Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 03 de xullo de 2000 Páx. 10.342

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de xuño de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 14 de xuño de 2000, foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 5 de

xuño de 2000 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 5 dos seus estatutos ten como obxecto a realización de actividades de promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos e servicios sanitarios, a docencia e investigación de ciencias da saúde e a promoción da saúde individual e colectiva da comunidade en calquera das súas vertentes, así como a realización doutras actividades que poden colaborar á consecución do obxectivo fundacional.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificado pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés ó cumpri-los seus estatutos ás prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, reformada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente as súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais