Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 12 de xullo de 2000 Páx. 10.809

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución denominado revisión número 2 da acometida ó centro de mantemento, operación e control, Polígono Industrial O Campiño, promovido pola empresa Gas Natural SDG, S.A. (Expediente 00/3-0-G).

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Gas Natural SDG, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Capitán Haya, 41, 28020 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Con data do 12 de outubro de 1993, a Consellería de Industria e Comercio outorgoulle a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a prestación de servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industriais no termo municipal de Pontevedra, concesión que deveu en autorización conforme establece a disposición adicional sexta da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Segundo.-Con data do 14 de setembro de 1999, a Consellería de Industria e Comercio aprobou a Enagás, S.A. o proxecto de execución Anexo Gasificación do Noroeste: redes en Pontevedra. Revisión da acometida ó centro de mantemento, operación e control, no termo municipal de Pontevedra.

Terceiro.-Como consecuencia da escisión de activos realizada por Enagás, S.A. a favor de Gas Natural SDG, S.A., relativa á distribución de gas, esta empresa pasa a se-la titular da dita autorización e, polo tanto, do presente proxecto de instalacións.

Cuarto.-Con data do 4 de xaneiro de 2000, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido nos artigos 89.3º e 104 da citada Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a aprobación do proxecto Revisión nº 2 á acometida ó centro de mantemento operación

e control, Polígono Industrial O Campiño, así como a declaración de utilidade pública das mencionadas instalacións, xuntando á dita solicitude o preceptivo proxecto, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

Esta revisión modifica o proxecto anteriormente aprobado, afecta ó termo municipal de Pontevedra e as súas características serán en resumo as seguintes:

-Modificouse o trazado da acometida para mante-lo paralelismo co gasoducto, unha vez coñecido o trazado real deste.

-Entre os vértices VP-111-A e VP-113-A, cun aumento de lonxitude de 12 m.

-Entre os vértices VP-113-A e VP-113-C, cun aumento de lonxitude de 21 m.

Cambiouse a asentamento do punto de acometida, para situala dentro da parcela correspondente do polígono, o que motivou unha diminución da lonxitude orixinal de 33 m.

O orzamento ascende á cantidade de 39.374.025 ptas.

Quinto.-Esta dirección xeral someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 23 de febreiro de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia do 23 de marzo, no BOP de Pontevedra do 28 de marzo, no diario Faro de Vigo do 6 de marzo de 2000 e no taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra.

Sexto.-Durante o período legalmente establecido non se presentou ningunha alegación ó proxecto.

Sétimo.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Oitavo.- A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Gas Natural procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados, ou se é o caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Gas Natural SDG, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia no tramo reflectido no apartado terceiro dos antecedentes, correspondente ó termo municipal de Pontevedra.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar a Gas Natural SDG, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se inclúen na Revisión nº 2 da acometida ó centro de mantemento operación e control, Polígono Industrial do Campiño, no tramo relacionado previamente, correspondente ó termo municipal de Pontevedra.

Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan, para os efectos previstos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización administrativa outórgase con arranxo ás condicións xerais previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, o Decreto 2613/1973, do 26 de outubro e o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e baixo as condicións especiais seguintes:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto será necesario a autorización desa Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas de alta presión A e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión, aprobadas por Orde de 26 de

outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así coma a norma UNE 20.322-86: clasificación de emprazamentos con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. O emprazamento de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302 as zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, previa á oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra deberá realizar durante as obras e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada á Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo iso con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos realizáronse por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitirase a dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado por dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un: a expropiación forzosa dos terreos sobre os que se construirán os elementos de instalación fixa en superficie.

Dous: para as canalizacións.

A) Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terreo de dous (2) metros de largo, un a cada lado do eixe, ó longo do gasoducto, por onde descorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas e que estará suxeita ás seguintes limitacións ó dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros contados do eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar acto algún que puidese danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran del as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pago, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os encanamentos de ventilación, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicta para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e realizaranse as obras necesarias para para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas os ditos fins.

Tres: para o paso de liñas, equipos de telecomunicación e elementos dispersores de protección catódica.

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores de protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largura, a correspondente á da instalación máis un (1) metro

a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así coma de plantar árbores ou arbustos e realizar todo tipo de obra, construcción ou edificación a unha distancia inferior a un metro e medio (1,5), a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a contar arrinca-las árbores ou arbustos que houbese a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pago, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicta para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas os ditos fins.

Cuarto: para liñas eléctricas de media tensión:

A) Servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro a cada lado do eixo da liña e en todo o seu trazado que implicará:

Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renovar as instalacións, con pago, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B) Servidume permanente de voo nunha franxa de quince (15) metros centrada co eixo da da liña, na que se establecen:

1. Prohibición de levantar edificacións ou construccións de calquera tipo, nin efectuar acto algún que poida dana-lo bo funcionamento da liña, a unha distancia inferior a 7 metros e medio (7,5 m) do eixo da liña de postes de tendido.

2. Prohibición de plantar árbores cunha altura máxima superior a catro metros, a unha distancia inferior a tres (3) metros do eixo da liña de postes de tendido.

C) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada liña nos planos parcelarios, para realiza-las obras necesarias.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo, deberá facilita-los servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección

civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria