Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Xoves, 27 de xullo de 2000 Páx. 11.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cáritas Diocesana-Interparroquial de A Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Cáritas Diocesana-Interparroquial de A Coruña (código nº 1503382) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-6-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa, o día 8-2-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de xuño de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de Cáritas

Diocesana-Interparroquial de A Coruña

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo afecta a tódalas dependencias e servicios existentes na actualidade ou que se poidan crear no futuro no ámbito territorial de Cáritas Interparroquial de A Coruña.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo regula as relacións laborais entre Cáritas Interparroquial de A Coruña e o persoal que presta os seus servicios nos centros de traballo dependentes do dito organismo.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Este convenio é de aplicación a tódolos traballadores, sexa cal sexa a súa modalidade de contratación e que realicen as súas funcións nos centros e servicios dependentes de Cáritas Interparroquial.

Artigo 4º.- Ámbito temporal.

Este convenio entra en vigor o 1 de xaneiro de 1999, e manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2000, retrotraéndose os seus efectos ó 1 de xaneiro de 1999 se a súa publicación fora posterior á dita data.

Artigo 5º.-Denuncia.

A denuncia deste convenio efectuarase por escrito, que presentará a parte denunciante á outra parte, cunha antelación mínima de dous meses previa ó termo da súa vixencia.

No caso de non efectuarse a denuncia en tempo e forma, entenderase automaticamente prorrogado o convenio por prazos anuais. Neste caso, tódolos conceptos económicos se incrementarán tendo en conta o incremento do índice de prezos ó consumo, previsto para o ano seguinte.

Artigo 6º.-Garantía ad personam.

Respectaránse as condicións económicas e sociais que sexan máis beneficiosas para os traballadores e que viñesen desfrutando á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Capítulo II

Da organización e réxime de traballo

Artigo 8º.-Norma xeral.

A organización técnica do traballo correspóndelle á comisión permanente da institución, quen poderá establecer cantos sistemas de organización, racionalización e modernización considere oportunos, así como calquera estructuración das seccións, departamentos e centros de traballo, podendo move-lo seu persoal dentro destes sempre que se realice de conformidade coas disposicións legais vixentes sobre a materia. O traballador está obrigado a realiza-lo traballo convido baixo a dirección da entidade ou persoa en quen esta delegue.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 9º.-Disposicións xerais.

As clasificacións de persoal consignadas neste convenio son meramente enunciativas, e non supón a obriga de ter cubertas tódalas prazas relacionadas.

Así mesmo, os distintos cometidos asignados a cada categoría son simplemente informativos, pois

todo traballador está obrigado a executar cantos traballos e operacións lle ordenen os superiores, dentro do xeral cometido propio da súa competencia profesional, ou cando por competencias excepcionais e de urxencia sexa necesaria a súa colaboración persoal.

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

Todo o persoal laboral que preste os seus servicios nos centros pertencentes a Cáritas Interparroquial de A Coruña clasificarase, en atención á capacitación para a función que desenrolen, nos seguintes grupos profesionais:

A. Titulados superiores.

B. Titulados medios.

C. Persoal técnico administrativo.

D. Profesionais de oficio.

E. Persoal subalterno e persoal non cualificado.

Artigo 11º.-Traballos de superior e inferior categoría.

Cando un traballador realice tarefas correspondentes a unha categoría superior, pero non proceda legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito a percibir a diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Cando o traballador de inferior categoría realice funcións de categoría superiores ás que lle corresponden, de forma permanente e estable, e por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, pode reclamar ante a dirección da entidade ou organismo competente a categoría profesional adecuada.

A realización de traballos de categoría superior e inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

O traballador só poderá realizar traballos de categoría inmediatamente inferior á súa durante un período non superior a 30 días consecutivos. Transcorrido o tempo citado, o traballador non poderá volver a ocupar un posto de categoría inferior ata que transcorra un ano.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 12º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada laboral de 2.085 horas anuais, tanto en xornada continuada como partida, distribuídas de luns a domingo segundo as peculiaridades propias de cada servicio, e cos descansos que regulamentariamente se establezan no calendario laboral, respectando en todo caso a lexislación vixente.

As horas de traballo efectivo, unha vez descontados os días festivos e vacacións, quedan reducidas a 1.824 horas anuais para 1999 e 1.816 horas anuais

para o 2000. Do 1 de xullo ó 31 de agosto establécese unha xornada intensiva para os postos de traballo nos que sexa posible, con excepción daqueles centros e servicios que, polas peculiaridades do seu funcionamento, as súas actividades se realicen polas tardes e polas mañás dos sábados. O persoal que desfrute desta xornada intensiva, incrementará o seu horario no resto dos meses, ata completa-la totalidade das horas de traballo efectivas fixadas anteriormente.

Artigo 13º.-Horarios e quendas.

A empresa, dentro das súas facultades organizativas e respectando sempre o número de horas laborais efectivas de traballo do ano, logo de conformidade do comité de empresa, encargarase de establece-los horarios de inicio e fin da xornada de traballo de cada persoa, así como a organización das distintas quendas de traballo nos casos en que se realice a tarefa baixo a modalidade de traballo a quendas, publicándose os horarios e quendas antes do día primeiro de xaneiro de cada ano. Calquera modificación destes horarios deberá serlle comunicada ó comité para a súa previa conformidade.

A empresa poderá establecer un sistema de control de asistencia, sen que o tempo reflectido no rexistro de asistencia signifique, por si só, horas efectivas de traballo.

Na modalidade de traballo a quendas, ningún traballador poderá abandona-lo seu posto de traballo, unha vez finalizada a súa xornada laboral, ata que non chegue o relevo correspondente.

O calendario laboral establecerao anualmente a entidade, comunicarállelo ós representantes dos traballadores; debe estar exposto o correspondente a cada centro de traballo á vista de tódolos seus traballadores, co fin de que cada un coñeza á súa xornada laboral, que só poderá ser modificada por causas de forza maior.

Artigo 14º.-Vacacións.

1. Duración.

As vacacións anuais serán de 30 días naturais, desfrutadas de forma continuada ou en dúas quendas de 15 días a petición do traballador segundo as necesidades do servicio, desfrutado durante os meses de xaneiro a decembro.

Para os traballadores de axuda a domicilio, as quendas rotativas serán de abril a decembro.

2. Organización e calendario.

O calendario de vacacións quedará elaborado antes do 28 de febreiro de cada ano, seguira na elección da quenda de vacacións un sistema rotativo, tendo preferencia de elección, o primeiro ano, entre os traballadores que compoñan cada grupo segundo a súa antigüidade na empresa.

3. Obrigatoriedade e retribución.

As vacacións han de desfrutarse durante o ano natural e non será posible acumulalas a anos seguin

tes nin poden ser compensables economicamente salvo os casos de liquidación. Por iso, calquera que fose a causa, o non-desfrute durante o ano natural supón a súa perda ou da fracción pendente de desfrute.

A retribución deste período será o importe resultante de acha-la media dos meses transcorridos do ano natural e ata un máximo de seis meses, tomándose para o dito cómputo o salario base, a antigüidade e o complemento por penosidade.

4. Enfermidade.

Se durante o desfrute das vacacións o traballador se encontrase en situación de IT, estas non se interrompen nin son conmutables por novos períodos. O traballador, sen embargo, neste caso terá dereito as súas percepcións salariais a razón da totalidade dos seus haberes durante a duración das vacacións.

Artigo 15º.-Permisos e licencias.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais por falecemento de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade; se nestes casos o traballador fose o que levase os trámites legais correspondentes ante a autoridade, por falta doutros parentes de grao máis próximo, e os día a que ten dereito fosen festivos, estos ampliaránse nun día laborable.

c) Os citados días de permiso por falecemento ampliaranse a 6 días naturais no caso de que o traballador necesitase realizar un desprazamento superior 300 km.

Medio día para acudir ó enterro de familiares de 3º e 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Polo nacemento dun fillo ou adopción, o traballador, cónxuxe ou convivente terá dereito a 3 días naturais de permiso, consecutivos ou non, dos que polo menos dous deberán ser laborables e comprendidos no período de 15 días a partir da data do nacemento ou chegada do adoptado ó fogar; cando o traballador necesite desprazarse fóra da localidade, o dito permiso ampliaráselle a 5 días naturais.

e) 4 días naturais no caso de enfermidade grave ou ingreso en centro sanitario ou internamento indefinido de parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade. Se o traballador tivese que desprazarse máis de 300 km, o dito permiso ampliarase nun día.

f) Polo tempo necesario para asisti-lo traballador ou acompaña-los seus fillos ou home/muller e os pais á consulta médica cando non fose posible acudir fóra das horas de traballo, comunicándoo previamente e con xustificación.

g) 1 día por traslado de domicilio habitual.

h) Polo tempo necesario para o cumprimento de deberes inescusables de carácter público e persoal, xustificándoo adecuadamente.

i) Polo tempo necesario para atende-los danos producidos por catástrofes nos bens inmobles que constitúan a vivenda habitual do traballador, con xustificación.

j) Para realizar funcións sindicais ou de representación de persoal, nos termos establecidos legalmente, e neste convenio.

k) Para realizar exames, cando curse con regularidade estudios para a consecución de títulos oficiais, académicos ou profesionais, o traballador terá dereito ó correspondente permiso, que comprenderá un día por exame, que se ampliará un día máis se se precisa para traslados a outra poboación situada a máis de 300 km.

l) Un día de permiso polo matrimonio dun familiar ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade, aumentando un día máis cando sexa preciso desprazarse a máis de 300 km.

m) 1 día de permiso en caso de separación ou divorcio.

n) Ata 5 días no ano, sen retribuír, solicitándoo cunha antelación de dous días laborables a xustificar por unha necesidade, que serán concedidos sempre que as necesidades do servicio o permitan.

ñ) Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou a un diminuído físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre polo menos un tercio e un máximo da mitade da duración daquela (artigo 37.5º da Lei 39/1999).

Artigo 16º.-Cursos de formación.

Os cursos de formación e promoción do persoal, organizados ou propostos pola institución, realízanse preferentemente durante o horario laboral, sempre e cando en ditos horarios non se prexudique o labor que se vai realizar na xornada ordinaria de traballo. En todo caso, computarase a asistencia como horas traballadas.

Terán preferencia para a asistencia ós cursos os traballadores que estean desempeñando labores directamente relacionados coa materia obxecto do curso, e dentro destes, aqueles que participasen en menor número de cursos. As decisións ó respecto adoptaranse por acordo entre a institución e os representantes designados polo comité de empresa.

Artigo 17º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa, nos termos contidos nos puntos seguintes:

1. Excedencia forzosa.

Serán causa da mesma:

a) A designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) Pola prestación do servicio militar ou prestación social substitutoria, e polo tempo da súa duración.

c) Polo exercicio de funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, e sempre que a central sindical á que pertenza o traballador teña no sector a representatividade que estipula a lei.

d) Por calquera outra causa que legalmente se estableza.

O traballador que desfrute de excedencia forzosa ten dereito a reserva do posto de traballo e cómputo da antigüidade, e durante todo o tempo que permaneza nesta situación.

Desaparecida a causa que motivou a excedencia, o traballador deberá solicita-la incorporación á institución no prazo de 30 días naturais desde que se produza tal circunstancia, debendo reincorporarse á súa tarefa no prazo máximo de 7 días contado desde a súa solicitude de reincorporación. De non facelo así, perderá todo o dereito á reserva do posto de traballo e demais características propias da excedencia forzosa.

2. Excedencia voluntaria.

Concederase ó traballador, logo de petición por escrito con 30 días de antelación, que teña polo menos un ano de antigüidade na institución, e non lle fose concedida outra excedencia voluntaria durante os catro anos anteriores.

O permiso de excedencia voluntaria concederase por un mínimo dun ano con reserva de posto de traballo. Poderá ser prorrogable ata cinco anos, con preferencia ó reingreso, neste caso, no posto de traballo que desempeñase, sempre que este non fose cuberto por outro traballador, podendo en caso contrario optar entre o reingreso nun posto de traballo de igual categoría e funcións similares, se o houbese dispoñible, ou esperar a que se produza unha vacante no posto que desempeñaba con anterioridade a solicita-la excedencia.

Durante o tempo de excedencia voluntaria non se computará a antigüidade.

A reincorporación ó posto de traballo, unha vez finalizado o período de excedencia e conforme o expresado no parágrafo 2º do presente artigo, deberá realizarse o día seguinte ó da súa finalización.

Se a concesión da excedencia voluntaria fose motivada polo desfrute dunha bolsa, viaxe de estudios ou participación en cursos de perfeccionamento propios da especialidade do traballador, e non excedese dun ano, computaráselle a antigüidade durante o dito período e terá dereito a reincorporarse ó posto de traballo no que viñese desempeñando o seu labor, ó que deberá reintegrase no prazo máximo de 7 días desde a finalización da causa que motivou a solicitude de excedencia. Para a concesión neste caso, e aplicación dos beneficios correspondentes, o traballador haberá que xustificar previamente o motivo da súa solicitude, así como determina-lo período no que se vai a encontrar en situación de excedencia.

3. Excedencia especial por maternidade.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a 3 anos, para atende-lo coidado de cada fillo, tanto o sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, a contar desde a data de nacemento ou no seu caso da resolución xudicial ou administrativa.

O nacemento, adopción ou acollemento de novos fillos xerará o dereito a futuras e sucesivas excedencias, que en todo caso porán fin á anterior que se viñese desfrutando.

O período no que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme ó aquí establecido, será computable a efectos de antigüidade, e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, deberá ser convocado pola entidade para a súa participación neles, especialmente con ocasión da súa reincorporación.

O traballador terá dereito, durante o primeiro ano de permanencia de excedencia, á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

A excedencia contemplada neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres. Sen embargo, se dous ou máis traballadores da mesma entidade xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da entidade (artigo 46.3º da Lei 39/1999).

Artigo 18º.-Xubilación.

Establécese como data tope para acceder á xubilación o ano en que o traballador cumpra os 65 anos de idade, e sempre e cando cotizase o tempo mínimo requirido para ter dereito a percibi-las prestacións correspondentes, podendo en caso contrario permanecer en alta na entidade ata completa-lo dito período mínimo.

Como excepción ó parágrafo anterior, e como medida de fomento de emprego, convén que os traballadores con 64 anos de idade que desexen acollerse á xubilación anticipada co 100% da prestación, sempre que reúnan os requisitos de carencia e cotización correspondentes, poderán facelo, estando neste caso a entidade obrigada a substituílo na forma e condicións que veñen regulamentadas polo R.D. 1194/1985, do 17 de xullo.

Así mesmo, todo traballador que cumpra os requisitos da lexislación vixente, poderá acollerse a unha xubilación anticipada.

No caso de xubilación anticipada, cada traballador terá dereito a percibir, en concepto de premio por vinculación, unha cantidade que se negociará en cada caso particular e que estará en función da súa antigüidade na institución.

Capítulo V

Réxime retributivo

Artigo 19º.-Disposicións xerais.

A retribución do persoal afectado por este convenio estará integrada polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Antigüidade.

c) Outros complementos.

d) Pagas extraordinarias.

Para o exercicio de 1999 incrementaranse tódolos conceptos salariais co 2,9%, e para o ano 2000 aplicarase o 2%, que é o IPC previsto para este ano, garantíndose unha revisión salarial do 0,5% sobre o IPC real do ano 2000.

Artigo 20º.-Salario base.

Constitúeo a retribución do traballador, que estará determinada polo grupo e a categoría profesional a que pertenza. Se a xornada realizada fora inferior á pactada no presente convenio, o salario base reducirase proporcionalmente.

Artigo 20º bis.-Garantía de mínimos.

Para o caso de traballadores de axuda a domicilio, garantizaráselles, con efectos desde o 1 de maio de 1998, un salario mínimo equivalente a 30 horas de traballo semanais, con independencia de que as realizasen ou non, podendo percibir cada un dos traballadores, e a título individual, un salario superior en función das horas efectivamente realizadas.

É competencia de Cáritas Interparroquial, a distribución dos servicios, para poder garantir este salario mínimo para tódolos traballadores de axuda a domicilio, de tal maneira que, se algún deles se negase a aceptar, polo motivo que fose, o ou os servicios asignados perderán tamén a garantía de mínimos deste artigo.

Artigo 21º.-Antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a percibir en concepto de antigüidade, por cada tres anos de traballo efectivo, o 5% do salario base da súa categoría profesional, computándose cada trienio a partir do día 1 do mes que corre, ou do día 1 do mes seguinte, dependendo de que a data na que se cumpra dito trienio pertenza á 1ª ou á 2ª quincena, e co límite máximo do 60%.

Os traballadores que á sinatura deste convenio viñesen percibindo unha cantidade superior á que resultase de aplica-lo parágrafo anterior, percibirán, ademais das cantidades que lles correspondesen por antigüidade segundo se dispón neste artigo, a diferencia que resulte en concepto de complemento persoal.

Artigo 22º.-Complementos persoais.

Poderá establecerse entre cada traballador e a entidade un complemento persoal en contía, que se acor

dará en cada caso, e que se aboará nas doce pagas mensuais.

Así mesmo establécese, e con carácter único, á sinatura do presente convenio, a absorción dos complementos persoais actuais na nova táboa salarial.

Artigo 22º bis.-Complemento por posto de traballo.

Suprímese este artigo por incorporar este complemento ó salario base respectivo.

Artigo 23º.-Complemento de transporte.

Os auxiliares de axuda a domicilio que teñan que realizar desprazamentos intermedios nas súas asistencias dentro da súa xornada de traballo, percibirán un complemento por transporte por cada desprazamento. Este complemento revisarase anualmente e de forma independente ó resto dos conceptos retributivos, en función do custo obxectivo do transporte urbano.

Artigo 24º.-Complemento de penosidade na asistencia domiciliaria.

Os auxiliares de axuda a domicilio que realicen funcións que requiran un maior esforzo e/ou dificultade en función do grao de incapacidade da persoa asistida, ou do deterioración ambiental dos domicilios ós que acudan, percibirán este complemento nas cuantías e circunstancias que se especifican no anexo II.

Artigo 25º.-Complemento por traballo en festivo.

A entidade abonaralle ó traballador, mensualmente, un complemento polos días festivos do dito mes nos que o traballador realizase as súas tarefas normais.

Dito complemento equivalerá a un 50% sobre o salario base diario multiplicado polo número de días festivos traballados.

Artigo 26º.-Pagas extraordinarias.

A entidade aboará, ademais das doce mensualidades, unha paga extraordinaria no mes de xullo e outra no mes de decembro, por un importe equivalente a 30 días de salario base, incluída a antigüidade, se é o caso. Estas pagas devengaranse por semestres naturais cada ano. O persoal que ingrese ou cese durante o ano percibirá estas pagas extraordinarias en proporción ó tempo traballado no semestre correspondente a cada paga.

O persoal que non traballe a xornada completa, percibirá por este concepto, a parte proporcional correspondente.

Artigo 27º.-Atrasos.

No caso de que a un traballador lle finalice o contrato durante a vixencia do convenio, independentemente de que asine o finiquito, abonaráselle, con efectos retroactivos, os atrasos que lle puidesen corresponder, e de acordo co incremento do IPC.

Artigo 28º.-Abono de haberes.

Tanto as pagas mensuais como as extraordinarias ingresaranse mediante transferencia bancaria na conta corrente elixida polo traballador dentro do territorio nacional, o último día do mes no caso das nóminas mensuais, e os días 15 de xullo e 15 de decembro para as pagas extraordinarias de xullo e Nadal, respectivamente. Se fosen festivos, aboarase o día hábil inmediatamente anterior.

Artigo 29º.-Complemento por ILT.

Os traballadores en situación de incapacidade laboral transitoria, e durante un período de ata 12 meses, recibirán o complemento necesario ata completa-lo 100% da retribución mensual ordinaria que lles correspondería de poder desenvolve-las súas actividades laborais e a teor do percibido no mes anterior á data da baixa.

Artigo 30º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas que, consideradas no seu conxunto diario, semanal ou anual, excedan da xornada pactada neste convenio.

A realización das ditas horas extraordinarias será con ocasión de situacións excepcionais.

As horas extraordinarias aboaranse ó 175% sobre o valor do salario/hora ordinario.

As ditas horas non poderán superar, en todo caso, o tope máximo de 70 horas, debendo ser comunicadas ó comité de empresa.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 31º.-Saúde laboral.

De conformidade co disposto na Lei de prevención de riscos laborais, os traballadores teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo. O citado dereito supón a existencia dun correlativo deber de Cáritas Interparroquial na protección dos traballadores ó seu servicio fronte ós riscos laborais.

En cumprimento do deber de protección, a entidade deberá garanti-la seguridade e a saúde dos traballadores ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co traballo. Igualmente, a entidade está obrigada a garantir unha formación práctica e adecuada nestas materias a tódolos traballadores.

Corresponde a cada traballador velar en e polo cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan adoptadas.

Así mesmo, terase en conta o disposto nas demais normas sobre seguridade e hixiene no traballo vixentes en cada momento.

Crearase o comité de seguridade laboral, de forma paritaria e coas funcións e desenvolvemento establecidos na Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 32º.-Recoñecementos médicos.

O traballador ten dereito, e á vez a obriga, de someterse ás revisións médicas, tanto previas ó ingreso ó posto de traballo como ás periódicas que sexan aconselladas ou propostas tanto pola entidade como polos organismos oficiais competentes, así como a de someterse ós medios profilácticos ou de vacinación que sexan obrigatoriamente indicados por eles, coa salvagarda do seu dereito constitucional á intimidade.

Todo traballador será informado de maneira adecuada e confidencial dos resultados dos exames da saúde ós que foi sometido.

Artigo 33º.-Roupa de traballo.

Cáritas Interparroquial de A Coruña facilitaralles ós seus traballadores a roupa adecuada de traballo e en cantidade suficiente para o desempeño dos seus cometidos específicos, contra o reintegro da deteriorada. O traballador estará obrigado a usar durante a realización da súa tarefa a roupa facilitada pola entidade, así como ó seu coidado.

No caso de que a deterioración ou perda se produza por neglixencia do traballador, este deberá procurarse ás súas expensas as prendas que sexan necesarias.

Queda prohibida a utilización da dita roupa de traballo para tarefas persoais ou de calquera outra índole que non sexan as propias de Cáritas.

Artigo 34º

No caso de que calquera dos traballadores se vise afectado por calquera tipo de enfermidade sobrevida por contaxio ó desenvolve-lo seu traballo, aplicarase o que dispoña a autoridade sanitaria.

Artigo 34º bis.-Prestación por morte ou invalidez.

Tódolos traballadores contarán cun seguro de accidentes, que contratará a entidade pola súa conta e cargo, e que cubrirá os accidentes ocorridos ós traballadores como consecuencia da realización do seu traballo ou nos desprazamentos a/ou desde este, e dos que resulte morte, invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez, e garantiranse en tódolos casos 3.000.000 de pesetas por cada traballador.

Capítulo VII

Dereitos sindicais

Artigo 35º.-Dereitos de sindicación.

A entidade respectará o dereito de tódolos traballadores a sindicarse libremente.

Non poderá condiciona-la ocupación dun traballador o feito de que estea ou non afiliado ou renuncie á súa afiliación sindical, e tampouco poderá incomodalo ou prexudicalo de ningunha outra forma a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

Artigo 36º.-Dereito de participación.

Todo traballador ten dereito a participar de forma activa nos órganos de representación, na forma regulada polo Estatuto dos traballadores.

Así mesmo poderán realizarse reunións, recoller cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo e sen perturba-la actividade normal.

Cando por traballar en quendas, por insuficiencia dos locais, ou por calquera outra circunstancia, non poida reunirse simultaneamente todo o cadro de persoal sen prexuízo ou alteración no normal desenvolvemento da actividade, as diversas reunións parciais que deban ter lugar consideraranse como unha soa e datadas no mesmo día da primeira. En todo caso, manteranse uns servicios mínimos, cando así fose necesario, establecidos de común acordo entre a entidade e os representantes dos traballadores, que garantan a cobertura e atención necesaria da actividade.

Artigo 37º.-Dereito de información.

A entidade facilitará taboleiros de anuncios para que, baixo a responsabilidade dos representantes sindicais na publicidade ou comunicacións asinadas polos sindicatos, se coloquen aqueles avisos e comunicacións que haxa que efectuar e se crean pertinentes. Os ditos taboleiros distribuiranse nos puntos e lugares visibles para permitir que a información lles chegue facilmente ós traballadores.

Artigo 38º.-Dereitos supletorios.

En todo o previsto neste convenio en materia de dereitos de representación colectiva, reunión, liberdade sindical e participación, folga e conflictos colectivos, terase en conta o que se dispoña na lexislación vixente en cada momento.

Capítulo VIII

Infraccións laborais

Artigo 39º.-Disposicións xerais.

Os traballadores poderán ser sancionados pola entidade, en virtude de imcumprimentos laborais e de acordo coa gradación de faltas e sancións que se establezan nos seguintes artigos, sendo o Estatuto dos traballadores, o Codigo Penal, a Lei 8/1988, do 7 de abril, e o R.D. 928/1998, do 14 de maio, en materia de infraccións e sancións, dereito supletorio nesta materia.

Como excepción ó contido nos artigos 40, 41 e 42 en materia de faltas de asistencia e puntualidade, no caso dos traballadores de axuda domiciliaria terase un especial coidado nas sancións pola dificultade que supón a proba ou a desistencia na imputación da dita falta.

Artigo 40º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

1. O atraso e neglixencia no cumprimento das súas funcións, así como a indebida utilización dos locais,

materiais, informacións ou documentos da empresa, salvo que pola súa manifesta gravidade poida ser considerada como falta grave ou moi grave.

2. A non-comunicación coa debida antelación da falta de asistencia ó traballo por causa xustificada, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, e en número de tres a cinco cometidas nun período dun mes.

4. Non comunicarlle á entidade os cambios persoais que poidan afecta-las prestacións coa Seguridade Social ou a relación coa Facenda pública.

5. A negativa rotunda a pasa-las revisións médicas contidas no artigo 32 deste convenio.

Artigo 41º.-Faltas graves.

Terán a consideración de faltas graves:

1. A falta de disciplina no traballo.

2. A falta de asistencia ó posto de traballo sen causa xustificada.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante máis de cinco días ó mes e menos de dez.

4. O abandono inxustificado do posto de traballo.

5. A reincidencia na comisión dunha falta leve, aínda que sexa de diferente natureza e dentro dun mesmo trimestre, sempre que se produza sanción por ese motivo.

6. A ausencia de notificación, nun prazo de 24 horas, da situación de baixa po IT.

7. A neglixencia no traballo que afecte negativamente a marcha nel.

8. A simulación de enfermidade ou accidente.

9. As discusións públicas cos compañeiros no centro de traballo.

Artigo 42º.-Faltas moi graves.

Serán cualificadas como faltas moi graves as seguintes:

1. Dar a coñecer procesos patolóxicos e datos íntimos dos usuarios.

2. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, e calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

3. A falta de asistencia ó traballo non xustificada, e durante máis de tres días ó mes.

4. As faltas reiteradas e inxustificadas de puntualidade durante máis de dez días ó mes ou durante máis de 30 días ó trimestre.

5. Os malos tratos de palabra ou obra, psíquicos ou morais, infrinxidos ós usuarios, compañeiros de traballo de calquera categoría ou a familiares de calquera deles, así como os abusos de autoridade.

6. A obtención de beneficios económicos ou en especie dos usuarios.

7. Apropiarse de obxectos, documentos, material ou calquera outro efecto persoal dos usuarios ou dos traballadores.

8. A neglixencia na administración da medicación.

9. Facer públicos datos persoais e/ou teléfono dos usuarios, familiares ou compañeiros de traballo a persoas alleas a eles.

10. Os actos ou conductas verbais ou físicas de natureza sexual ofensivas dirixidas a calquera traballador, sendo de máxima gravidade aquelas que sexan exercidas desde posicións de mando ou xerarquía, as realizadas cara a persoas con contrato non indefinido, ou as de represalia contra as persoas que as denunciasen.

11. A indisciplina ou desobediencia no traballo.

12. A diminución voluntaria e continua do rendemento normal do traballo, cando supoña neglixencia por parte do traballador.

13. A embriaguez ou toxicomanías.

14. A reincidencia na comisión dunha falta grave, aínda que sexa de natureza distinta, sempre que se produza sanción por ese motivo.

Artigo 43º.-Sancións.

As sancións que poderán impoñerse, en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata tres días.

-Desconto proporcional das retribucións que sexan correspondentes ó tempo real deixado de traballar por faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de tres días a un mes.

-Desconto proporcional das retribucións que sexan correspondentes ó tempo real deixado de traballar por faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo dun a tres meses.

-Despedimento.

Artigo 44º.-Tramitación.

As sancións comunicaránselle motivadamente e por escrito ó interesado para o seu coñecemento e efectos, dándoselle notificación ó comité de empresa ou delegados de persoal.

Para a imposición de sancións por falta moi grave, será preceptiva a instrucción de expediente sumario.

Este expediente incoarase logo do coñecemento da infracción, remitíndolle ó interesado prego de cargos con exposición sucinta dos feitos supostamente constitutivos de falta. Deste expediente darase traslado ó comité de empresa ou delegados de persoal para que, ámbalas dúas partes e no prazo de cinco días, poidan manifestarlle á dirección o que consideren conveniente co obxecto de esclarece-los feitos. Transcorrido o dito prazo, e aínda que o comité, o traballador, ou ambos non fixesen uso do dereito que se lles concede a formular alegacións, procederase a impoñerlle ó traballador a sanción que se considere oportuna de acordo coa gravidade da falta cometida e o estipulado neste convenio.

É absolutamente indispensable a tramitación de expediente contradictorio para a imposición das sancións, calquera que fora a súa gravidade, cando se trate de membros do comité de empresa ou delegados de persoal.

Artigo 45º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós trinta días, as graves ós sesenta días e as moi graves ós noventa días, a partir da data na que se tivese coñecemento, e, en todo caso, ós seis meses de se cometeren.

Artigo 46º.-Infraccións da empresa.

Clasificaranse como infracións laborais da empresa as accións ou omisións contrarias ás disposicións

legais en materia de traballo, a este convenio colectivo, e ás demais normas que sexan de aplicación vixente en cada momento.

Sancionarase a obstaculización do exercicio das liberdades públicas e dos dereitos xudiciais.

As ditas infraccións tramitaranse de acordo coa normativa vixente.

Disposición adicional

Constitúese unha comisión paritaria, que cumprirá as seguintes funcións:

-Interpretación das cláusulas deste convenio.

-Aplicación do pactado e vixilancia do seu cumprimento.

-Mediación, arbitraxe e conciliación no caso de conflicto colectivo, cando se solicite a instancia dun dos seus órganos.

A comisión paritaria estará integrada por dous órganos, un en representación do sector social e outro en representación do sector empresa; cada un estará integrado por tres representantes, pertencentes á comisión negociadora. Ámbalas dúas partes poderán ser asistidas por un asesor, con voz pero sen voto. Os acordos da comisión paritaria requirirán, validamente constituída, a asistencia á reunión de dous membros de cada unha das representacións.

ANEXO I

Táboas salariais

Ano 1999Ano 2000

Salario base

mes/día

Trienios 5%Plus festivo/díaSalario base

mes/día

Trienios 5%Plus festivo/día

Titulados superiores

Director centro 138.678 6.934 2.311 141.452 7.073 2.357

Médico 126.073 6.303 2.101 128.594 6.429 2.143

Outros titulados superiores 126.073 6.303 2.101 128.594 6.429 2.143

Titulados medios

Coordinador centro 127.123 6.356 2.119 129.665 6.483 2.161

Asist. social/diplom. trab.social 115.567 5.778 1.926 117.878 5.894 1.965

ATS/DUE 115.567 5.778 1.926 117.878 5.894 1.965

Persoal administrativo

Administrativo 105.061 5.253 1.751 107.162 5.358 1.786

Auxiliar administrativo 78.796 3.941 1.313 80.372 4.020 1.339

Profesionais de oficio

Encargado de quenda80.900 4.045 1.348 82.518 4.126 1.375

Cociñeira 84.049 4.203 1.401 85.730 4.287 1.429

Persoal subalterno

Conserxe 89.302 4.466 1.488 91.088 4.555 1.518

Porteiro 78.796 3.946 1.313 80.372 4.025 1.339

Auxiliar servicios xerais 73.543 3.679 1.226 75.014 3.753 1.251

Auxiliar domicilio 432 22 - 441 22 -

ANEXO II

Complemento de penosidade na asistencia

domiciliaria

Ano 1999Ano 2000

Nivel 0 0Ptas./hora 0Ptas./hora

Nivel 1 95Ptas./hora 97Ptas./hora

Nivel 2189Ptas./hora193Ptas./hora