Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 05 de xullo de 2000 Páx. 10.482

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización dos comités de Ética Asistencial.

O convenio para a protección dos dereitos humanos e a dignidade do ser humano con respecto ás aplicacións da bioloxía e a medicina, que foi ratificado por España o 23 de xullo de 1999, presenta como un dos seus obxectivos xerais a protección do ser humano na súa dignidade e identidade e o compromiso delles garantir a tódalas persoas, sen discriminación ningunha, o respecto á súa integridade e os dereitos e liberdades fundamentais con respecto ás aplicacións da bioloxía e da medicina.

Os cambios que se producen na ciencia médica e na sociedade son cada vez máis rápidos e, por tanto, máis difíciles de integrar. Ademais, atopámonos nun contexto social plural onde poden coincidir diferentes criterios éticos persoais que deben respectarse, sempre que non se vexa danado o interese xeral.

No exercicio da medicina conviven diversos valores a miúdo difíciles de conciliar.

Na actualidade, a relación médico-paciente está sufrindo unha profunda transformación, distanciándose do modelo paternalista clásico e enriquecéndose co principio de autonomía, situándose, deste xeito, nun contexto onde o respecto á capacidade do paciente para decidir sobre o seu corpo e a súa propia vida, así como a necesidade de procurar unha distribución equitativa dos recursos sanitarios dispoñibles, deben conxugarse coa obriga do profesional de procura-lo maior ben do paciente, o que leva consigo a formulación de novos criterios éticos e deontolóxicos.

Por todos estes motivos e outros moitos, son necesarios órganos capaces de achegar criterios que axuden na toma de decisións éticas que van unidas continuamente e de forma inseparable ó correcto exercicio da práctica clínica.

Con esta finalidade regúlase neste decreto a creación e autorización dos comités de Ética Asistencial para asesorar naqueles casos en que no exercicio médico xorden conflictos éticos de difícil resolución.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto

Este decreto ten por obxecto regula-la creación e autorización dos comités de Ética Asistencial en canto órganos de asesoramento en cuestións de ética asistencial.

Artigo 2º.-Concepto.

O comité de Ética Asistencial é un órgano consultivo e interdisciplinar, ó servicio dos profesionais e usuarios dos centros sanitarios, constituído para analizar e asesorar na resolución de conflictos éticos que poidan xurdir como consecuencia do labor asistencial e que ten por obxectivo final mellora-la dimensión ética da práctica clínica e a calidade da asistencia sanitaria.

Artigo 3º.-Ámbito de actuación.

1. En cada hospital ou complexo hospitalario da rede do Sergas, en cada centro sanitario concertado con poboación sectorizada e en cada xerencia de atención primaria ou área, no caso de que a atención primaria estea dividida en dúas, existirá un Comité de Ética Asistencial que emitirá os seus informes sobre os conflictos éticos ocorridos no seu ámbito de actuación.

2. Os comités dependerán organicamente da xerencia do hospital ou da xerencia de atención primaria, pero gozarán de autonomía absoluta en tódalas súas actuacións e non dependerán funcionalmente de ningún órgano.

Artigo 4º.-Composición.

1. Os comités de Ética Asistencial estarán integrados por un mínimo de 7 membros, que deberán ser:

-3 médicos.

-1 diplomado en enfermería.

-1 profesional sanitario, de titulación distinta ás anteriores.

-2 persoas alleas ás profesións sanitarias, sendo unha delas polo menos, será licenciada en dereito.

Como mínimo, un destes membros terá acreditada a súa formación en bioética.

2. Non poderá formar parte dos comités de Ética Asistencial o persoal directivo do hospital e de atención primaria.

3. Cada Comité de Ética Asistencial contará cun presidente e un secretario.

O resto dos membros terán a consideración de vocais.

O presidente e o secretario serán elixidos de entre os seus membros por voto favorable das tres quintas partes do comité. A presencia de todos eles será imprescindible para tomar esta decisión.

Tódolos membros do comité serán nomeados por un período de 3 anos, transcorrido o cal deberán proceder a renovarse os ditos nomeamentos e a cambiarse, como mínimo, un tercio dos membros, de xeito que a renovación afecte só ós membros máis antigos.

A solicitude de renovación deberá efectuarse polomenos con 3 meses de antelación á finalización

daquel período e xuntaránselle a documentación que se indica no artigo 5º e unha memoria da actividade do comité durante o período anterior.

4. Os comités de Ética Asistencial, mediante aprobación por maioría dos seus membros, poderán crear subcomisións ou nomear consultores e asesores, que pola súa cualificación profesional poidan asesora-lo comité, verbalmente ou por escrito, nas súas áreas específicas de coñecemento, dispoñendo para tal fin de voz pero non de voto.

5. A participación como membros do comité será sempre voluntaria, e a título individual, nunca en representación de ningunha asociación ou colectivo.

Artigo 5º.-Autorización.

1. A autorización dos comités de Ética Asistencial será instada polo xerente do hospital ou atención primaria mediante solicitude xunto coa seguinte documentación:

a) Declaración do propio director xerente na que se especificarán os medios materiais e recursos humanos que se poñen ó dispor do comité para que poida desenvolve-las súas funcións.

b) Relación das persoas que o integrarán, xunto co seu currículum vitae, na que se fará especial mención ós seus coñecementos de bioética.

c) Unha vez presentada esta solicitude, a autorización será outorgada por resolución do director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas.

2. Unha vez autorizados, os comités remitirán á División de Asistencia Sanitaria do Sergas o seu Regulamento de réxime interno de funcionamento con indicación da periodicidade prevista para as súas reunións e o tempo máximo de resposta. Esta documentación será pública e estará ó dispor de calquera interesado que quixese consultala.

Do mesmo xeito, unha vez autorizados, os comités deberán remitir á citada división calquera modificación que se produza na súa composición ou réxime de funcionamento.

3. A División de Asistencia Sanitaria do Sergas poderá revogar, dun xeito motivado, a autorización dun Comité de Ética Asistencial por incumprimento do disposto nesta norma ou nas de desenvolvemento dela. Esta revogación será comunicada ó presidente do comité e ó xerente do hospital ou atención primaria competente.

Artigo 6º.-Funcións.

1. Correspóndelles ós comités de Ética Asistencial asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica, que se produzan nas institucións sanitarias, co fin de mellora-la calidade da asistencia sanitaria, e para tal efecto:

a) Protexe-los dereitos dos pacientes.

b) Analizar e facilita-lo proceso de decisión clínica nas situacións que presentan conflictos éticos entre

os seus intervinientes: o persoal sanitario, os pacientes ou usuarios e as institucións.

c) Propoñerlle á institución protocolos de actuación para as situacións en que xorden conflictos éticos graves ou de xeito reiterado.

d) Colaborar na formación bioética dos profesionais do hospital e atención primaria e, moi en particular, na dos membros do comité.

e) Elabora-la memoria anual de actividades do comité.

2. Non serán funcións dos comités de Ética Asistencial as seguintes:

a) Promover actuacións xurídicas directas en relación coas persoas ou a institución.

b) Realizar xuízos sobre a ética profesional ou as conductas do persoal sanitario, dos pacientes ou usuarios.

c) Propoñer sancións.

d) Subrogarse ou reempraza-la responsabilidade de quen pediu o seu asesoramento.

e) Tomar decisións de carácter vinculante.

f) Substituí-los comités Éticos de Investigación Clínica.

g) Realizar estudios cun obxectivo fundamental que sexa a análise de asuntos sociais e/ou económicos directa ou indirectamente relacionados coa asistencia sanitaria.

h) Asesorar ou emitir informe nos supostos en que o interesado presentase por escrito queixa ou reclamación xudicial ou administrativa.

Artigo 7º.-Funcionamento.

1. Os comités de Ética Asistencial adecuarán o seu funcionamento ó previsto neste decreto e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cada comité deberá te-lo seu regulamento de réxime interno de funcionamento, no que se especificarán, ademais, os criterios que hai que seguir para os casos de urxencia.

2. O comité poderá ser requirido na súa función asesora polos pacientes, a través do Servicio de Atención ó Paciente, e polos profesionais sanitarios e pola institución a través da propia secretaría do comité.

3. O Comité de Ética Asistencial será convocado cunha antelación mínima de sete días, para facilita-lo estudio do caso e os documentos referentes a el, salvo nos casos de urxencia.

4. O comité reunirase, en sesión ordinaria, polo menos catro veces ó ano. De cada reunión levantarase acta, na que constarán os membros asistentes, os acordos adoptados e a súa fundamentación.

5. Os acordos do comité adoptaranse por unanimidade dos asistentes, e nos casos en que esta non fose posible, por maioría non inferior ás tres cuartas partes dos seus membros. Os membros que discrepen do criterio xeral poderán facer consta-lo seu desacordo na acta, mediante emisión razoada do seu voto particular.

6. Os informes e as recomendacións emitidos polos comités de Ética Asistencial realizaranse por escrito e non serán vinculantes para os seus membros, para os profesionais nin para a institución.

7. Os membros do comité, así como os seus consultores e asesores garantirán o carácter confidencial de toda a información á que teñan acceso no exercicio das súas funcións como membros do comité, e o segredo das deliberacións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Por orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais regularase a creación, composición e funcións da Comisión Galega de Bioética, que terá como ámbito xeográfico e institucional de actuación a Comunidade Autónoma de Galicia e que actuará como órgano asesor da consellería nesta materia.

Segunda.-Nos centros sanitarios concertados co Servicio Galego de Saúde que non teñan poboación sectorizada poderán existir tamén comités de Ética Asistencial.

Se, con motivo da asistencia prestada nestes hospitais ós beneficiarios da Seguridade Social, se suscitase algunha cuestión de ética ás que se refire este decreto, os interesados poderán formulala ante o Comité de Ética Asitencial que lles indique a Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde.

Disposición transitoria

As comisións que están a desenvolver ata agora as funcións propias dos comités de Ética Asistencial disporán de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto para adecua-la súa composición e réxime de funcionamento ó disposto nesta norma e solicita-la correspondente autorización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais