Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 05 de xullo de 2000 Páx. 10.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de xuño de 2000 pola que se regulan axudas para parceiros e arrendatarios de predios rústicos, que exerzan o seu dereito á propiedade, por aplicación da Lei 3/1993, do 16 de abril, relativa ás parcerías e ós arrendamentos rústicos-históricos de Galicia.

Orde do 24 de maio de 2000 pola que se regulan axudas para parceiros e arrendatarios de predios rústicos, que exerzan o seu dereito á propiedade, por aplicación da Lei 3/1993, do 16 de abril, relativa ás parcerías e ós arrendamentos rústicos-históricos de Galicia.

A Lei 3/1993, do 16 de abril, regula o réxime xurídico das parcerías e arrendamentos rústicos-históricos de Galicia, entendendo por tales aqueles que se pactaron con anterioridade a agosto de 1942, sexa cal fose a súa procedencia xurídica inicial e que compoñen no seu conxunto unha institución histórica propia de Galicia.

O Decreto 381/1998, do 29 de decembro, establece unha liña especial de axudas ás que poderán acollerse aqueles titulares de parcerías e arrendamentos históricos que desexen exerce-lo seu dereito de acceso á propiedade.

Na disposición adicional primeira do referido decreto establécese que anualmente se dotarán nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma os créditos necesarios para atende-las axudas derivadas da súa aplicación.

Na súa virtude, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os parceiros e arrendatarios de predios rústicos, a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, que comunicaron a súa intención de exerce-lo dereito de acceso á propiedade, poderán acollerse ás axudas que establece o Decreto 381/1998, do 29 de decembro, no que se recollen os tipos de axuda, criterios de prioridade, tramitación e formalización das ditas axudas.

Artigo 2º

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera establecida por outras administracións públicas para o mesmo fin, agás no caso de accións que pola súa singularidade, en canto ó seu alcance e ás súas repercusións, así o requiran.

Artigo 3º

A tramitación das axudas levarase a cabo, segundo os requisitos que se describen no citado decreto, xuntando a solicitude, que poderá presentarse preferentemente nos servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, así como nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia ou axencias de Extensión Agraria, que se formalizará no impreso oficial que se inclúe como anexo I do citado decreto. Así mesmo, poderase presentar por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme a súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

A solicitude segundo modelo anexo I do Decreto 381/1998, do 29 de decembro, virá xunta coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de adquisición, onde se acredite a condición de arrendamento ou parcería histórica.

b) Relación de gastos, cos seus xustificantes, obxecto da subvención.

c) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF.

d) Declaración da renda que acredite que obtén máis do 50 por 100 da renda anual da actividade agraria.

e) Certificación de estar afiliado á Seguridade Social Agraria.

f) Certificado da correspondente entidade bancaria da conta do beneficiario na que se aboará a correspondente axuda.

g) Certificación expresa da Consellería de Economía e Facenda de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

h) Certificado de acreditación de encontrarse ó corrente das obrigas fiscais.

i) Outros documentos en función da axuda solicitada.

O prazo de presentación de solicitudes terminará o 15 de outubro do ano 2000.

Artigo 5º

O beneficiario das axudas reguladas nesta orde, previamente ó libramento dos fondos, estará obrigado a subscribir coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria o acordo que consta como anexo II do decreto anteriormente citado, com

prometéndose ámbalas partes ó cumprimento das estipulacións xerais e as condicións particulares establecidas nel.

Artigo 6º

A concesión das subvencións mediante resolución do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria notificaráselle a cada beneficiario. Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, caberá interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro no prazo dun mes, ou ser impugnado directamente perante a xurisdicción contencioso-administrativa no prazo de dous meses; ámbolos dous prazos contados a partir do día seguinte ó da recepción da dita notificación.

No caso de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses sinalado no artigo 6 (letra f) do Decreto 381/1998, do 29 de decembro, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 7º

Os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino de axudas.

Artigo 8º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións consideradas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º

As subvencións consideradas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación 09.02.421A.770.0, «axudas para adquisición de terras procedentes de arrendamentos históricos» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, dotada cun crédito de sesenta millóns (60.000.000) de pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural para dictar aquelas disposicións complementarias precisas para a aplicación desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria