Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 26 de xuño de 2000 Páx. 9.950

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2000 pola que se convoca concurso específico para a provisión dun posto de traballo de persoal funcionario de administración e servicios da Universidade de Vigo.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados por Resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade,

É por iso que visto o artigo 11 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo (DOG do 25), polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna dos funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia, artigo 45 do R.D. 364/1995, do 10 de marzo (BOE do 10 de abril) polo que se aproba o Regulamento de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción dos funcionarios civís da Administración do Estado, este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da

Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro) de reforma universitaria, en relación co seu artigo 3.2º e), resolve convocar concurso específico para cubri-lo posto vacante que se detalla no anexo I desta resolución, consonte as seguintes bases da convocatoria:

1. Requisitos e condicións de participación.

1.1. Poderán tomar parte neste concurso os funcionarios de carreira ó servicio das administracións públicas que pertenzan a algún dos corpos ou escalas do grupo A de facultativo de arquivo, bibliotecario e arqueólogo ou de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos nos termos que se especifican no anexo I.

1.2. Poderán participar nesta convocatoria os funcionarios comprendidos no punto anterior, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás os suspensos en firme ou quen se encontre en excedencia voluntaria incentivada.

Os funcionarios en excedencia voluntaria por interese particular e agrupación familiar só poderán participar se levan máis de dous anos na devandita situación o día de remate do prazo de presentación de instancias.

1.3. Os funcionarios en activo con destino definitivo só poderán participar se transcorreron dous anos desde a toma de posesión do último destino obtido, agás que se trate de funcionarios destinados na Universidade de Vigo, ou nos supostos previstos no artigo 20.1º e) da Lei 30/1984, do 2 de agosto (BOE do 3), ou no de supresión de posto de traballo.

1.4. A data de referencia para o cumprimento dos requisitos esixidos e posesión dos méritos alegados será o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes, agás no que se refire ó complemento de destino do posto de traballo ocupado por concurso ou libre designación, en que se tomará como referencia a data de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

2. Méritos.

2.1. Méritos xerais. A puntuación máxima será de 15 puntos, podendo declararse deserta a vacante se os aspirantes, de acordo co baremo que a continuación se establece, non acadan unha puntuación mínima de 8 puntos.

a) Antigüidade: valorarase ata un máximo de 3 puntos: 0,10 puntos por cada ano completo de servicio na Administración, incluídos os recoñecidos ó abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

b) Titulación: valorarase ata un máximo de 2 puntos:

Doutor: 2 puntos.

Licenciado: 1,80 puntos.

Neste punto puntuará unha soa titulación. Para os efectos de equivalencia de titulación só se terán en conta as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte con carácter xeral e válidas

para tódolos efectos, debendo cita-la equivalencia e o Boletín Oficial del Estado no que se publica.

c) Cursos oficiais de formación administrativa xeral: valoraranse ata un máximo de 2 puntos.

Perfeccionamento e procedemento administrativo, informática do usuario, documentación, arquivo, etc., impartidos polo INAP, EGAP, organismos oficiais e centros nacionais ou estranxeiros de recoñecido prestixio que a comisión de valoración considere axeitados, e sempre que se expedira diploma ou certificación de asistencia ou aproveitamento.

-Por asistencia (máximo parcial 0,50 puntos):

0,10 puntos por curso.

0,20 puntos por curso de lingua galega.

-Por aptitude:

0,30 puntos por curso.

0,60 puntos por iniciación á lingua galega.

1 punto por perfeccionamento de lingua galega. De posuí-lo de perfeccionamento non puntuará o de iniciación.

d) Pertenza a grupo de titulación, valorarase ata un máximo de 2 puntos:

Grupo A: 2 puntos.

e) Nivel de complemento de destino do posto singularizado ocupado por concurso ou libre designación, que se desenvolva na data de publicación no Boletín Oficial del Estado desta convocatoria:

A valoración máxima será de 6 puntos:

NivelPuntos

Do 15 ó 203

Do 21 ó 254,5

Do 26 ó 306

Se o posto tivera a consideración de non singularizado, con independencia do nivel de complemento de destino que teña asignado, a puntuación será de 1 punto.

2.2. Méritos específicos. A puntuación máxima será de 15 puntos, podendo declararse deserta a vacante ofertada se os aspirantes non acadan a puntuación mínima de oito puntos. Os aspirantes deberán presentar por separado:

a) Currículum vitae: polo que se outorgará un máximo de 6 puntos. Valorarase a experiencia profesional tanto na Administración pública como fóra dela, formación técnica e investigadora e a adecuación do candidato ó posto en función dos méritos específicos previstos no anexo I.

b) Memoria pola que se outorgará un máximo de 6 puntos. A memoria non excederá de cinco folios

mecanografados a dobre espacio, consistindo na análise das tarefas do posto e dos requisitos, condicións e medios necesarios para o seu desenvolvemento.

c) Realización de publicacións, traballos, impartición de cursos e conferencias relacionados coa dirección e xestión de bibliotecas; ata un máximo de 3 puntos.

A comisión de valoración poderá esixir dos candidatos aclaracións mediante entrevista ou achegas de documentación adicional que considere necesarias para a valoración dos méritos alegados e a súa adecuación ás caracterísiticas do posto de traballo.

3. Documentación que presentará o aspirante.

3.1. Os requisitos ós que fai referencia a base primeira e os méritos xerais da base segunda deberán ser acreditados mediante certificado axustado ó modelo que figura como anexo III, que deberá ser expedido pola subdirección xeral competente en materia de persoal dos departamentos ministeriais ou polas secretarías xerais ou órganos similares dos organismos autónomos, se se tratara de funcionarios destinados en servicios centrais e polas secretarías xerais das delegacións ou subdelegacións do Goberno, cando se trate de funcionarios destinados nos servicios periféricos de ámbito rexional ou provincial.

Respecto do persoal destinado en comunidades autónomas, a dita certificación deberá ser expedida pola Dirección Xeral da Función Pública da comunidade ou organismo similar, ou ben pola consellería ou departamento correspondente, no caso de corpos ou escalas de carácter departamental.

Por canto se refire a funcionarios destinados en universidades, as certificacións serán expedidas polas respectivas unidades ás que corresponda a xestión de persoal.

No caso de excedencia, os certificados serán expedidos pola unidade de persoal do departamento ó que figura adscrito o seu corpo ou escala, ou pola Dirección Xeral da Función Pública se pertence a escala que se extinguirá do AISS, ou a corpos dependentes da Secretaría de Estado para a Administración pública. No caso das restantes escalas, así mesmo dependentes da Secretaría de Estado, tales certificacións serán expedidas pola unidade de persoal do ministerio ou organismo onde tivese o seu último destino definitivo.

Os concursantes que procedan da situación de suspenso en firme, xuntaranlle á súa solicitude documentación acreditativa da terminación do seu período de suspensión.

3.2. Os méritos específicos serán acreditados documentalmente polos concursantes mediante certificación, títulos ou xustificantes que consideren pertinentes.

4. Presentación de solicitudes.

4.1. As solicitudes para tomar parte no concurso dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo e presentaranse no rexistro xeral da Universidade de Vigo (rúa Oporto, 1, 36201 Vigo), ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, (BOE do 27) de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días hábiles, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo II desta convocatoria e deberán ir acompañadas dos documentos especificados nos puntos 1 e 2 da base terceira.

5. Comisión de valoración.

A comisión de valoración estará formada polos seguintes membros:

Titulares:

Presidente: Salustiano Mato de la Iglesia, vicerrector de Investigación da Universidade de Vigo.

Vocais:

José Mª da Rocha Álvarez, vicerrector de Planificación da Universidade de Vigo.

Mª José Justo Martín, directora do Arquivo Histórico Universitario da Universidade de Santiago de Compostela.

Concepción Varela Orol, funcionaria da escala facultativa de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de administración e servicios.

Pilar González Novoa, funcionaria da escala facultativa de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de administración e servicios.

Secretario: Xosé Manuel Fernández Viña, xefe do Servicio de Recursos Humanos e provisión de postos de traballo que actuará con voz e sen voto.

Suplentes:

Presidente: Julio Taboada Pérez, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais:

Eduardo Godoy Malvar, director da Área de Calidade da Universidade de Vigo.

Helena Cortés Gabaudán, funcionaria do corpo de profesores titulares de universidade.

Xosé Anxo Doval Rei, funcionario da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago, en representación da xunta de persoal de administración e servicios.

Carmen Liñán Maza, funcionaria da escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Córdoba, en representación da xunta de persoal de administración e servicios.

Secretario: Manuel Castro Oliva, xefe do Servicio de Patrimonio e Inventario, que actuará con voz e sen voto.

6. Resolución do concurso e toma de posesión.

6.1. A orde de prioridade para a adxudicación da praza virá dada pola puntuación total obtida de acordo co baremo da base segunda. No caso de igualdade na puntuación total daráselle prioridade ó aspirante con mellor puntuación no punto de méritos específicos.

6.2. O presente concurso resolverase por resolución do Rectorado da Universidade de Vigo, nun prazo non superior a tres meses, contados desde o día seguinte ó de remate do prazo de presentación de solicitudes, e publicarase no Boletín Oficial del Estado.

6.3. O destino adxudicado será irrenunciable, agás que antes de finalizar o prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, quedando obrigado o interesado, neste caso, a comunicalo ó Rectorado da Universidade de Vigo no prazo de tres días. O destino adxudicado considerarase de carácter voluntario e, en consecuencia, non xerará dereito ó aboamento de indemnización por concepto ningún.

6.4. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia do funcionario ou dun mes se comporta cambio de residencia ou o reingreso ó servicio activo. O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación da resolución do concurso no Boletín Oficial del Estado. Se a resolución comporta reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse dende a dita publicación.

7. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 2 de xuño de 2000.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Localidade: Vigo.

Nº de prazas: 1.

Posto de traballo: director/a da Biblioteca Universitaria.

Tipo de posto: singularizado.

Nivel: 28.

Grupo: A.

Complemento específico anual: 1.737.708.