Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 13 de xullo de 2000 Páx. 10.829

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 184/2000, do 29 de xuño, que modifica o Decreto 225/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o programa de acollemento familiar para persoas maiores e minusválidas.

O Decreto 225/1994 establece un programa de acollemento familiar dirixido a persoas maiores e minusválidas que recolle o outorgamento de axudas individuais destinadas a sufraga-los gastos derivados do acollemento destas persoas, que reúnan os requisitos fixados neste, en fogares de familias substitutas.

Este decreto, no seu artigo 8º punto 1, sinala que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais anualmente efectuará unha convocatoria para o outorgamento das ditas axudas económicas; no artigo 11º punto 1 sinala que tamén con carácter anual se fixará o importe máximo da axuda por modalidade que será o que vai permitir establece-la contía que se lle vai asignar a cada beneficiario en función dos seus ingresos; e no artigo 13º punto 2 refírese a prórroga das axudas.

A experiencia obtida durante estes anos sobre o funcionamento do dito programa aconsella establecer, en vez dunha convocatoria anual, unha convocatoria co prazo de vixencia que se determine en cada orde, co fin de permitir que se poidan estar incorporando novos beneficiarios ó programa dun xeito continuado e a medida que se vaian producindo nel baixas sen necesidade de esperar a que se faga pública a convocatoria do ano seguinte como se regulaba neste decreto.

Por todo o exposto e por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia do 5 de xuño de 2000 e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos e disposición seguintes do Decreto 225/1994 quedando redactados como segue a continuación:

Artigo 8º

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais efectuará periodicamente unha convocatoria para o outorgamento das axudas económicas ós minusválidos e maiores de sesenta e cinco anos que desexen acollerse ós beneficios do programa de acollemento.

2. Para tal efecto presentarase solicitude segundo o anexo III no concello de residencia da persoa maior ou minusválida.

Nela farase constar expresamente que se reúnen os requisitos que en cada caso corresponda, segundo o disposto no artigo 4º do presente decreto, así como

os datos de quen vaia presta-lo servicio de acollemento, sexa ou non residente no devandito concello.

3. Os servicios administrativos do concello elaborarán o expediente no que deberán consta-los seguintes documentos debidamente cubertos:

a) Anexos I, II e III xa citados anteriormente.

b) Declaración xurada de ingresos e bens da persoa que solicita ser acollida e dos acolledores, se procede, anexo IV, A e B), á que se xuntará copia das últimas declaracións do imposto da renda das persoas físicas e do patrimonio e, no seu defecto, certificado expedido polo organismo competente das pensións ou axudas que percibe o solicitante, se é o caso, así como do último recibo do imposto sobre bens inmobles de natureza rústica ou urbana.

c) A persoa que solicita ser acollida e os acolledores presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

d) Informe social emitido polos servicios sociais de atención primaria despois de efectua-lo estudio do que solicita ser acollido e da familia acolledora e no que se fará consta-la valoración desa acollida en concreto así como a proposta que se considere oportuna (anexo V).

e) Copia do documento nacional de identidade do solicitante da axuda así como de quen vaia presta-los servicios de acollida.

f) Certificado de empadroamento do acolledor.

g) Certificado que acredite que a persoa que solicita ser acollida leva residindo continuadamente, polo menos dous anos, nun ou en varios concellos de Galicia.

h) Copia da cartilla da Seguridade Social ou da tarxeta de asistencia sanitaria da persoa que solicita ser acollida.

i) Documento acreditativo do número de conta bancaria e entidade pola que desexa percibi-la axuda económica o solicitante e da que el ha de se-lo titular.

j) Informe médico da persoa que solicita ser acollida no que se reflicta o seu estado de saúde, tratamentos e atención que necesita (anexo VI, A). Cualificación da minusvalidez, no caso de que proceda, actualizada e expedida pola Sección de Cualificación de Minusvalidez (centro base) das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

k) Informe médico do/s acolledor/es no que se valore o seu estado de saúde e capacidade para atender a persoas maiores ou minusválidas (anexo VI, B).º

Artigo 11º

1. O importe máximo que se vai a subvencionar do servicio de acollemento familiar fixarase, para

as distintas modalidades, na orde da convocatoria e establecerase en función dos ingresos dos beneficiarios. En cada convocatoria fixaranse os prazos e condicións para o pagamento que se efectuará a favor da persoa acollida, despois de presenta-lo contrato de acollida (anexo VIII) asinado por ámbalas dúas partes.

2. A axuda devengarase desde o día primerio do mes seguinte ó da data de concesión ata o final do exercicio económico sempre e cando non se produzan incidencias que provoquen antes a súa extinción.

Artigo 13º

As axudas quedarán prorrogadas automaticamente desde primeiros de ano, sen prexuízo do establecido nos parágrafos seguintes:

1. Nos quince primeiros días de cada ano os concellos remitiranlle á respectiva delegación provincial o informe social emitido polos servicios sociais de atención primaria no que, despois de avalia-la situación de acollida se valorará a conveniencia da súa continuidade, modificación ou extinción e emitirase a proposta oportuna. Este informe social acompañará a solicitude de prórroga para o ano en curso xunto cun anexo IV-A actualizado.

2. A contía da axuda prorrogada inicialmente será a mesma cá concedida no exercicio anterior, procedéndose á súa regularización no que afecte á achega do beneficiario cando se produza modificación nos seus ingresos, e no relativo á modalidade cando se establezan cambios da contía máxima na orde de convocatoria. Para tal efecto teranse en conta os anexos III, IV-A e V.

Disposición adicional

Primeira.-En todo o non regulado no presente decreto terase en conta o disposto no Decreto 258/1990, do 27 de abril, polo que se establecía o réxime xeral das axudas e subvencións concedidas pola Consellería de Traballo e Servicios Sociais en materia de servicios sociais, reformado pola Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, e as disposicións contidas na normativa reguladora dos distintos réximes de axudas e subvencións.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais