Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 04 de xullo de 2000 Páx. 10.394

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 176/2000, do 22 de xuño, polo que se regula o Programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial.

Unha das principais características demográficas de Galicia é o seu envellecemento da poboación. Segundo o Padrón Municipal de Habitantes e Estatística de Poboación de 1996, a porcentaxe de maiores de 65 anos da Comunidade Autónoma é do 18,3% e a das provincias de Lugo e Ourense supera o 24%. A da poboación española, sen embargo, non chega ó 16%.

Esta situación é consecuencia do descenso da natalidade e do aumento da esperanza de vida, que na nosa Comunidade Autónoma é similar á doutros países industrializados, alcanzando unha media de idade de 74 anos para os homes e 81 para as mulleres.

Os coidados que precisan as persoas maiores, na súa inmensa maioría, préstanse polas propias familias, realidade en principio moi positiva polo que manifesta de actitude solidaria delas cara ós seus compoñentes de maior idade e/ou precariedade.

Tendo en conta que a atención destas persoas non sempre pode ser asumida en exclusividade por esta rede natural, xa sexa pola gran carga de coidados ou a complexidade deles, xa porque en determinados casos pode obrigar a unha formación e/ou supervisión profesional ou á utilización de recursos especializados, faise preciso desenvolver un sistema de actuacións específicas, que contribúan a garantir unhas condicións de vida digna para as persoas afectadas e a súa vez constitúan un apoio para as súas familias.

Así mesmo, estas actuacións deben te-la virtualidade de adaptarse ás necesidades reais destas persoas e as súas familias e poder desenvolverse na totalidade do territorio de Galicia para que, cando os seus destinatarios o desexen e resulte conveniente, poidan seguir vivindo no seu contorno natural sen verse obrigados a abandonalo en contra da súa vontade.

Coa finalidade de cumprir estes obxectivos, a Xunta de Galicia vai implanta-lo Programa do cheque asistencial, que inclúe a creación dun sistema de axudas económicas para cofinancia-los gastos de persoas maiores que presenten importantes situacións de dependencia e precisen da axuda doutra persoa para levar a cabo as actividades da vida cotiá.

Deste xeito, preténdese crear un dispositivo dotado dunha gran flexibilidade para atende-las necesidades particulares de cada unha desas persoas e as súas familias, e instáurase a liberdade de elección do usuario para escolle-lo provedor do servicio.

Xuntamente con isto, ademais, foméntase a creación de emprego estable a través do desenvolvemento da economía social e os servicios de proximidade, así como o xurdimento de novas empresas de servicios xerontolóxicos, aínda moi incipientes en Galicia. Para que o sector dos servicios sociais que, pola potencialidade amosada para xerar novos postos de traballo, se converteu nun dos principais xacigos de emprego, poida continuar co proceso de expansión iniciado nos últimos anos, as entidades poderán acollerse ás axudas para a creación de emprego nos termos que defina a normativa da Xunta de Galicia.

Ademais, coa liberdade de elección por parte do usuario e o carácter público e institucional do programa, posibilítase a creación de servicios de calidade, tanto de tipoloxía residencial como de atención diúrna ou a domicilio.

Coa implantación das axudas públicas previstas no programa, que considera a problemática das persoas maiores dependentes e as súas familias dun xeito flexible e adaptado ás súas necesidades específicas e, cando sexa desexable e posible, favorecerá o mantemento no seu ambiente familiar e social, dáselle cumprimento ó disposto no artigo 3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, reguladora do sistema de servicios sociais na Comunidade Autónoma galega, que sinala, entre outros, como principios inspiradores do sistema de servicios sociais os de responsabilidade pública, recoñecemento e apoio da iniciativa social, recoñecemento da iniciativa privada, coordinación, globalidade, normalización, integración e universalidade.

Así mesmo, dáselle cumprimento ó disposto no Decreto 240/1995, do 28 de xullo, que regula os servicios sociais de atención primaria e, en particular, o relativo ó contido dos programas propios deste primeiro nivel de atención, en tanto o programa garante a atención básica e xeralizada na totalidade do territorio autonómico cuns contidos mínimos na prestación dos servicios. Así mesmo, a Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o servicio de axuda no fogar concreta as atencións que deberá incluír esta prestación básica, para lles ofrecer unha atención integral e polivalente ós usuarios.

Seguindo a liña xa establecida pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e pola propia Lei galega de servicios sociais, o programa outórgalles unha participación especial ós servicios sociais dependentes dos concellos, atribuíndolles competencias de xestión, tramitación e seguimento nas súas diversas fases. A través desta co-xestión preténdese o achegamento progresivo cara á única vía para o acceso, a detección de necesidades e a orientación de recursos, cobrando especial importancia os principios de normalización, integración e descentralización.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame

do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Obxecto do decreto.

O obxecto do presente decreto é o establecemento e a regulación do Programa de Atención ás Persoas Maiores Dependentes a través do Cheque Asistencial.

Artigo 2º.-Contido e finalidades do programa.

2.1. O programa de atención ás persoas maiores dependentes comprende o conxunto de axudas públicas individuais destinadas a cofinancia-los gastos que se deriven da atención ás persoas maiores de 65 anos en situación de severa e grande dependencia, que consiste na necesidade de axuda de terceira persoa para a realización de actividades da vida diaria.

2.2. O programa ten como finalidade acadar unha mellor atención e calidade de vida para os maiores dependentes a través do seu apoio directo e ás súas familias, así como contribuír á creación de emprego estable no ámbito dos servicios sociais.

Capítulo II

Da acción protectora

Artigo 3º.-Modalidades do programa.

Son modalidades do programa de atención ás persoas maiores dependentes.

1. Cheque Residencia: comprende as axudas individuais destinadas a cubri-lo custo de estadías permanentes en centros asistenciais incluídos no programa.

2. Cheque Centro de Atención Diúrna: inclúe as axudas destinadas a cubri-los custos ocasionados por coidados de recuperación e mantemento da capacidade funcional en centros de atención diurna incluídos no programa.

3. Cheque Atención de Axuda no Fogar: comprende as axudas destinadas a cubri-los custos ocasionados por servicios profesionais de atención integral, prestados no propio fogar familiar polas entidades incluídas no programa, que aparecen regulados na Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o servicio da axuda no fogar.

4. Cheque Estadía Temporal ou Programas de Respiro: comprende as axudas destinadas a financia-los gastos derivados de estadías temporais, polo tempo máximo que se fixe na normativa de desenvolvemento deste decreto, en residencias incluídas no programa. Esta modalidade poderá incluír programas de formación e apoio psicolóxico para os coidadores habituais.

Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do programa de atención ás persoas maiores dependentes os maiores de 65 anos nos que concorran os seguintes requisitos:

1. Estar empadroado e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega alomenos durante o ano completo inmediatamente anterior á formulación da solicitude.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, tamén poderán ser beneficiarios das axudas os cidadáns españois residentes no estranxeiro que tiveran a súa ultima veciñanza administrativa en Galicia se as anteditas persoas fixasen a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Padecer unha situación de dependencia física e/ou psíquica que lle faga precisar de axuda doutra persoa para realiza-las actividades esenciais da vida diaria.

3. Non ter desfrutado do servicio que se solicita nun período de 6 meses anteriores á formulación da solicitude.

No caso do Cheque Residencia será requisito imprescindible non ser ou ter sido residente en calquera residencia pública ou privada da terceira idade no período dun ano completo e inmediatamente anterior á formulación da solicitude.

Poderase excepcionar dos requisitos recollidos no punto 3 anterior aqueles supostos nos que, salvadas as obrigas legais pertinentes, variasen as circunstancias económicas que posibilitaron o acceso ó servicio ou o ingreso na residencia. En todo caso, a acreditación das devanditas variacións reflictirase expresamente no informe social.

Artigo 5º.-Requisitos das solicitudes.

Unha vez aberta a convocatoria, a solicitude de axuda presentarase en exemplar normalizado e por duplicado no rexistro do concello de residencia. Os servicios sociais de atención primaria do referido concello elaborarán o oportuno expediente no que deberán facer consta-los seguintes documentos debidamente cubertos:

a) Modelo oficial de solicitude, debidamente cuberta, asinada pola persoa interesada, ou o seu representante legal, sempre que este último o acredite na forma establecida no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se a persoa interesada estivese incapacitada por sentencia xudicial deberá acompañarse sentencia de incapacitación xudicial e auto de nomeamento de titor.

b) Informe social do traballador social de atención primaria, conforme ó sinalado no artigo 6.3º e de acordo co modelo que se estableza na convocatoria.

c) Informe de valoración da dependencia funcional segundo modelo que se estableza na convocatoria.

d) Certificado de empadroamento cun ano de anterioridade á formulación da solicitude.

e) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa interesada e, se é o caso, do representante legal.

f) Fotocopia compulsada da última declaración da renda, e patrimonio, se é o caso, dos membros da unidade de convivencia ou certificación de non ter presentadas as devanditas declaracións.

g) Xustificante das pensións dos membros da unidade de convivencia expedido polo organismo competente.

h) Declaración xurada de non ter percibido o servicio que se solicita no período de 6 meses anteriores á formulación da solicitude ou, se é o caso, non ser ou non ter sido residente en ningunha residencia da terceira idade no período dun ano completo e inmediatamente anterior á formulación da solicitude, excepto cando se dea a excepción recollida no último parágrafo do artigo 4º.3.

i) No caso dos emigrantes que fixasen a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma galega, deberán presentar ademais un certificado no que conste a súa última veciñanza administrativa en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma.

j) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, coa mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 6º.-Resolución.

6.1. A consellería competente en materia de servicios sociais é o órgano competente para efectua-la convocatoria e regulará as axudas económicas deste programa.

Os delegados provinciais da consellería competente en materia de servicios sociais serán os competentes para resolve-los expedientes de solicitude das axudas e da súa notificación ós interesados. O prazo de resolución en ningún caso superará os seis meses.

6.2. Tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, as solicitudes valoraranse en función do baremo que se aprobe na normativa de desenvolvemento, no que se terán en conta as situacións de dependencia persoal, familiar, social, económica e outras circunstancias debidamente motivadas.

6.3. Para acredita-la necesidade social os servicios sociais de atención primaria do concello correspondente emitirán un informe social onde o traballador social reflicta a situación persoal, familiar, económica e necesidades de atención e que conteña unha valoración dela, así como a proposta técnica que se considere oportuna.

Para a valoración da prioridade na selección consideraranse os ingresos da unidade de convivencia procedentes de soldos, rendas, xuros bancarios, pen

sións ou outras axudas concedidas por persoas físicas ou institucións públicas ou privadas.

Considerarase unidade de convivencia os solicitantes que vivan sos e, se é o caso, o conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas co solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por adopción ou acollemento ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao respectivamente.

Artigo 7º.-Contía e pagamentos.

7.1. O importe máximo das distintas modalidades de cheque fixarao anualmente a consellería competente en materia de servicios sociais.

A contía da axuda establecerase en función dos ingresos da unidade de convivencia e do crédito dispoñible anualmente ó respecto.

7.2. Unha vez notificada a concesión da axuda solicitada, devengarase desde o primeiro día do mes seguinte á data de inicio da atención concedida e, en función da modalidade de atención outorgada, manterase dentro do límite do exercicio económico, sempre e cando non se produzan variacións das circunstancias que deron lugar á concesión da axuda que provoquen a súa extinción.

Na normativa de desenvolvemento fixaranse os prazos e condicións para o pagamento ás entidades prestadoras do servicio, así como as posibles deduccións polas incidencias que se puidesen producir.

7.3. A concesión da axuda ó beneficiario acompañarase da entrega dos correspondentes cheques. Con estes cheques, maila a diferencia que proceda con cargo ós seus ingresos persoais, dos seus familiares e/ou doutras axudas que poida ter, o beneficiario aboará o importe dos servicios á entidade prestadora dos deles.

Mensualmente, a entidade correspondente remitirá á delegación provincial da consellería competente en materia de servicios sociais para o seu pagamento os cheques correspondentes ó mes anterior, acompañados da documentación que esixa a normativa de desenvolvemento.

Artigo 8º.-Prórroga das axudas.

8.1. As axudas quedarán prorrogadas automaticamente desde primeiros de ano, en función das dispoñibilidades orzamentarias e de conformidade co establecido nos parágrafos seguintes.

8.2. Na modalidade de Cheque Residencia, durante o mes de outubro de cada ano, os beneficiarios ou os seus representantes legais, se é o caso, deberán remitir á correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de servicios sociais unha declaración xurada relativa á non-modificación das circunstancias que motivaron a concesión ou ben con expresión das circunstancias que se modifican, así como copia da declaración da renda, e patrimonio se é o caso, do ano anterior ou certificación de non ter presentadas estás. A non-presentación da referida documentación no pra

zo establecido, entenderase como renuncia á prórroga da axuda, logo de requirimento ó respecto.

8.3. Na modalidade de Cheque Centro de Atención Diúrna e de Axuda no Fogar, os servicios sociais de atención primaria do concello deberán emitir un informe social complementario por cada expediente, elaborado polo traballador social, no que se valorará a conveniencia da continuidade, modificación ou extinción da modalidade de cheque, acompañado da oportuna proposta. O devandito informe social deberá ser remitido no mes de outubro de cada ano á delegación provincial da consellería competente en materia de servicios sociais para os efectos da prórroga do cheque do ano seguinte.

8.4. Quedan exceptuados da presentación da documentación prevista nos dous parágrafos anteriores os beneficiarios de cheques concedidos no último trimestre do ano.

8.5. Na modalidade de Cheque Estadía Temporal ou Programas de Respiro non existe posibilidade de prórroga.

Artigo 9º.-Extinción.

9.1. O dereito á percepción das distintas modalidades do cheque extinguirase por calquera das causas seguintes:

1. A ocultación ou falseamento de datos na solicitude inicial ou na actualización deles as prórrogas.

2. Non facilita-los datos requiridos ou obstrui-lo labor inspector e de seguimento dos servicios do concello ou da consellería competente en materia de servicios sociais.

3. Non destina-los cheques destas axudas para a finalidade pola que se concederon.

4. Non comunicar calquera alteración ou modificación das condicións ou circunstancias que motivaron a súa concesión.

5. Por perda dos requisitos esixidos para o seu recoñecemento.

6. Polo cesamento das condicións que motivaron a súa concesión.

7. Por falecemento do beneficiario.

9.2. A concorrencia dos supostos previstos nos puntos 1, 2, 3, e 4 do punto anterior determinará, ademais da perda do dereito á axuda, a obriga a reintegra-la contía das axudas percibidas indebidamente, así como a imposibilidade de realizar novas peticións de calquera das modalidades de Cheque Asistencial nos dous anos seguintes á comisión da falsidade, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houbese lugar en dereito.

Capítulo III

Das entidades prestadoras

Artigo 10º.-Requisitos.

As entidades prestadoras dos servicios recollidos no programa someteranse a un procedemento de

autorización administrativa previa, para o cal deberán reuni-los seguintes requisitos:

10.1. Con carácter previo á solicitude da súa inclusión no programa, deberán constar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da consellería competente en materia de servicios sociais.

10.2. Nos centros de atención a persoas maiores tipificados como residencias e/ou centros de día, deberán contar co previo e preceptivo permiso de inicio de actividades outorgado con carácter definitivo pola consellería competente en materia de servicios sociais, así como aquelas outras autorizacións administrativas que lle sexan esixidas pola normativa vixente de aplicación.

En todo caso, observaranse como mínimos garantidos os requisitos fixados na Orde do 18 de abril de 1996, pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumpri-los centros de atención ás persoas maiores.

No suposto de comisión de infraccións graves ou moi graves, previstas na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, as entidades afectadas non serán autorizadas para a súa inclusión no programa durante un período de 3 ou 5 anos, respectivamente. A presente restricción unicamente afectará o centro respecto ó que se produciu a infracción e non ó resto de centros que puidesen ser xestionados pola entidade.

10.3. No suposto de que o servicio consista na atención de axuda no fogar aplicarase o disposto no Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servicios de atención primaria e na Orde do 22 de xullo de 1996, pola que se regula o servicio de axuda no fogar, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou, se é o caso, na normativa na materia que a substitúa.

Artigo 11º.-Causas de non admisión.

Non serán admitidas no programa de cheque asistencial:

1. As entidades que trala instrucción do oportuno expediente foran sancionadas por infracción da Lei 4/1993, de servicios sociais, e non cumpriran a sanción imposta.

2. As entidades, respecto do centro no que se dictou resolución de medidas cautelares, con base nos incumprimentos ou riscos detectados no decurso de actuacións inspectoras, durante o tempo que persista o incumprimento ou risco que as xustificou.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades.

As entidades que sexan titulares de centros ou desenvolvan programas de axuda no fogar nos termos expresados no artigo 10, poderán solicita-la súa inclusión no programa de cheque asistencial, de acordo coa normativa de desenvolvemento do pre

sente decreto, comprometéndose a asumi-las seguintes obrigas:

-Presta-los servicios correspondentes á tipoloxía do centro ou programa de conformidade coa lexislación na materia, e demais especificacións que se determinen nas normas de desenvolvemento deste decreto.

-Respecta-los prezos dos servicios obrigatorios que non excederán ós publicados anualmente pola consellería competente, nos que estarán incluídos os impostos correspondentes.

-Implantar na súa organización os modelos de xestión e avaliación informática do programa de cheque asistencial, que facilite a Dirección Xeral de Servicios Socias, así como achega-los datos estatísticos normalizados.

-Comunica-la incidencia deste programa na creación de emprego, así como a súa establidade, nos termos que se especifiquen na normativa de desenvolvemento deste decreto.

-Someterse ás inspeccións e actuacións de comprobación de calidade que desenvolva a consellería competente.

Artigo 13º.-Autorización.

13.1. O titular ou representante legal da entidade prestadora de servicios sociais deberá presentar na Dirección Xeral de Servicios Sociais solicitude normalizada, para a súa inclusión no programa do cheque asistencial, xunto coa documentación que se determine na orde de desenvolvemento deste decreto.

13.2. Recibida a documentación e completada, se é o caso, o órgano instructor do expediente realizará as comprobacións oportunas respecto da situación administrativa da entidade e centro, e solicitará os informes ou documentación que considere oportuno.

13.3. Unha vez formulada proposta de resolución pola unidade correspondente, a Dirección Xeral de Servicios Sociais resolverá e notificará o que proceda no prazo máximo de tres meses.

13.4. As entidades en todo caso deberán reuni-los requisitos previstos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais.

Artigo 14º.-Baixas.

14.1. O órgano competente para resolve-los expedientes de baixa será a Dirección Xeral de Servicios Sociais. A baixa das entidades prestadoras de servicios sociais, respecto dalgún ou tódolos seus centros e/ou servicios de axuda no fogar, no programa de cheque asistencial poderá producirse de oficio ou por petición de parte.

14.2. Acordarase de oficio e logo de expediente incoado para tal fin, nos seguintes supostos:

a) Pola causa de non admisión prevista no artigo 11.1º deste decreto.

b) Por cesamento de actividades do centro ou deixar de presta-lo servicio de axuda no fogar.

c) Por incumprimento dalgunha das obrigas previstas no artigo 12º do presente decreto.

14.3. Acordarase por petición de parte no seguinte suposto:

As entidades incluídas no programa poderán solicita-la súa baixa nel, cunha antelación mínima de 6 meses á data na que se pretenda facer efectiva esta, co fin de lles evitar prexuízos ós beneficiarios.

A solicitude acompañarase da relación de beneficiarios do programa e do calendario previsto.

A solicitude e demais documentación presentada e requirida, se é o caso, será obxecto de análise e comprobación, dictándose a oportuna resolución no prazo dun mes desde a solicitude, que se notificará acompañada das medidas cautelares precisas para a correcta atención ós beneficiarios, que serán de obrigado cumprimento para a entidade. Transcorrido o dito prazo, entenderase estimada a petición.

14 .4. No suposto previsto no artigo 11.2º deste decreto suspenderase a inclusión da entidade no programa de cheque asistencial, nos termos establecidos na resolución de medidas cautelares.

Capítulo IV

Control da calidade

Artigo 15º.-Seguimento e control.

15.1. Nas modalidades de Cheque de Atención Diúrna e Cheque Atención de Axuda no Fogar corresponderalles ós concellos respectivos, a través dos servicios sociais de atención primaria, asumi-lo proceso de seguimento continuo das axudas concedidas no seu termo municipal.

15.2. A consellería competente en materia de servicios sociais poderá levar a cabo calquera inspección e control das axudas sobre a súa adecuación ó fin para o que foron concedidas. Así mesmo, para os efectos de realiza-la necesaria avaliación do programa, os servicios sociais de atención primaria dos concellos facilitaranlles ás delegacións provinciais da consellería a información precisa e os beneficiarios deberán facilita-la realización das valoracións da súa dependencia.

15.3. Na modalidade de Cheque Residencia, os centros cunha periodicidade anual enviarán á Delegación Provincial da consellería competente en materia de servicios sociais informe de seguimento do traballador social sobre a situación do beneficiario.

Artigo 16º.-Avaliación do programa.

Coa finalidade de realizar un seguimento e avaliación periódica deste programa, e de propoñer, se é o caso, as medidas conducentes á súa mellora, crearase unha Comisión de Seguimento e Avaliación do Programa de Cheque Asistencial presidida polo titular da consellería competente en materia de ser

vicios sociais e coa composición que se determine na normativa de desenvolvemento do presente decreto.

CapítuloV

Réxime económico

Artigo 17º.-Financiamento.

Poderán cofinanciar e participar neste programa as persoas físicas e entidades públicas ou privadas, sen prexuízo da responsabilidade pública da Administración autonómica no programa, e da equidade no acceso a el a través dun procedemento único para a solicitude, tramitación e resolución das axudas, e salvagardando sempre a liberdade de elección dos beneficiarios, entre os centros ou entidades prestadoras incluídas no programa.

Artigo 18º.-Adhesión e cofinanciamento.

18.1. A participación no programa do cheque asistencial por parte dos entes públicos e privados formalizarase a través de convenios singulares de adhesión e cofinanciamento do programa. Estes convenios especificarán, en todo caso, a contía total do financiamento que se achega, ó tempo de duración da adhesión e colaboración co programa, e as modalidades de cheque que se van financiar. Poderán tamén regula-las especificidades que se pacten, como grupos de poboación ós que se dirixe a axuda, ámbito territorial, ou outras que se determinen. As entidades adheridas poderán asumir determinadas actuacións relativas á información e difusión do programa.

18.2. As entidades confinanciadoras que o dexesen aparecerán como tales en tódalas actuacións de difusión do programa que se realicen durante o período da súa colaboración. Así mesmo, poderán participar na Comisión de Seguimento e Avaliación do Programa que se cree para o efecto durante o dito período, e terán acceso a toda a información estatística dispoñible relativa á xestión do programa. Os cheques cofinanciados levarán o anagrama da entidade cofinanciadora.

18.3. Para os efectos de que as entidades privadas cofinanciadoras se poidan acoller ás desgravacións fiscais que correspondan no marco da normativa tributaria de aplicación, e especificamente nas previstas na Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, e a normativa de desenvolvemento, en especial no Real decreto 765/1995, do 5 de maio, a consellería competente en materia de servicios sociais, logo de solicitude da entidade interesada, emitirá un certificado especificando o importe das achegas realizadas pola entidade cofinanciadora.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non regulado no presente decreto haberá que aterse ó disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais e no Decreto 258/1990, do 27 de abril, polo que se establece

o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de servicios sociais, e demais normativa de desenvolvemento.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas no presente decreto terá como límite global o crédito asignado para o efecto nos orzamentos anuais da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais