Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 19 de xullo de 2000 Páx. 11.079

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2000 pola que se convoca unha xornada sobre a protección dos dereitos fundamentais no ordenamento xurídico comunitario.

Dentro do Plan de Actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e a Fundación Galicia-Europa, unha xornada sobre a protección dos dereitos fundamentais no ordenamento xurídico comunitario, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A salvagarda dos dereitos fundamentais é un dos principios básicos da Unión Europea e unha condición indispensable para a lexitimidade desta. O Tribunal Europeo de Xustiza confirmou e configurou, coa súa xurisprudencia, a obriga da Unión de velar polos dereitos fundamentais. A evolución actual da Unión esixe a redacción dunha carta de dereitos fundamentais que permita poñer de manifesto ante os cidadáns da Unión a importancia sobresaínte dos dereitos fundamentais e o seu alcance.

Na sesión do Consello Europeo, que terá lugar en decembro do ano 2000 en Niza, presentarase un proxecto de carta. A partir dese proxecto, o Consello Europeo proporá a proclamación solemne da Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Posteriormente estudiarase se se debe incorpora-la carta ós tratados e, en caso afirmativo, de qué modo debe facerse.

Por todo isto, e co fin de coñece-lo estado actual do debate sobre un tema de tanta actualidade e importancia para tódolos cidadáns europeos, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en colaboración coa Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e a Fundación Galicia-Europa, organiza esta xornada.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Postura da comisión ante a Carta europea de dereitos fundamentais.

-Postura do Parlamento ante a Carta europea de dereitos fundamentais.

-A Carta europea de dereitos fundamentais desde a perspectiva dos estados: a perspectiva española.

-A perspectiva rexional desde Galicia.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela), o día 15 de setembro de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 13 de setembro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 14 de setembro, por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública