Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 19 de xullo de 2000 Páx. 11.071

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xuño de 2000 pola que se autoriza a apertura e funcionamento do centro privado Acordes de Ourense para imparti-las ensinanzas de música correspondentes ós graos elemental e medio.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e o artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23), establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as ditas competencias.

Examinado o expediente promovido por José Carlos González Vila, en representación da sociedade González Pérez, C.B., no que solicita autorización de apertura dun centro para imparti-las ensinanzas musicais de graos elemental e medio que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Vistos os informes da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense sobre o cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro, título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro),

polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorízase o centro privado Acordes de Ourense para imparti-las ensinanzas correspondentes ós graos elemental e medio establecidas na Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

Segundo.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, o centro autorizado de música Acordes queda adscrito, para efectos administrativos, ó Conservatorio profesional de música de Ourense.

Terceiro.-A presente autorización para imparti-las ensinanzas musicais de graos elemental e medio terá efectos a partir do curso académico 2000-2001.

Cuarto.-O mencionado centro queda obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados na presente orde.

Quinto.-Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición transitoria

O centro poderá impartir, ademais, con validez académica oficial, as ensinanzas das materias correspondentes ó plan de estudios regulamentado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro (BOE do 24 de outubro), que non foran suprimidas polo Real decreto 986/1991, do 14 de xuño (BOE do 25 de xuño), modificado polos RR.DD. 535/1993, do 12 de abril (BOE do 4 de maio), 1487/1994, do 1 de xullo (BOE do 28 de xullo), 1468/1997, do 19 de setembro (BOE do 20 de setembro), 173/1998, do 16 de febreiro (BOE do 17 de febreiro) e o Real decreto 1112/1999, do 25 de xuño (BOE do 8 de xullo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las medidas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Ourense.

Concello: Ourense.

Localidade: Ourense.

Enderezo: praza Don Bosco, 1.

Código: 32020653.

Titular: González Pérez, C.B.

Denominación: Centro Autorizado de Música Acordes.

Postos escolares: grao elemental: 100; grao medio: 180.