servise en calidade de proba seralle computado para efectos dos aumentos por tempo de servicio.

Artigo 8º.-Formación.

Os traballadores que deban presentarse a exames como consecuencia de estaren matriculados en centros oficiais, por razón de cursaren estudios ou carreira profesional, solicitarán permiso da empresa, que lles deberá ser concedido polo tempo necesario.

Este permiso será retribuído co salario de convenio máis antigüidade e xustificando en debida forma a asistencia a eles e que na convocatoria ordinaria e extraordinaria aprobaron, polo menos, a metade da materia motivo dos exames.

Quedan excluídos destas licencias os exames de conductores.

Artigo 9º.-Cesamentos.

Tódolos traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa, deberán avisar

previamente a esta por escrito cunha antelación mínima de quince días naturais.

O incumprimento por parte do traballador da obriga de avisar coa antelación e forma antes descrita dará dereito á empresa a descontar da súa liquidación o importe do salario dun día por cada día de atraso no aviso.

Capítulo IV

Modalidade de contratación

Artigo 10º.-Contratos de formación.

Poderanse subscribir contratos para a formación con traballadores maiores de dezaseis e menores de vinteún anos.

A duración destes contratos será de dous anos.

Os salarios para os traballadores con contrato de formación será o SMI.

Artigo 11º.-Contratos en prácticas.

A retribución para os traballadores cun contrato en prácticas será o primeiro ano o 60% do salario da súa categoría e o segundo ano o 75% do salario da súa categoría.

Artigo 12º.-Contratos de duración determinada.

Nos contratos de duración determinada aplicarase o disposto no artigo 15 do vixente Estatuto dos traballadores e demais disposicións que resulten de aplicación.

Capítulo V

Xornada, permisos e vacacións

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

O número de horas ordinarias de traballo será de mil oitocentas vinteseis anuais, equivalentes a corenta horas semanais repartidas da forma máis idónea para a empresa e o traballador, atendendo sempre ós intereses destes e á productividade da empresa.

Artigo 14º.-Permisos retribuídos.

O traballador, avisando coa posible antelación e xustificándoo adecuadamente, poderá faltar ou ausentarse do traballo con dereito a retribución, por algunha das causas e durante o tempo que se fixa na seguinte escala:

a) Matrimonio do traballador: quince días.

b) Falecemento do cónxuxe, ascendentes e descendentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días.

c) Falecemento de irmáns: dous días.

d) Parto da esposa: tres días.

e) Para o cumprimento de deberes públicos: o tempo indispensable para cumprilos.

f) Visitas médicas: o tempo indispensable con posterior xustificación.

g) Por traslado de domicilio habitual: un día.

En casos excepcionais poderán concederse licencias máis prolongadas se estas se lle xustifican debidamente á dirección da empresa.

Artigo 15º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán anualmente dunhas vacacións retribuídas de acordo coas seguintes condicións:

a) Terán unha duración de trinta días naturais, independentemente da categoría laboral.

b) As vacacións desfrutaranse nas datas que de común acordo fixen o traballador e a empresa, e poderán desfrutarse de forma ininterrompida ou fraccionada.

c) A empresa exporá no taboleiro de anuncios e durante o mes de decembro as vacacións correspondentes ó ano seguinte, de acordo co estipulado na letra b).

Capítulo VI

Artigo 16º.-Enfermidade, accidente de traballo e accidente non laboral.

En caso de enfermidade común, accidente de traballo e accidente non laboral, a empresa completará as prestacións da Seguridade Social ata o importe íntegro das súas retribucións, mentres dure a dita situación.

Capítulo VII

Artigo 17º.-Retribucións ordinarias.

As retribucións do traballador pola xornada e horario de traballo estarán constituídas polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Gratificacións extraordinarias.

-Paga de beneficios.

-Incrementos por antigüidade.

Artigo 18º.-Salario base.

Os salarios correspondentes ás distintas categorías serán os que se reflicten no anexo I do presente convenio.

Artigo 19º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal da empresa percibirá dúas gratificacións extraordinarias que lle serán aboadas nos meses de xullo e decembro, consistentes cada unha delas nunha mensualidade composta de salario base máis antigüidade, se é o caso. A gratificación de xullo aboarase a partir do día 15 do mesmo mes e a de decembro antes do día de Nadal.

Estas gratificacións faránselle efectivas ó traballador que ingresase no transcurso do ano ou cesase

durante este, rateando o seu importe con relación ó tempo traballado, para o cal a fracción de mes se computará como unidade completa.

Artigo 20º.-Paga de beneficios.

O persoal da empresa percibirá durante o mes de marzo o importe dunha mensualidade do seu salario base máis antigüidade en concepto de paga de beneficios polo ano anterior, e aplicarase o disposto no segundo parágrafo do artigo anterior respecto ó tempo de permanencia do traballador na empresa.

Artigo 21º.-Incrementos por antigüidade.

O persoal abranguido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio consistentes en cuadrienios do 5% do salario base, correspondente á categoría de cada traballador.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo a realización de horas extraordinarias, axustándose ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos urxentes así como no caso de risco de perda de materias primas: realización.

c) Horas extraordinarias necesarias por: contratos ou período punta de producción, ausencias de carácter estructural ou técnico de propia natureza da actividade: mantemento sempre que non caiba a utilización temporal ou parcial prevista na lei.

As horas extraordinarias aboaranse cun incremento do 75%, as efectuadas en días laborables.

Capítulo VIII

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

Aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas de aplicación.

Capítulo IX

Artigo 24º.-Servicio militar.

O persoal abranguido no ámbito do presente convenio, ten dereito a que se lle respecte o seu posto de traballo durante o tempo que dure o seu servicio militar. Así mesmo, o persoal que leve dous anos de servicio na empresa como mínimo, no momento de incorporarse ó servicio militar ten dereito a percibir, como se estivese presente no traballo, o importe das gratificacións extraordinarias de xullo e decembro.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

A empresa quedará obrigada a facilitarlles ós seus traballadores a roupa necesaria de acordo coa fun

ción que desenvolvan. O seu uso e conservación serán obrigatorios para o persoal.

Artigo 26º.-Retirada do permiso de conducir e multas.

En caso de retirada do permiso de conducir por causas non imputables ó traballador, a empresa comprometerase a facilitarlle ó traballador un posto de traballo idóneo de acordo coa súa categoría profesional, sen que por isto sexa minguado o seu salario. As multas imputables ó traballador serán aboadas por este. Se a retirada do permiso de conducir é imputable ó traballador quedará separado da empresa, con dereito a ocupar eventualmente o primeiro posto vacante que se produza e que estea capacitado para desempeñar. En todo caso terá que ocupa-la praza de chofer, tan pronto como recuperase o permiso de conducir e exista vacante.

Artigo 27º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual. Tal garantía será exclusivamente de carácter persoal, sen que poida entenderse vinculante a postos de traballo, categoría profesional e outras circunstancias, polo que o persoal de novo ingreso non poderá alegar ó seu favor as condicións máis beneficiosas que desfrutasen os traballadores que anteriormente ocupasen os postos de traballo que sexan destinados ou promovidos.

Artigo 28º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio serán absorbibles e compensables ata onde alcancen as melloras e retribucións que sobre os mesmos regulamentos viñese aboando a empresa, calquera que sexa o motivo, denominación e forma da dita mellora, presentes ou que poidan establecerse por disposición legal.

Disposición adicional

Constitúese unha comisión paritaria do convenio, de mediación, arbitraxe e conciliación que, con independencia dos organismos públicos constituídos, vale pola interpretación e aplicación do pactado.

Estará integrada por parte dos traballadores por Santiago Gosende Vidal, como delegado de persoal e, pola empresa, por Andrés Pardal Naveira, a cal intervirá a petición de calquera das partes afectadas nos asuntos de interpretación do convenio, vixilancia do cumprimento do pactado e calquera outra que as leis lle outorguen.

Disposición derradeira

Para o non establecido no presente convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

ANEXO I

Táboas salariais

CategoríaSoldo

base

Cómputo

anual

Grupo primeiro

* Persoal técnico titulado
Titulado grao superior96.9511.454.265
Titulado grao medio94.9331.423.995

Grupo segundo

* Persoal mercantil técnico non titulado
Director116.0251.740.375
Xefe de compras104.5741.568.610
Xefe de vendas104.5741.568.610
Encargado xeral104.5741.568.610
Xefe almacén86.8921.303.380
Xefe de sección mercantil86.8921.303.380
Encargado establecemento vendedor, comprador83.9051.258.575

* Persoal mercantil propiamente dito
Viaxante, vendedor82.9702.244.550
Corredor praza82.9701.244.550
Dependente maior81.9731.229.595
Dependente81.7451.226.175
Axudante80.5671.208.505
Traballador menor 18 anos70.6801.060.200

Grupo terceiro

* Persoal administrativo
Xefe administrativo de 1ª86.8921.303.380
Xefe administrativo de 2ª85.8391.287.585
Contable82.9701.244.550
Oficial administrativo82.9701.244.550
Auxiliar administrativo80.5671.208.505
Aspirante administrativo 16-18 anos70.6801.060.200
Auxiliar de caixa de 18 a 25 anos80.5671.208.505
Auxiliar de caixa maior de 25 anos81.7451.226.175

Grupo cuarto

* Persoal de servicios e actividades auxiliares
Xefe de sección de servicios80.3221.210.830
Delineante80.5671.208.505
Visitador80.5671.208.505
Profesional de oficio de 1ª80.5671.208.505
Profesional de oficio de 2ª80.5671.208.505
Profesional de oficio de 3ª e axudante de profesional de oficio80.5671.208.505
Mozo e persoal de limpeza80.5671.208.505