Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 11 de xullo de 2000 Páx. 10.718

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Transportes La Unión, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Transportes La Unión, S.A., con nº de código 3601322, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 1-6-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data 20-5-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de xuño de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Transportes

La Unión, S.A. e os seus traballadores

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio afecta a todo o persoal pertencente actualmente ó cadro de persoal da empresa Transportes La Unión, S.A., así como aquel que ingrese durante a vixencia deste.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o 1-4-2000 ó 31-12-2002, e entenderase prorrogado de ano en ano agás denuncia de calquera das partes, con tres meses de antelación, como mínimo, á data do seu remate ou prórrogas.

A dita prórroga non terá efecto sobre a táboa salarial, que seguirá incrementándose tódolos anos, o 1 de xaneiro, sobre a parte proporcional que se acorde entre empresa e traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Estas normas obrigan a totalidade do persoal ocupado pola empresa, tanto se realiza función técnica como manual.

Artigo 4º.-Compensacións.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que viñeran rexendo, por mellora pactada ou voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorcións.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria poidan establecerse no futuro serán absorbibles polos aumentos acordados por este convenio, sempre e cando non superen os beneficios que se conceden no conxunto deste.

Artigo 6º.-Situacións persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas mencionadas estrictamente ad personam. Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas, consideradas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito, establecidas por costume xeral ou de lugar implantadas pola empresa, que significaran condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que corresponden ó persoal afectado por este convenio e para o período do 1 de abril ata o 31 de decembro de 2000, son os que figuran na táboa salarial anexa, máis antigüidade cando corresponda.

Para o resto de vixilancia ou prórroga revisarase o 1 de xaneiro de cada ano no que acorden a empresa e traballadores.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de 30 días, segundo a táboa salarial, máis antigüidade se é o caso; denominaranse, 25 de xullo, Nadal e beneficios, e serán feitas efectivas antes do 22 de xullo, 20 de decembro e 15 de marzo.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal de servicio da empresa desfrutará un período anual de vacacións de 30 días naturais e como norma xeral nun ou dous períodos distintos, un dos cales será preferentemente en verán.

Artigo 10º.-Complementos nocturnos.

O persoal que traballe entre as 22 e as 6 horas percibirá un suplemento por traballo nocturno equivalente ó 25% do soldo ou salario base sinalado na súa categoría profesional na táboa de salarios deste convenio. Estas bonificacións percibiranas incluso aqueles que por razón da súa quenda de traballo efectúen a súa xornada dentro destes límites, pero para iso será preciso que polo menos traballen tres horas dentro do período considerado. Exclúese do cobramento do expresado suplemento ó persoal que realice a súa función durante a noite e que fora contratado para tal fin.

Artigo 11º.-Conductor-perceptor.

O conductor-perceptor percibirá, ademais da remuneración de conductor, un suplemento salarial

do 20% do seu salario base, por cada día de traballo no que realice ámbalas dúas funcións.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

1. As axudas de custo durante a vixencia deste convenio serán para a comida 1.200 ptas. e a cea serán de 1.200 ptas., pasa-la noite será de 1.580 pesetas, en caso de servicio de liña regular de viaxeiros de Galicia.

2. No caso de servicio discrecional en España e Portugal, o importe da axuda de custo da comida será de 2.015 ptas. e de cea 2.015 pesetas e pasa-la noite será de 2.410 pesetas.

3. No resto dos países non mencionados nos puntos anteriores, o importe da axuda de custo será de 2.880 pesetas de comida, 2.880 pesetas de cea, de pasa-la noite será de 3.650 pesetas.

4. Aboarase o importe asignado para a axuda de custo do mediodía cando saia da súa residencia antes das 12.15 horas e volva despois as 14.30 horas e non teña polo menos hora e media para comer, cando estea na súa residencia.

Terá dereito á cea cando chegue á súa residencia despois das 23 horas.

5. A empresa terá a facultade do pagamento do aloxamento ou da comida do traballador en substitución da axuda de custos; as ditas axudas de custo serán revisadas coa táboa salarial.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores.

A xornada anual ordinaria será de 1.826 h e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase bimensualmente, en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectando en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro, e demais normas específicas para o sector de transportes.

En canto ás horas de presencia, haberá que aterse ó disposto no R.D. 1561/1995, de setembro.

Artigo 14º.-Descansos.

O descanso semanal e entre xornada estará de acordo coa lexislación vixente en cada momento e no Estatuto dos traballadores.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para os efectos do previsto no Real decreto 92/1983 e a Orde do 1 de marzo de 1983, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen

con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambio de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propia natureza da actividade de transportes. Terán o carácter de ordinarias ata 2 de toma e deixa por día de servicio.

Serán contabilizadas en cómputo mensual e aboadas sempre que superen as normais de traballo.

Artigo 16º.-Licencias e permisos.

En canto ós permisos e licencias, axustarase ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais leis.

Artigo 17º.-Dimisión ou cesamento.

Todo empregado terá dereito a dimitir do seu cargo sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para iso, o persoal comunicaralle á dirección da empresa e por escrito a data na que deixará de presta-los seus servicios e cunha antelación mínima de 15 días.

O abandono do posto de traballo, sen que transcorrera o prazo sinalado, será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario que lle corresponda e polos días que falten desde o abandono do servicio ou traballo ata a data en que, cumprido o trámite de aviso previo, lle correspondera o cesamento.

Artigo 18º.-Excedencias.

Haberá que aterse ó establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Uniformes.

A empresa concederalle ó persoal de movemento dous uniformes: un de inverno e outro de verán, de común acordo coa empresa e os traballadores.

Ó persoal de talleres: dúas fundas ó ano e botas de seguridade.

Artigo 20º.-Enfermidade e accidentes.

Durante as situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de accidente de traballo ou enfermidade común que necesite intervención cirúrxica, a empresa completará ata o importe íntegro do salario do convenio e por un máximo de 6 meses contados desde a data de baixa, a prestación económica aboada pola Seguridade Social.

Tamén se aplicará o disposto no punto anterior no caso de baixa por enfermidade común que necesite hospitalización, sempre que esta sexa superior a 6 días.

Artigo 21º.-Retirada do permiso de conducir.

No caso de que a un conductor lle fora retirado o permiso de conducir por algunha causa no servicio da empresa e conducindo un vehículo desta, a empresa terá a obriga de colocalo noutro posto de traballo o máis parecido ó seu, como máximo dúas veces

ó ano e as dúas veces non sumarán máis de seis meses tamén ó ano.

O acordado neste artigo non será de aplicación cando as causas proveñan por supera-lo límite permitido de taxa alcohólica comprobado pola autoridade competente.

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

Haberá que aterse ó que determine o Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará totalmente ó seu cargo un seguro colectivo a favor dos seus traballadores de 3.000.000 de pesetas por cada un, de forma que en caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa a citada cantidade será cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento desta.

Artigo 24º.-Antigüidade.

Consistirá nas seguintes porcentaxes de aumento, a partir do mes seguinte ó cumprimento de antigüidade na empresa para os traballadores fixos no cadro de persoal á sinatura deste convenio, de 2 anos, o 5%; 5 anos, o 10%; 9 anos, o 20%; ós 15 anos, o 30%; ós 19 anos, o 40%; ós 24 anos, o 50%; e como último aumento ós 29 anos, o 60%.

Artigo 25º.-Quebranto de moeda.

En concepto de quebranto de moeda, os conductores-perceptores percibirán a cantidade de 130 pesetas por cada día en que leven a cabo os ditos labores.

Artigo 26º.-Sancións.

A empresa responsabilizarase do aboamento das sancións impostas ós conductores cando sexan debidas a causas alleas á súa vontade, na conducción autorizada de vehículos da empresa.

Artigo 27º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións vixentes en cada momento.

Artigo 28º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, a comisión paritaria estará formada por dous representantes da empresa e dous membros do comité desta de entre os que tomaron parte na comisión negociadora e nomeados polo dito comité.

Artigo 29º.-Partes asinantes do convenio.

Asinan este convenio colectivo, pola representación económica da dirección de Transportes La Unión S.A., Raúl José López López e José Manuel Álvarez García, e pola representación da parte social, os membros do comité que figuran na acta.

Táboa de salarios

Desde o 1-4-2000 ó 31-12-2000

Ptas./mesPtas./h/ext.

Persoal administrativo

Xefe de servicio156.4691.798

Enxeñeiros e licenciados136.3681.568

Xefe de negociado108.7101.249

Oficial de primeira 98.3191.131

Oficial de segunda 91.9171.057

Auxiliar administrativo 83.146 956

Persoal de movemento

Xefe de tráfico de primeira118.0541.358

Xefe de tráfico de segunda113.8551.309

Xefe de tráfico de terceira107.0071.231

Ptas./díaPtas./h/ext.

Inspector3.388889

Conductor-perceptor3.316870

Conductor3.257856

Cobrador2.842748

Mozo de administración2.710712

Ptas./mesPtas./h/ext.

Vendedores/as de billetes 91.1991.036

Ptas./mesPtas./h/ext.

Persoal de talleres

Xefe de taller135.3021.555

Encargado de taller105.7051.215

Ptas./díaPtas./h/ext.

Xefe de equipo3.541930

Oficial de primeira3.410895

Oficial de segunda3.251854

Oficial de terceira3.110817

Aprendices (salario mínimo segundo idade en cada caso).