Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 20 de xullo de 2000 Páx. 11.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2000 pola que se convoca un Seminario Internacional sobre os Procesos de Descentralización nos Estados Membros da Unión Europea e en América Latina.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo de Rexións, un Seminario Internacional sobre os Procesos de Descentralización nos Estados Membros da Unión Europea e en América Latina, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Ante a conxuntura desta fin de século, a miúdo de restriccións orzamentarias, as administracións públicas dos estados europeos e tamén dos latinoamericanos enfróntanse ante a situación de arbitrar novos camiños que democraticen os procesos, que racionalicen os criterios de actuación pública e que, en último extremo, fagan posible tanto a maior participación como a mellor información á cidadanía, en aplicación dun real e práctico principio de subsidiariedade.

Dentro do respecto á diversa realidade político-administrativa dos estados, tanto en Europa como nas repúblicas latinoamericanas, os procesos de descentralización dentro dun país deben considerarse como esforzos positivos desde o centro cara á periferia e cara ás rexións, ou destas cara ós municipios, para unha mellor prestación dos servicios públicos. Coñece-las experiencias desenvolvidas nesta materia en ámbalas dúas beiras do Atlántico por personalidades que tiveron responsabilidades na concepción, dirección e aplicación, se é o caso, desta temática preséntasenos como unha verdadeira e única oportunidade para coñecer estes desenvolvementos e elaborar, desde a perspectiva da realidade da Comunidade Autónoma de Galicia, pensamentos e conclusións.

O obxectivo deste seminario é, en resumo, iniciar un debate en profundidade, debate no que, tendo presente a dispar realidade existente dos ámbitos territoriais sobre os que se centra a materia que serve de eixe a esta actividade, se compartan experiencias comúns, e se analicen os puntos fortes e febles dos casos que se someten a estudio neste foro.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Os procesos de descentralización político-administrativa en Europa.

-Os procesos de descentralización económico-fiscal en Europa.

-Visión xeral da descentralización en América Latina.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o seminario convocado desenvolverase no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela) os días 25 e 26 de setembro de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 21 de setembro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando, o día 22 de setembro, por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública