Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 21 de xullo de 2000 Páx. 11.170

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 192/2000, do 6 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Moeche, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de adecuación da carballeira de San Ramón.

O Concello de Moeche (A Coruña), en sesión que tivo lugar o día 25 de febreiro de 1999, aprobou o proxecto de adecuación da carballeira de San Ramón, e na sesión do 29 de abril de 1999 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para correcta tramitación do expediente con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de xuño de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 12 de abril de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo se recolle no expediente, estas obras son necesarias para supera-la situación de abandono e contaminación da carballeira de San Ramón, e evitar así os perigos que para a seguridade e saúde pública se veñen producindo nas actuais circunstancias.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Moeche para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de adecuación da carballeira de San Ramón.

Santiago de Compostela, seis de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais