Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 03 de xullo de 2000 Páx. 10.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 172/2000, do 22 de xuño, polo que se aproba a creación do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Os presidentes dos colexios oficiais de veterinarios de Lugo, Ourense e Pontevedra, en reunión do 18 de outubro de 1997, acordaron promove-la constitución do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Para os efectos da súa constitución os devanditos colexios elaboraron os estatutos que rexerán o dito consello, que foron aprobados polas xuntas xerais dos colexios de Lugo, Ourense e Pontevedra no mes de outubro de 1997, e a redacción definitiva dos cales, á vista das observacións formuladas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, foi aprobada polas xuntas de goberno dos devanditos colexios no mes de maio de 2000.

A aprobación da creación e dos estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo dispón o artigo 5 do Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a creación do Consello Galego de Colexios Veterinarios, que terá a súa sede no Colexio Profesional de Veterinarios que corresponda ó presidente do Consello, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

Igualmente, apróbanse os estatutos do referido consello, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

TITULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O Consello Galego de Colexios Veterinarios esta constituído polos actuais colexios oficiais de veterinarios de Lugo, Ourense e Pontevedra, e os órganos de goberno do dito consello.

Artigo 2º

O consello, con total respecto das funcións, competencias e dependencia do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España, garantirá a autonomía dos colexios provinciais, os seus intereses e as competencias específicas.

Artigo 3º

O Consello Galego de Colexios Veterinarios gozará de plena personalidade xurídica para o cumprimento dos seus fins, como corporación de dereito público, gozando do rango e preeminencia que lle son propios para tódolos efectos.

Artigo 4º

O consello constitúese por tempo indefinido e con carácter voluntario, e sempre que nel estean integrados, alomenos, tres dos colexios oficiais de veterinarios de Galicia.

Artigo 5º

O consello terá a súa residencia no Colexio Oficial de Veterinarios ó que lle corresponda a Presidencia del. E as sesións terán lugar de forma rotativa en cada unha das sedes colexiais provinciais.

Artigo 6º

Os fins e as funcións do consello serán os seguintes:

a) A representación, defensa e promoción dos intereses da profesión veterinaria de carácter xeral que sexan comúns a tódolos colexios oficiais de veterinarios de Galicia.

b) A xestión dos problemas específicos de cada un dos colexios, por subrogación cando o soliciten.

c) Formular propostas á Administración sobre accións, reformas ou medidas para o desenvolvemento e melloras das actividades profesionais veterinarias de Galicia.

d) Xestionar ante a Administración as rectificacións das relacións de postos de traballo da profesión veterinaria ou de calquera outra índole profesional, con base nas propostas de cada un dos colexios integrados no consello.

e) O consello procurará ser oído e estará debidamente representado a través dos membros dos seus órganos de goberno ou dos colexiados nos que expresamente se delegue para iso, en cantas xuntas, comisións ou organismos de Galicia nos que se traten asuntos ou problemas que afecten ou problemas que poidan afectar á profesión veterinaria.

Así mesmo, a asistencia e o asesoramento da Xunta de Galicia, as súas consellerías e órganos de goberno en materias profesionais e científicas, colaboración coa universidade nas materias de ensino e investigación e o informe de tódolos proxectos e disposicións de calquera rango emanados da Xunta de Galicia que afecten ou poidan afectar de calquera forma á profesión veterinaria.

Cando o ámbito de aplicación sexa provincial, comarcal ou local, a intervención aludida nos parágrafos anteriores deberá ir obrigatoriamente precedida dun informe do Colexio Oficial Veterinario afectado, quen deberá oír primeiramente o profesional ou profesionais afectados.

f) Orientación das tarifas de honorarios profesionais, tendo en conta as peculiaridades autonómicas.

g) Calquera outro fin, cometido ou responsabilidades que puidesen delegarse ou proporlle para súa xestión os colexios integrados no consello.

h) Dirimir con carácter executivo diferencias sobre as cuestións que afecten ós colexios integrados no consello, no caso de que non existise unanimidade.

TÍTULO II

Artigo 7º

Os órganos de goberno do consello son os seguintes:

a) O presidente.

b) O vicepresidente.

c) O comité executivo.

d) A xunta xeral.

Artigo 8º

O presidente elixirase democraticamente entre os membros da xunta xeral. Desenvolverá o seu cargo por un período de tres anos e poderá ser reelixido. O cargo de presidente é irrenunciable, salvo causas debidamente xustificadas; neste caso, ou na ausencia temporal xustificada, será substituído polo vicepresidente.

Artigo 9º

O comité executivo estará formado polo presidente, vicepresidente, secretario e os presidentes provinciais dos colexios que integran o consello; actúando de tesoureiro o vicepresidente.

O secretario e mailo vicepresidente serán elixidos da mesma forma que se elixe o presidente, segundo consta no artigo 8º.

Artigo 10º

1. A xunta xeral estará formada polo comité executivo e os restantes membros das xuntas provinciais dos colexios integrantes do consello.

2. Dependente da secretaría xeral créase un gabinete técnico, de acordo coas necesidades profesionais do momento, que terá como principais cometidos os de programación e estudio de carácter cientí

fico-profesional que se lle encomende polos órganos de goberno do consello.

Artigo 11º

A Xunta Xeral do Consello Galego poderá convocar con carácter extraordinario asemblea xeral extraordinaria dos colexios integrantes no consello para asuntos de especial importancia.

Así mesmo, poderá acordar, e así comunicárllelo ós presidentes, para os oportunos efectos, asembleas xerais dos colexios pertencentes ó consello, para asuntos de carácter xeral que afecten á profesión veterinaria, e cando se considere conveniente ou necesario oí-las asembleas xerais de tódolos colexios.

Artigo 12º

Ó presidente correspóndenlle as funcións seguintes:

a) A representación legal do consello. Ó dito fin autorizará cantos documentos sexan precisos para a normal marcha da corporación, podendo outorgar poderes de todas clases e, en especial, a favor de procuradores dos tribunais.

b) Convocar e presidi-las sesións do comité executivo, xunta xeral e da asemblea extraordinaria dos colexios integrados no consello, podendo suspende-lo debate sobre un asunto calquera para tomar acordo sobre el. Igualmente poderá suspende-la sesión sen ter esgotada a orde do día no caso de alteración da orde pública.

c) Levar á súa execución os acordos dos órganos de goberno do consello.

d) Autorizar, en unión do tesoureiro, os talóns para xirar contra as contas abertas nos bancos baixo a titulación do consello.

e) Visar tódalas certificacións das actas que se expidan polo secretario e demais documentos do consello.

f) Cumprir e facer cumpri-los preceptos destes estatutos.

g) A representación legal e exercicio das accións.

h) Delegar tódalas súas atribucións no vicepresidente.

Artigo 13º

Ó secretario xeral correspóndenlle as funcións seguintes:

a) Actuar como tal nas reunións do comité executivo da xunta xeral e das asembleas extraordinarias de colexiados, ademais de dirixir e coordina-las actividades do gabinete técnico.

b) A coordinación e o envío de toda documentación ós colexios respectivos para o seu estudio e discusión, se procede.

c) A refundición dos acordos e informes dos colexios respectivos nos casos citados no punto anterior.

d) A formación de relatorios que, derivados do disposto neste artigo, deban someterse á xunta de goberno.

e) Calquera outro cometido que a xunta de goberno teña a ben encomendarlle.

Artigo 14º

Ó tesoureiro correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Recada-las cantidades que, de acordo con estes estatutos ou por acordo da xunta de goberno, deba percibi-lo consello por calquera título ou causa.

b) Ingresar sen demora nas contas abertas nas entidades bancarias a nome do Consello Galego de Colexios Veterinarios as cantidades dispoñibles, non podendo ter en caixa máis fondos que os indispensables para o normal desenvolvemento do consello.

c) Custodia-los xustificantes de depósitos e títulos representativos dos bens sociais.

d) Será función do tesoureiro levar ó día o libro da caixa.

e) Autoriza-los talóns en unión do presidente ou persoa en quen delegue, para extraer das contas os fondos precisos para as atencións do consello.

f) Confecciona-los orzamentos de ingresos e gastos de acordo coas instruccións da xunta de goberno.

g) Informar á xunta de goberno da marcha administrativa e económica da corporación propoñendo as medidas necesarias.

h) Todas cantas sexan necesarias para o máis recto cumprimento das súas obrigas.

Artigo 15º

Correspóndelle ó vicepresidente o seguinte:

a) Asumi-las competencias nel delegadas polo presidente.

b) Dar conta das incidencias que se presenten no Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Artigo 16º

O comité executivo reunirase en sesións ordinarias cada dous meses ou con menor frecuencia se fose necesario, logo da convocatoria do presidente.

A xunta xeral deberá reunirse cada seis meses ou antes se o solicitase o presidente ou a terceira parte dos membros da xunta xeral.

A asemblea extraordinaria dos colexios integrados no consello reunirase sempre que o demanden os acontecementos ou intereses corporativos e así o acorde a xunta xeral.

Os acordos adoptaranse sempre por maioría e, en caso de empate, repetirase a votación, e no suposto de volver a repetirse o empate dirimirao o voto do presidente.

Artigo 17º

Para que un colexio provincial de veterinarios da Comunidade Autónoma galega poida ingresar no Consello Galego de Colexios Veterinarios será necesario:

a) Que sexa acordado por la xunta de goberno de cada colexio.

b) Que a asemblea xeral ordinaria ou extraordinaria o ratifique, por maioría simple dos asistentes.

Artigo 18º

O réxime económico do consello estará integrado por:

a) As cotas que a xunta xeral estableza.

b) Pola contribución a partes iguais de tódolos colexios integrados no consello, ou outras que puidesen establecerse legalmente por calquera causa ou motivo que o xustifique.

c) Os traballos profesionais serán visados polos colexios provinciais.

Artigo 19º

O veterinario poderá elixir libremente o seu domicilio para efectos profesionais, de acordo coa Constitución. Terá que estar colexiado no colexio correspondente á súa residencia na que exerza con carácter único ou principal a súa profesión.

Artigo 20º

Para colexiarse, tal como se dispón no artigo anterior, será necesario:

a) Xustificante da titulación académica que o habilita para exerce-la súa profesión.

b) Certificación ou similar expedida pola autoridade municipal correspondente acreditativa do seu domicilio único ou principal.

Artigo 21º

Da convocatoria de eleccións provinciais, os colexios pertencentes ó Consello Galego de Colexios Veterinarios darán conta coa debida antelación.

Artigo 22º

Estes estatutos poderán ser modificados polo propio consello, logo de acordo do comité executivo, ratificado en xunta xeral.