Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 28 de xuño de 2000 Páx. 10.113

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Leche Celta, S.A., en Meira (Lugo) e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 5266 A.T.).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Leche Celta, S.A., con enderezo para efectos de notificacións no Polígono Industrial de Meira, concello de Meira (Lugo), resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data 9 de setembro de 2000, a referida empresa solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida no réxime especial de producción de enerxía eléctrica establecido polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, actualmente vixente, da súa planta de coxeración.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Dous motores de combustión interna alimentados a gasóleo de 1.760 kW de potencia cada un.

-Dous xeradores síncronos trifásicos de 2.100 kVA, tensión de xeración 400 V e factor de potencia 0,8.

-Dous transformadores trifásicos de 2.500 kVA, relación de transformación 0,4/20 kV e un transformador para servicios auxiliares de 250 kVA e r/t 0,4/20 kV.

-Instalacións de medida regulación, control e protección.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo dictou Resolución do 20 de setembro de 1999 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 27 de xaneiro e no BOP de Lugo do 11 de xaneiro

de 2000, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-O proxecto, con informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1996, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/199, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, foi redactado conforme o esixido polos artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación a presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, de 27 de novembro, do sector eléctrico, e coas demais disposicións que lle son de aplicación.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la instalación da planta de coxeración á empresa Leche Celta, S.A., sita nas instalacións da factoría que a empresa ten en Meira, Lugo.

-Recoñecer á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D.2818/1998, e incluíla no grupo a.1 do artigo 2 do dito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así coma o punto de interconexión.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio de 5 de xuño de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 14 de xullo), no prazo de dous anos desde a publicación da presente resolución, para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral no desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria