Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 20 de xullo de 2000 Páx. 11.109

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de xullo de 2000 pola que se aproba o contido mínimo do Regulamento de réxime interior de centros de atención á primeira infancia pertencentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, recolle no seu capítulo primeiro os obxectivos, contidos e a metodoloxía que hai que ter en conta na etapa da educación infantil que abrangue dos 0 ós 6 anos, establecendo dous ciclos diferentes, o primeiro ata os tres anos e o segundo de tres a seis anos.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, atribúelle á Administración autonómica competencia para a regulamentación dos centros de servicios sociais. No exercicio destas competencias, publicouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, desenvolvéndose por orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, do 29 de febreiro de 1996, os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e centros de atención á infancia.

Dado que estes centros deben ter un regulamento de réxime interior de acordo co disposto no artigo 38 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, o obxecto desta orde é determina-lo contido mínimo ó que deberán axustarse os regulamentos de réxime interno dos centros de atención á primeira infancia pertencentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Así mesmo a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia, no seu artigo 5.1º a) atribúelle á Xunta de Galicia a dirección, planificación, programación e ordenación de obxectivos e medidas regulamentarias e de xestión, así como a coordinación de actuacións, competencias asumidas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no que atinxe ós centros de atención á primeira infancia ó abeiro do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se regula a estructura orgánica desta consellería, modificado polo Decreto 117/99, do 23 de abril.

Consonte o exposto, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e oídos os comités de empresa provinciais e o comité intercentros,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A aprobación do contido mínimo do Regulamento de réxime interior dos centros de atención á primeira

infancia pertencentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 2º

Tódolos centros de atención á primeira infancia pertencentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude deberán posuír un regulamento de réxime interior que se axustará á estructura e ós contidos mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-O proxecto de regulamento de réxime interior deberá ser remitido por cada un dos centros á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para a súa aprobación pola conselleira logo de ser informado pola Secretaría Xeral e pola Dirección Xeral de Familia, no prazo de 12 meses a contar desde a entrada en vigor da presente orde, ou nos casos de centros de nova creación, desde a publicación do correspondente decreto de creación.

Segunda.-Mentres non se aproben os regulamentos de réxime interior de cada un dos centros de atención á primeira infancia, aplicaranse como tal as disposicións contidas no presente regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Familia para dicta-las resolucións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º

O presente regulamento ten por obxecto establece-la organización e funcionamento dos centros de atención á primeira infancia pertencentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e promove-la participación neles de tódalas persoas implicadas.

Artigo 2º

Constitúen o ámbito de aplicación da presente norma os centros de atención á primeira infancia pertencentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que se configuran como equipamentos diurnos dirixidos á poboación infantil de 0 a 3 anos.

Artigo 3º

Os centros de atención á primeira infancia pertencentes á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cumpren unha función

eminentemente social e educativa, proporcionando ós seus usuarios unha atención integral sen distinción de raza, sexo, condición social ou económica, a través dun programa global que garanta o pleno desenvolvemento físico, intelectual, afectivo, social e moral dos nenos/as.

Estes centros cooperarán estreitamente cos pais, titores ou representantes legais co fin de facilita-la conciliación da vida familiar e laboral e consegui-la mellor integración entre o centro e as familias.

Capítulo II

Procedemento de ingreso

Artigo 4º

Poderán solicitar praza nos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os nenos/as con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

No momento do seu ingreso, abriráselles un expediente persoal no que constarán, con carácter confidencial, os datos de filiación, sanitarios, enderezo e teléfono para avisos en casos de urxencia, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada.

Artigo 5º

O procedemento de reserva de praza e ingreso publicarase anualmente no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º

En todo caso os nenos/as tutelados pola Xunta de Galicia serán admitidos nos centros obxecto desta orde con carácter preferente.

Capítulo III

Obxectivos dos centros

Artigo 7º

1. Son obxectivos específicos destes centros:

-Promover e fomenta-lo desenvolvemento integral dos nenos/as e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno/a.

-Facilita-la conciliación entre a vida familiar e laboral.

-Facilita-lo desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto, etc.

-Lograr un equilibrio afectivo satisfactorio.

-Respecta-la singularidade e diversidade de cada neno/a.

-Posibilita-la integración progresiva dos nenos/as na cultura do seu medio.

-Crear un ambiente que favoreza o desenvolvemento individual e grupal nas actitudes e nas actividades diarias.

-Facilita-la adquisición progresiva de hábitos de orde, limpeza e conservación dos materiais, facendo uso axeitado destes.

-Facilita-la integración dos nenos con necesidades educativas especiais.

2. Estes obxectivos deberán ser desenvolvidos no proxecto educativo que elaborará cada centro.

Capítulo IV

Horario de apertura dos centros

Artigo 8º

Os centros da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán permanecer abertos 12 meses ó ano, agás os días declarados inhábiles, e poderán prestar servicio entre as 8 e as 20 horas, de luns a venres ámbolos dous inclusive, de acordo coas dispoñibilidades de recursos humanos e orzamentarios. A Dirección Xeral de Familia publicará anualmente no mes de xullo o calendario do curso seguinte, así como o horario de apertura dos centros.

Tanto o calendario anual como o horario de apertura e peche deberán figurar no taboleiro de anuncios de cada centro.

Capítulo V

Horarios de permanencia dos nenos/as

Artigo 9º

1. O horario máximo de permanencia dos nenos/as no centro será con carácter xeral de oito horas diarias, agás causas excepcionais, e convenientemente xustificadas, a valorar pola respectiva delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que poderá amplia-lo dito horario.

2. Sempre que as circunstancias familiares dun neno/a o obriguen a permanecer nun centro máis das oito horas estipuladas, fomentarase que os pais, titores ou representantes legais se fagan cargo do neno/a ó longo da xornada no tempo que dispoñan libre, co fin de fomenta-las relacións paterno-filiais.

Artigo 10º

1. O horario de entrada-saída dos nenos/as nos centros débese caracterizar pola flexibilidade que requiran as necesidades da familia, sempre que non leve consigo alteración das actividades dos demais nenos/as e do normal funcionamento do centro. Non obstante, unha vez acordados co centro os horarios de entrada e saída dos nenos/as, as familias procurarán respectalos. En caso de retrasos inxustificados e reiterados, a dirección do centro de atención á primeira infancia está obrigada a adopta-las medidas oportunas poñendoo en coñecemento da correspondente delegación provincial nos casos que así o requiran.

2. Ó remate da xornada os nenos/as serán entregados ós seus pais, titores ou representantes legais. Nos casos nos que estes autoricen á dirección do centro para entrega-lo neno/a a outra persoa, esta deberá ser debidamente identificada.

Artigo 11º

A organización do horario terá a natural flexibilidade que esixan as características psicopedagóxicas e sociais dos nenos/as. Teranse en conta as posibilidades de mantemento da atención ós nenos/as nas diferentes situacións e actividades que se organicen.

A programación destas actividades, que se concretará no regulamento de réxime interior de cada centro, deberáselle remitir con anterioridade ó 1 de outubro de cada ano, á delegación provincial correspondente, para a súa autorización.

Artigo 12º

1. Cada grupo de nenos/as terá un responsable que formará parte do equipo técnico do centro, participará na elaboración, a execución e a avaliación dos programas individuais e colectivos que se establezan para o desenvolvemento da personalidade dos nenos/as, e terá a responsabilidade do grupo asignado. Os responsables de grupo materán relacións cos pais, titores ou representantes legais dos nenos/as asignados ó seu grupo e, de se-lo caso, supervisarán o persoal en prácticas que teñan asignado.

2. A asignación dos responsables para os diferentes grupos faraa a dirección do centro, logo de consulta ó equipo técnico. A dita asignación farase de acordo cos criterios establecidos no proxecto educativo do centro, procurando que o responsable do grupo asuma o mesmo grupo de nenos/as de anos anteriores.

Capítulo VI

Relacións cos pais, titores ou representantes legais

Artigo 13º

1. A relación cos pais, titores ou representantes legais, que deberá ser en todo caso fomentada pola dirección do centro, ten como principais obxectivos:

-O intercambio de criterios educativos.

-Trasmisión mutua de información sobre actitudes e comportamento dos nenos/as.

-Compartir pareceres sobre incidentes, preocupacións, ilusións, actividades, etc.

2. Trala consulta co equipo técnico do centro, a dirección poñerá en coñecemento dos pais, titores ou representantes legais de cada neno/a unha información sobre a súa evolución integral que terá carácter semestral e que se realizará en documento normalizado.

3. As visitas dos pais, titores ou representantes legais dos nenos/as realizaranse de conformidade co horario establecido pola dirección para tal fin, logo de ser oído o equipo técnico, sempre e cando non dificulte a boa marcha do centro.

Artigo 14º

Co fin de garanti-la necesaria cooperación cos pais, titores ou representantes legais dos nenos/as, realizaranse reunións xerais e de grupo, segundo a natu

reza dos temas que se van tratar que terán lugar nas dependencias do centro, logo da convocatoria por escrito. A periodicidade destas será a seguinte:

-Dúas reunións xerais, coincidindo co inicio e co remate do curso.

-Dúas reunións de grupo para realizar unha en cada semestre.

En todo caso, a dirección do centro informará por escrito ó principio do curso dos horarios de atención e información ós pais, titores ou representantes legais dos nenos/as.

Artigo 15º

Cada centro de atención á primeira infancia terá un libro de reclamacións á disposición dos usuarios. A dirección do centro poñerá en coñecemento da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude o contido das reclamacións de xeito periódico, agás nos casos en que se requira unha comunicación inmediata.

Capítulo VII

Normas de saúde, hixiene e nutrición

Artigo 16º

1. Os nenos/as deberán acudir ó centro de atención á primeira infancia en condicións correctas de saúde e hixiene.

2. Non serán admitidos no centro os nenos/as que padezan enfermidades infecto-contaxiosas. A aparición destas enfermidades deberá ser comunicada polos pais, titores ou representantes legais á dirección do centro que, á súa vez, o poñerá de inmediato en coñecemento da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. No caso de observarse síntomas dun proceso infecto-contaxioso nos nenos/as no propio centro, informarase á dirección deste, e avisaranse os seus pais, representantes legais ou titores, co fin de evita-la propagación da enfermidade entre os demais nenos/as. O reingreso no centro só será posible logo de transcorrido o período de contaxio e tralo informe médico que acredite tal circunstancia.

4. No caso de enfermidade ou accidente sobrevido no centro, despois das primeiras atencións in situ e, á maior brevidade posible, poñerase a dita circunstancia en coñecemento dos pais, titores ou representantes legais do neno/a e, se é o caso, procurarase que o neno/a reciba a atención médica axeitada.

5. Cando se produza a falta de asistencia ó centro por un período superior a 3 días, debido a enfermidade ou outras circunstancias, os pais, titores ou representantes legais deberán comunicar este feito á dirección do centro.

6. Nos casos nos que se deban administrar medicinas ós nenos/as, deberán ir acompañadas da receita

médica, actualizada á data do tratamento, na que constará o nome do neno/a, o nome do medicamento, forma, dose e periocidade na administración. Non se lles administrará ningunha medicación que non veña acompañada así mesmo da autorización por escrito dos pais/nais, titores ou representantes legais indicando as horas de administración da dose correspondente.

Artigo 17º

1. Os centros publicarán no taboleiro de anuncios e/ou facilitarán ós pais unha relación quincenal dos menús previstos, os cales procurarán proporcionar unha dieta sa, equilibrada e axeitada para os distintos grupos de idade.

2. Os centros prestarán un especial coidado en atende-los casos nos que o neno/a, en razón das súas circunstancias persoais, deba recibir alimentos de forma ou en horarios específicos, sen prexuízo de que estes deban ser facilitados pola familia.

Capítulo VIII

Promoción da integración

Artigo 18º

1. Os centros promoverán, dentro das súas posibilidades, a integración dos nenos/as con necesidades educativas especiais, sempre e cando conten cos recursos materiais e humanos necesarios.

2. Nestes casos requirirase o informe previo dos equipos de valoración e orientación dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sobre o grao de discapacidade e a súa necesidade de integración.

Capítulo IX

Estructura orgánica

Artigo 19º

Os centros de atención á primeira infancia obxecto deste regulamento dispoñerán da seguinte estructura organizativa:

1. Dirección.

2. Equipo técnico.

3. Persoal de atención directa ós nenos/as.

4. Persoal de servicios.

Artigo 20º

O director/a é o representante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no centro. Depende orgánica e funcionalmente do delegado/a provincial correspondente.

Artigo 21º

1. O equipo técnico constitúese como un grupo de traballo a través do cal o persoal de atención directa a nenos/as participa do proxecto integral do centro. Este equipo estará integrado polo director/a, que actuará como coordinador/a, e polo persoal de atención directa a nenos/as.

2. Son competencias propias do equipo técnico:

-Elabora-lo proxecto educativo e o proxecto curricular do centro, e proceder á súa modificación en caso necesario.

-Fixa-los criterios para o seguimento e avaliación destes documentos.

-Establecer criterios xerais ós que deben adaptarse as programacións de cada un dos grupos de idade.

-Elabora-la memoria anual do centro.

-Deseñar actividades que esixan coordinación entre os distintos grupos de idade.

-Programar actividades cos pais dos nenos/as.

-Elabora-lo proxecto de regulamento de réxime interior de cada centro.

3. O réxime de funcionamento do equipo técnico establecerase no regulamento de réxime interior que elabore cada centro.

Artigo 22º

1. O persoal de atención directa a nenos/as será o que estando en posesión da titulación ou habilitación correspondente realice funcións que segundo a súa categoría profesional se establezan no correspondente convenio colectivo, así como as que lle encomende a dirección do centro.

2. Este persoal estará integrado por mestres especialistas en educación infantil e técnicos especialistas en xardín de infancia.

Artigo 23º

O persoal de servicios xerais está integrado polo persoal de cociña e limpeza.

O persoal de cociña e limpeza realizará as funcións que segundo a súa categoría profesional se establezan no correspondente convenio colectivo así como as que lle encomende a dirección do centro.

Capítulo X

Asociación de pais e nais

Artigo 24º

A asociación de pais e nais é o órgano de participación na vida do centro. A súa constitución e funcionamento fomentarase por parte da dirección.

Artigo 25º

1. Sen prexuízo do que establezan os seus propios estatutos, a asociación promoverá os seguintes fins:

a) Defende-los dereitos dos pais/nais, titores ou representantes legais no relativo á prestación de servicios ós nenos/as.

b) Colaborar coa dirección e co persoal do centro para favorece-lo desenvolvemento integral da poboación atendida en todo canto supoña unha mellora da calidade na prestación dos servicios.

2. Para o desempeño destes fins a dirección do centro prestará á asociación de pais e nais canta

información relativa ó funcionamento do centro lle sexa requirida polos órganos de representación desta.

Artigo 26º

A asociación de pais e nais poderá celebra-las súas reunións nos locais do centro cando teñan por obxecto os seus fins propios e non perturbe o desenvolvemento normal das actividades. Para tal efecto, bastará a simple comunicación á dirección do centro da convocatoria da reunión con, polo menos, 48 horas de antelación.

Artigo 27º

Para garanti-la axeitada participación dos pais serán de aplicación xeral as seguintes normas:

1. Ó comezo do curso, a dirección do centro informará os órganos de representación da asociación dos programas e actividades que se desenvolverán, da normativa establecida en relación co centro e cantos aspectos poidan resultar do seu interese.

2. No caso de discrepancias referentes a aspectos do funcionamento do centro, a asociación poderá dar traslado delas á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente.

Os pais, titores e representantes legais terán dereito a solicitar canta información precisen sobre a atención recibida polos nenos/as.

Capítulo XI

A linguaxe

Artigo 28º

A lingua utilizada en cada grupo será a lingua materna predominante entre os nenos/as que forman parte del, e coidarase que adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. Atenderase de xeito individualizado a aqueles nenos/as do grupo que non teñan coñecemento suficiente da lingua materna predominante.

Capítulo XII

Fomento da igualdade dos nenos e nenas

Artigo 29º

1. Os centros programarán actividades para promove-la igualdade entre os nenos/as e evita-los comportamentos e as actividades discriminatorias por razón de sexo. As ditas actividades reflictiranse nos proxectos educativos e curriculares.

2. Os centros poñerán especial coidado en revisar aqueles materiais e ilustracións que se utilicen como instrumentos de traballo. Así mesmo vixiarán que no uso da linguaxe se adopten expresións e formas non discriminatorias.

3. Así mesmo os centros prestarán especial atención ó fomento da interculturalidade como instrumento de superación de desigualdades, inxustizas, prexuízos e racismo.