Con data do 6 de xuño de 2000, publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 11 de maio de 2000, pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Ingeniero Gerardo García Campos, adscribíndose á Consellería de Industria e Comercio, que terá que exerce-lo protectorado plenamente sobre ela.
Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto a promoción, desenvolvemento, ensino, investigación e difusión da innovación tecnolóxica e a iniciativa empresarial.
Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º de la Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,
DISPOÑO:
Artigo único.
1º Declarar de interese galego a Fundación Ingeniero Gerardo García Campos ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.
2º Ordena-la inscrición da Fundación Ingeniero Gerardo García Campos na sección do Rexistro das Fundacións da Consellería de Industria e Comercio para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, do réxime das fundacións de interese galego, modificado pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2000.
Juan Rodríguez Yuste
Conselleiro de Industria e Comercio