Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 07 de xullo de 2000 Páx. 10.631

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución das instalacións denominadas ramal a Sogama, nos termos municipais de Abegondo, Mesía, Ordes e Cerceda.

Examinado o expediente instruído a instancias da empresa Sogama, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Morzós 10 baixo, As Encrobas-San Román, 15187 Cerceda (A Coruña), resultan os seguintes.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 3 de xuño de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido no artigo 78 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de instalacións denominado ramal a Sogama consistente nunha liña directa ás instalacións de conducción de gas natural para a subministración da planta de tratamento de residuos e planta termoeléctrica que esta empresa está construíndo no concello de Cerceda (A Coruña), xuntando a dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme ó esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As características do proxecto que se vai realizar afectan os termos municipais de Abegondo, Mesía, Ordes e Cerceda, e en resumo serán as seguintes:

A conducción parte da posición I-016 de Enagás, pertencente ás instalacións do gasoducto Vilalba-Tui no concello de Abegondo, discorre en paralelo á A-9 e atravesa a estrada LC-223 por dúas veces ata chegar á altura da poboación de Balbís.

Posteriormente, a conducción cruza o Rego dos Santeiros para entrar xa no concello de Mesía, cru

zando o Rego de Adrán de Abelar e pasando polas inmediacións do Seixo.

Desde aquí entra no concello de Ordes e cruza a estrada que une O Seixo con Hospital, seguindo paralelamente a estrada existente para o acceso á poboación do Seixo, desde a estrada N-550, volve entrar uns metros no termo municipal de Mesía e retorna ó de Ordes.

Á altura da poboación da Filgueira, atravesa a N-550 para cruza-la estrada local que se dirixe a Morgade, partindo da CP-2405.

Preto do Mesón do Vento, manténdose paralela á citada CP-2405, atravesa a estrada de acceso a Casas de Froxil e posteriormente a estrada de acceso a Pousada, para abandona-lo termo municipal de Ordes e entrar no de Cerceda. Neste punto colocarase unha arqueta de acometida.

Entón cruza a CP-2405 para discorrer en paralelo a ela salvando as zonas habitadas moi próximas á estrada así coma as balsas existentes, volvéndose a atravesar para evitar unha balsa de auga.

No derradeiro cruzamento aprovéitase o antigo trazado da CP-2405, ata chegar á estrada que bordea os terreos da empresa Limeisa. Crúzase esta estrada e máis tarde a de acceso a Avieira.

A partir de aquí, a conducción cruza perpendicularmente as cintas transportadoras para efectuar outro cruzamento coa CP-2405 e fronte á entrada da empresa Sogama, realizar unha nova derivación con arqueta de acometida para subministración á dita empresa.

O ramal aínda se prolonga uns 80 m, para deixar outra arqueta de acometida.

A lonxitude total do ramal é de 10.744 m con diámetros de 4'', 6'', 12'' e 16''.

O orzamento ascende á cantidade de 329.770.591 pesetas.

Segundo.-Esta dirección xeral someteu a información pública o referido proxecto, mediante Resolución do 27 de outubro de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia do 10 de novembro, no BOP da Coruña do 10 de novembro, no diario La Voz de Galicia do 30 de outubro de 1999.

Terceiro.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto:

1. Made Energías Renovables, S.A., solicita que se teña en conta a autorización concedida con data do 25 de abril de 1996 pola Dirección Xeral de Industria, na que se aproba o Plan eólico estratéxico presentado pola dita empresa, e onde está incluído o parque eólico denominado Ordes afectado de leste a oeste pola liña de conducción de gas natural obxecto deste proxecto.

2. Por escrito do servicio de infraestructuras rurais da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, alégase que o presente proxecto afecta a concentración par

celaria de San Pedro de Ardemil (concello de Ordes) a cal está xa nunha fase avanzada ó aprobarse o seu proxecto de concentración con data do 11 de maio de 1999 e prever a ocupación provisional dos predios na primavera do ano 2000. Por tanto, solicita que o ramal se axuste dentro do posible á planificación de infraestructuras viarias realizada na concentración e, de non ser así, que se demoren os trámites expropiatorios ata a publicación do acordo da nova ordenación da propiedade.

3. O Concello de Ordes tamén se adhire á alegación presentada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, solicitando que se teña en conta para evita-los graves perxuízos que se causarían ó proceso de concentración parcelaria iniciado hai xa máis de dez anos.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Cuarto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro e 1775/1967, do 22 de xullo.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa Sogama, S.A. e o resto da documentación que figura no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se pode analiza-la alegación presentada por Made Energías Renovables, ó non existir un proxecto concreto do parque eólico Ordes sobre o que se poida estudia-la compatibilidade entrámbalas instalacións.

2. Non pode ser aceptada a alegación presentada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e o Concello de Ordes, xa que o trazado é o mellor tecnicamente posible tendo en conta a difícil orografía da zona; non podéndose analizar tecnicamente as posibles variantes ó non estar

totalmente definida a infraestructura viaria da concentración parcelaria. Nembargantes, se na fase de construcción estas vías xa estivesen perfectamente definidas, Sogama, S.A. deberá axustarse a elas sempre na medida do tecnicamente posible.

Cuarto.-Sogama, S.A. procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados, o no seu caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Sogama, S.A. e, por conseguinte, proceder a autorizar e aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos recollidos no punto primeiro dos antecedentes, correspondentes ós termos municipais de Abegondo, Mesía, Ordes e Cerceda.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgarlle a Sogama, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se inclúen no Ramal a Sogama, consistente nunha liña directa ás instalacións de conducción de gas natural para a subministración da planta de tratamento de residuos e planta termoeléctrica que esta empresa está construíndo no concello de Cerceda (A Coruña), correspondente ós termos municipais de Abegondo, Mesía, Ordes e Cerceda.

Esta autorización administrativa outórgase de acordo coas condicións xerais previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, o Decreto 2613/1973, do 26 de outubro e o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e baixo as condicións especiais seguintes:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto será necesario a autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación desta facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas de alta presión A'' e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión, aprobadas por orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de localización con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será dun ano contado desde a data de autorización do proxecto.

Sexta.-A delegación provincial de Industria e Comercio da Coruña deberá realizar durante as obras e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a delegación provincial de Industria e Comercio da Coruña de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo isto con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos foron realizados por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitirase a dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/o, se-lo caso, ás modificacións autorizadas, achegando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo do informe do técnico designado pola dita delegación expedirá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-A compañía titular deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de urxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de

emerxencia. Así mesmo deberá facilitarlles ós servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación da canalización e características desta. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía titular durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo primeira.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimosegunda.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, de se-lo caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria e Comercio