Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 22 de xuño de 2000 Páx. 9.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Axencia Galega de Noticias, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo do ámbito interprovincial da Axencia Galega de Noticias, S.A., que se subscribiu con data do 17 de marzo de 2000, entre a representación da empresa e dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2000.

José Mª Fernández Olea

Director xeral de Relacións Laborais

Acta final da negociación do convenio

da Axencia Galega de Noticias, S.A.

Representación social:

Luis Miguel Cid Congil.

Representación empresarial:

Blanca García Montenegro.

José María Rioboo Núñez.

José Manuel Rouco Álvarez.

Reunidos en Santiago de Compostela o día vinte de marzo de dous mil as persoas que se relacionan arriba, compoñentes todas elas da empresa Axencia Galega de Noticias, S.A., chegaron ós seguintes acordos definitivos, nos que queda recollida a normativa do convenio colectivo que ten o seguinte articulado:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

As normas contidas no presente convenio colectivo serán de aplicación a tódolos centros de traballo da Axencia Galega de Noticias, S.A., dentro e fóra

da comunidade de Galicia, constituídos ou que se poidan constituír no futuro, durante o tempo da súa vixencia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O contido deste convenio colectivo afectará a totalidade dos traballadores fixos e eventuais, con calquera modalidade de contrato laboral, que presten os seus servicios na Axencia Galega de Noticias, S.A.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o 19 de novembro de 1998 e a súa validez estenderase ata o 31 de decembro do ano 2001.

Artigo 4º.-Prórroga e denuncia.

A denuncia do convenio colectivo poderá ser efectuada por calquera das partes afectadas, mediante escrito dirixido á outra parte e notificación á autoridade laboral, cunha anticipación de dous meses como mínimo, respecto da data de terminación da súa vixencia. Caso de non o efectuar así, entenderase que o convenio queda prorrogado tacitamente por un período dun ano. Neste caso de denuncia, as partes estarán obrigadas a negociaren, dentro do primeiro trimestre, os conceptos retributivos ou a suba salarial para ese ano.

Artigo 5º.-Revisión.

Durante a súa vixencia, este convenio colectivo non poderá ser afectado por convenios de ámbito distinto. Non obstante, considerarase causa suficiente para que calquera das representacións que son parte do convenio poida pedi-la revisión del, o feito de que por disposicións legais de rango superior ou acordo marco estatal obrigatorio se establezan melloras ou limitacións ás condicións establecidas nestas normas, consideradas no seu conxunto global e en cómputo anual, e sen prexuízo do establecido no artigo seguinte.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

O conxunto dos dereitos e obrigacións pactadas neste convenio colectivo constitúen un todo orgánico e indivisible e, por conseguinte, no suposto de que a xurisdicción competente invalide algunhas das condicións establecidas nel, este convenio quedará invalidado na súa totalidade e volverá ó trámite de deliberación para reconsidera-lo seu contido.

Artigo 7º.-Garantías.

As condicións que se establecen neste convenio colectivo teñen a consideración de normas mínimas obrigatorias, sen prexuízo das condicións individuais máis beneficiosas que poidan existir na actualidade ou no futuro.

Capítulo II

Organización práctica e condicións do traballo

Artigo 8º.-Principio xeral.

A organización práctica do traballo e a asignación de funcións é facultade exclusiva da dirección da

empresa. Na redacción, esta facultade de organización e racionalización do traballo será competencia do director da axencia.

Artigo 9º.-Condicións de traballo.

As especificacións, normas de procedemento e follas de control das tarefas que as teñan asignadas axustaranse a unhas condicións habituais de traballo, sen que supoñan prexuízos físicos ou psíquicos ó traballador.

Artigo 10º.-Modificacións laborais.

A empresa deberá informa-lo comité de empresa de calquera proxecto de introducción de novas tecnoloxías que poidan modifica-las condicións de traballo dos distintos profesionais que integran a Axencia Galega de Noticias, S.A. antes da súa posta en práctica. No caso de un posto de traballo se ver afectado por modificacións tecnolóxicas, a dirección da empresa ofreceralle ó traballador que o ocupa un curso de formación polo tempo indispensable para a súa adaptación ás novas tecnoloxías.

Artigo 11º.-Cadro de persoal.

A determinación, o establecemento e as modificacións do cadro de persoal da Axencia Galega de Noticias, S.A. corresponde á dirección da empresa, de acordo coas súas necesidades reais e en función da innovación técnica, a racionalización do traballo, o sistema de organización adoptado e o respecto escrupuloso ás normas legais que regulan a materia, sendo informado o comité de empresa.

Artigo 12º.-Categorías.

A clasificación do persoal conforme as súas categorías profesionais aterase á consignada no punto correspondente do presente convenio.

Artigo 13º.-Mobilidade funcional.

Neste artigo rexerá o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para todo o persoal afectado por este convenio será de trinta e seis horas semanais de luns a domingo, cos descansos establecidos pola lei. Non obstante, a todo o persoal con antigüidade anterior ó 19-11-1998 respectaránselle tódalas condicións de que viña desfrutando anteriormente.

Artigo 15º.-Horarios de traballo.

a) Os horarios e as quendas de traballo serán os habituais en cada departamento ou sección, tendo en conta que, de ser necesaria algunha variación, cando existan probadas razóns productivas, técnicas ou organizativas, esta variación será pactada previamente co comité de empresa. En caso de desacordo, a empresa deberá utiliza-las canles previstas no artigo 41 do vixente Estatuto dos traballadores.

En todo caso, entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán como mínimo doce horas.

b) Réxime de redacción. Dadas as especiais características do traballo dos xornalistas, o sinalamento de quendas horarias, tarefas e control de asistencia é competencia do director da axencia.

Ó non permiti-la natureza da profesión xornalística determinar un horario ríxido, o traballo dos xornalistas considérase a tarefa, entendéndose por tal o traballo ou conxunto de traballos que poida realizar normalmente un redactor na xornada que lle sinala o presente convenio colectivo, podendo simultanearse tódolos traballos propios da súa competencia profesional. Unha vez realizada a tarefa, está cumprida a xornada.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias.

a) En materia de prolongación de xornada e horas extraordinarias observarase o disposto no vixente Estatuto dos traballadores e no Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro, sobre regulación de xornadas especiais.

b) Poderase pactar ocasionalmente entre empresa e traballadores o desfrute mediante descanso retribuído ou a retribución das horas extraordinarias.

Artigo 17º.-Traballo en videoterminais.

a) Ningún traballador poderá ser obrigado a permanecer ante os videoterminais máis tempo do establecido na súa xornada laboral. Os traballadores que presten servicios en videoterminais terán dereito a un descanso de dez minutos por cada hora de traballo. Este descanso non poderá ser acumulado, tendo a consideración de traballo efectivo para o cómputo da xornada, podendo realizarse durante este período outras tarefas sempre que estean dentro da súa competencia.

b) Revisarase o funcionamento dos videoterminais sempre que sexa necesario, a xuízo do comité de seguridade e saúde, e corrixiranse os posibles defectos observados.

Artigo 18º.-Mobilidade xeográfica.

Neste artigo aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Capítulo III

Réxime de persoal

Artigo 19º.-Contratación de xornalistas.

A contratación do persoal adscrito ás distintas seccións de redacción, calquera que sexa a súa modalidade, serán competencia do director da axencia.

Artigo 20º.-Empresas de traballo temporal.

Só se recorrerá a esta vía de contratación para a cobertura temporal daqueles postos de traballo que non poidan ser cubertos polo persoal do cadro, ante eventuais necesidades de producción.

Artigo 21º.-Política de formación.

Con independencia dos acordos formativos concretos que a empresa poida concertar con universidades, escolas técnicas ou de formación profesional, a dirección continuará coa súa política de formación para o persoal de cadro, mediante plans anuais que faciliten a continua capacitación profesional. Para a realización de actividades formativas, atenderase ós criterios fixados no Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Ascensos.

A empresa favorecerá a promoción profesional dos traballadores do cadro, salvagardando o principio de igualdade de oportunidades.

a) Todo o persoal da Axencia Galega de Noticias, S.A. terá, en igualdade de condicións, dereito de preferencia para cubri-las vacantes existentes ata xefe de sección, inclusive; aínda que a empresa poderá facer uso dun posible veto debidamente razoado e xustificado, con relación a algún dos aspirantes.

b) Ata a categoría inmediatamente inferior ó xefe de sección, será requisito imprescindible a realización dunha proba de aptitude e do seu tribunal formará parte un membro do comité de empresa.

c) A dirección informará o comité de empresa, tanto das vacantes como das condicións que en cada caso se requiren para o acceso do persoal a categorías superiores.

Capítulo IV

Vacacións, permisos, excedencias, cesamentos

Artigo 23º.-Calendario laboral.

Antes de finais de febreiro de cada ano deberán estar elaborados os calendarios laborais anuais.

Así mesmo, e no mesmo prazo, deberase solicitar por escrito ou individualmente a solución que se adopte para o desfrute dos festivos traballados, debendo estar tales solicitudes asinadas polos interesados e informadas polos seus superiores, acordándose a solución que, sen prexudica-la empresa, conveña máis ó solicitante. En caso de discrepancia, o traballador poderá recorrer ante a dirección.

Artigo 24º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais retribuídas por ano de servicio será de 30 días naturais, dos que, polo menos quince, serán ininterrompidos e desfrutaranse preferentemente entre os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, sen prexuízo dos acordos entre empresa e traballadores.

O cómputo de vacacións efectuarase por ano natural. A duración das vacacións, nos supostos de novo ingreso, calcularase en proporción ó tempo de permanencia na empresa.

O cadro de vacacións de cada sección deberá estar elaborado antes do 30 de abril de cada ano.

a) Quendas.

As quendas de vacacións estableceranse de mutuo acordo ante a empresa os traballadores, respectándose os seguintes principios:

* Sistema de elección rotativo.

* Interese da producción.

* O calendario publicarase en cada departamento con polo menos 60 días naturais de antelación ó comezo da primeira quenda.

b) Vacacións retribuídas.

De conformidade co que se establece no Estatuto dos traballadores, o período anual de vacacións non será susceptible de compensación en metálico, excepto en casos excepcionais, de mutuo acordo.

c) Incapacidade temporal.

No suposto de incapacidade temporal previa ó comezo das vacacións, o período de desfrute adiarase ata a data en que conveñan as partes.

Artigo 25º.-Festivos.

Tódolos traballadores terán dereito a desfrutar por cada día festivo traballado día e medio de descanso. Tódolos festivos aprobados pola autoridade laboral consideraranse como aboables e non recuperables. Ó persoal a quen corresponda traballar nas festas oficiais, a empresa poderá elixir entre compensarlle economicamente o dito labor ou substituí-la compensación pola de día e medio de descanso.

Artigo 26º.-Permisos.

O traballador, despois de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo previstos no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores.

Cando o interesado, por urxencia do caso, non puidese preavisar á empresa, xustificará con posterioridade ante a dirección dela o motivo da ausencia e a imposibilidade material de ter avisado.

Artigo 27º.-Excedencias.

As excedencias poderán ser voluntarias ou forzosas e rexeranse ambas polo disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 28º.-Incapacidade temporal.

En caso de incapacidade temporal debidamente acreditada ante a Seguridade Social, o persoal comprendido no réxime de asistencia da mesma percibirá durante a vixencia do presente convenio o cento por cento da súa retribución se a causa da baixa for un accidente laboral.

En caso de enfermidade común, o traballador percibirá o cento por cento do seu salario a partir do vixésimo día contando desde o inicio da baixa.

Artigo 29º.-Cesamento voluntario.

Cando o traballador cause baixa voluntaria no servicio da empresa, esta está obrigada á liquidación o mesmo día de cesamento da súa relación laboral.

Pola súa parte, os traballadores deberán comunicar á empresa a súa decisión de cesar cumprindo os seguintes prazos de aviso previo: persoal técnico titulado, un mes; resto de traballadores, quince días.

Capítulo V

Réxime retributivo

Artigo 30º.-Principio xeral.

As retribucións do persoal comprendido neste convenio estarán constituídas polo salario base e os complementos e corresponden á xornada fixada no presente convenio. Igualmente, forman parte das percepcións do persoal, se for o caso, as indemnizacións ou compensacións de carácter non salarial.

Artigo 31º.-Conceptos retributivos.

Os conceptos retributivos aplicables son os seguintes:

1. Salario base:

1.1. Salario base.

1.2. Complemento convenio.

2. Complementos.

2.1. Mensuais.

a) Complemento dominical.

b) Libre disposición.

2.2. De vencemento superior ó mes:

a) Paga extraordinaria de verán.

b) Paga extraordinaria de Nadal.

c) Paga extraordinaria de beneficios.

Artigo 32º.-Salario.

Salario ordinario e fixo: enténdese por tal a totalidade de remuneracións que con tal carácter fixo e ordinario se perciben mensualmente, e vén constituído pola suma do salario base e o complemento convenio, con independencia daqueles complementos de percepción conxuntural en razón das condicións exteriores intrínsecas da función que se realice.

Artigo 33º.-Salario base.

É o que, formando parte do salario ordinario e fixo de cada traballador, será fixado por categorías segundo táboas anexas ó presente convenio. Sobre el xirarán os complementos salariais seguintes: antigüidade, nocturnidade e libre disposición.

Artigo 34º.-Complemento convenio.

É aquel complemento non afecto a complementos constituído co obxecto de que o salario ordinario fixo de cada traballador atinxa os mínimos pactados en convenio para as diferentes categorías profesionais. É absorbible. Quedará reflectido segundo as táboas anexas ó presente convenio.

Artigo 35º.-Antigüidade.

Enténdese por antigüidade o complemento persoal que perciben os traballadores como premio á súa permanencia na empresa.

Aboaráselle a todo o persoal, sexa cal for a súa categoría profesional, dos cuadrienios e quinquenios sucesivos, a razón do 5% cada un, calculado sobre o salario base establecido para cada categoría no anexo correspondente a este convenio. En ningún caso se poderá absorbe-la súa contía, xa for total ou parcialmente, en ningún dos restantes conceptos retributivos.

Os que ascenda de categoría ou cambie de grupo profesional, percibirán os aumentos correspondentes, calculados sobre o salario base da nova categoría que ocupen. Os aumentos periódicos establecidos comezarán a se devengar a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel en que se cumpran os cuadrienios ou quinquenios correspondentes.

Artigo 36º.-Complemento de libre designación.

Establécese na contía mínima do 35 por cento sobre o salario base e aplicaráselles ós traballadores que, previo pacto coa empresa, ademais do cometido profesional que teñen asignado, estean ó libre dispor da dirección en calquera momento para cubri-las necesidades do servicio con carácter eventual. Determínase expresamente o seu carácter de non consolidable.

O pacto de libre disposición quedará sen efecto logo de denuncia por escrito de calquera das dúas partes.

Artigo 37º.-Nocturnidade.

Aplicarase nos supostos establecidos no artigo 36 do Estatuto dos traballadores, incrementándose o valor-hora salario base nun 25 por cento. O seu carácter é de non consolidable.

Artigo 38º.-Complemento de traballo dominical.

Tódolos traballadores con antigüidade anterior á sinatura deste convenio que desenvolvan a súa xornada en domingo percibirán, a partir do 1 de xaneiro de 2000, un complemento de 10.000 pesetas por domingo traballado.

Artigo 39º.-Pagas extraordinarias.

Como parte integrante do seu salario, os traballadores da Axencia Galega de Noticias, S.A. terá dereito á percepción das seguintes pagas extraordinarias.

Paga de verán: percibirase no transcurso do mes de xullo e o seu importe estará constituído por tódolos conceptos que o traballador teña recoñecidos no mes inmediatamente anterior á súa percepción, excepto horas extraordinarias, complemento dominical e complemento de libre disposición.

Paga de Nadal: percibirase no mes de decembro e o seu importe estará constituído polos mesmos conceptos que a paga de verán.

Paga de beneficios: percibirase no mes de marzo e será igual que as anteriores. Esta paga farase efectiva a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Ó persoal que ingrese ou cese na empresa no transcurso do ano aboaránselle as gratificacións rateando o seu importe en razón do tempo de servicio. Esta mesma norma aplicaráselle ós traballadores eventuais, interinos ou contratados por tempo determinado.

Artigo 40º.-Quilometraxe.

Nos casos de uso autorizado de vehículo propio, a empresa aboaralles ós traballadores a cantidade de 24 pesetas por quilómetro.

Artigo 41º.-Forma de pagamento.

A nómina deberá ser satisfeita por mensualidades, segundo o costume establecido ata o de agora.

Artigo 42º.-Cláusula de revisión.

Para o ano 2001, o aumento retributivo será igual ó IPC interanual constatado en 2000. Caso de se prorrogar este convenio, o incremento salarial será o correspondente ó IPC o 31 de decembro do último ano.

Capítulo VI

Premios, faltas e sancións

Artigo 43º.-Faltas.

Todo acto ou omisión dun traballador contra a disciplina ou réxime de traballo clasificarase, en atención á súa transcendencia, importancia ou malicia, en leve, grave ou moi grave. A determinación de faltas de cada un dos indicados grupos que se efectúa nos artigos seguintes é meramente enunciativa e non implica que non poidan existir outras, as cales serán clasificadas segundo a analoxía que garden con aquelas.

Faltas leves.

Considéranse faltas leves as seguintes:

a) A falta de puntualidade, ata tres nun mes, na asistencia ó traballo con demora superior a 5 minutos e inferior a 30 no horario de entrada.

b) Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivos xustificados, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

c) O abandono do servicio sen causa xustificada, aínda cando sexa por breve tempo. Se como consecuencia disto se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente ós seus compañeiros de traballo, esa falta poderá ser considerada como moi grave segundo os casos.

d) Pequenos descoidos na conservación do material.

e) Falta de aseo e limpeza persoal.

f) Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debidas.

g) Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

h) Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

i) As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio.

Faltas graves.

Considéranse faltas graves as seguintes:

a) Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade ó traballo, cometidas durante un período de trinta días. Cando se tivese que revezar un compañeiro, bastará cunha única falta de puntualidade para que esta se considere como grave.

b) Ausencia, sen causa xustificada, por dous días durante un período de 30 días.

c) Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social. A falta maliciosa nestes casos considerarase moi grave.

d) A simulación de enfermidade ou accidente.

e) Entregarse a xogos ou distraccións, sexan cales sexan, estando de servicio.

f) A mera desobediencia ós superiores en calquera materia de servicio. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada moi grave.

g) A neglixencia ou desidia no traballo que afecta a boa marcha do servicio.

h) A imprudencia en actos de servicio. Se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada moi grave.

i) A reincidencia en faltas leves, aínda que as correspondentes infraccións sexan de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun período dun mes partir da primeira falta da citada graduación.

j) Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas nun período de seis meses, e vinte durante un ano.

k) Incorrer en erratas ou omisións de corrección, sempre que as circunstancias en que se desenvolveu o traballo non xustifique tales erratas ou omisións.

Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

a) Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, empregar para usos propios dependencias ou material da empresa, mesmo cando isto ocorra fóra da xornada de traballo; traballar para outra empresa, infrinxindo o disposto na normativa vixente.

b) A fraude, a deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa, dentro das dependencias da empresa ou durante acto de servicio en calquera outro lugar.

c) Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar desperfectos en primeiras materias, utensilios, ferramenta, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, obxectos e documentos da empresa.

d) A condena por delicto de roubo, furto ou malversación cometidos fóra da empresa ou por calquera outro feito que poida implicar para esta desconfianza respecto do seu autor e, en todo caso, as de duración superior a seis anos dictadas polos tribunais de xustiza.

e) A continuada falta de aseo e limpeza, de tal índole que produza queixas xustificadas dos compañeiros de traballo.

f) A embriaguez durante o servicio.

g) Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a elementos estraños á empresa datos de reserva obrigada.

h) Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros ou subordinados, así como a blasfemia habitual.

i) Causar accidentes graves por imprudencia ou neglixencia inescusables.

j) Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

k) A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor.

l) Orixinar frecuentes liortas e pendencias cos compañeiros de traballo.

m) A reincidencia en falta grave, aínda que as correspondentes infraccións sexan de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun período de seis meses a partir da primeira falta da citada graduación.

Sancións.

As sancións máximas que se poderán impor en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

Por faltas leves: amoestación por escrito.

Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de dous a dez días. Requirirá comunicación escrita motivada ó traballador.

Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de once a trinta días. Traslado forzoso. Despedimento. Requirirá tramitación de expediente, no que será oído o traballador afectado.

Prescrición: as faltas leves prescribirán ós dez días; as graves, ós vinte días, e as moi graves ós sesenta días a partir da data en que a empresa tivo

coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a deslealdade ou o abuso de confianza prescribirán ós 18 meses da comisión do feito.

Artigo 44º.-Premios de permanencia.

A empresa concederá un premio de permanencia en posto de traballo que se distribuirá da seguinte forma:

a) Unha mensualidade para aquel traballador que cumprise 20 anos na empresa.

b) Unha mensualidade para aquel traballador que cumprise 30 anos na empresa.

Capítulo VII

Réxime social

Artigo 45º.-Seguro de accidentes.

A empresa e os traballadores comprométense a estudia-la fórmula para posibilita-la contratación dun seguro colectivo que cubra os danos dos vehículos propios usados durante a xornada laboral.

Artigo 46º.-Recoñecemento médico.

A empresa levará a cabo polos servicios médicos adecuados un recoñecemento médico xeral anual a tódolos traballadores. Este recoñecemento será de carácter obrigatorio.

Igualmente, a empresa facilitará a tódalas persoas que traballen en videoterminais unha revisión oftalmolóxica anual en colaboración coa mutua contratada.

Capítulo VIII

Da representación dos traballadores

Artigo 47º.-Falcutades e garantías sindicais.

Contemplaranse as facultades previstas no Estatuto dos traballadores e demais normativa laboral.

Disposicións adicionais

Primeira.-Comisión paritaria de vixilancia.

A misión da comisión paritaria será a vixilancia e control do cumprimento de tódolos epígrafes deste convenio-sen prexuízo da competencia que a este respecto corresponda á autoridade laboral ou xurisdicción competente-, e terá atribucións para resolver tódalas cuestións que poidan suscitarse canto á interpretación e aplicación do establecido nel.

A interpretación, vixilancia e cantas actividades tendan á eficacia práctica do convenio serán realizadas por unha comisión paritaria formada por dous representantes, un designado pola representación empresarial e outro pola representación dos traballadores. A comisión designará de entre os seus membros un secretario e poderá utiliza-los servicios permanentes ou ocasionais de asesores nas materias que sexan da súa competencia. Os asesores serán

nomeados polas partes compoñentes da comisión e participarán con voz pero sen voto.

Funcións.

A comisión, que será única para todo o ámbito do convenio, terá como específicas as seguintes funcións:

a) Interpretación do convenio.

b) Vixilancia do cumprimento do pactado.

c) Conciliación nos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas polas partes.

d) A intervención da comisión nas materias antes referidas será preceptiva, sen prexuízo da liberdade que asiste ás partes para acudiren á autoridade ou xurisdicción competente.

e) Procedemento de actuación. Cada parte formulará á súa respectiva representación as cuestións que se susciten en relación cos puntos sinalados no enunciado das súas funcións.

f) No caso de ausencia dalgúns dos membros da comisión, este será substituído por outro nomeado por cada parte de entre os seus representados. A comisión reunirase nun prazo non superior ás 72 horas de días hábiles, sempre que o solicite algunha das partes, logo de comunicación escrita.

Ámbalas representacións terán de ser elixidas e comunicadas á outra parte ós sete días da publicación deste convenio colectivo no Boletín Oficial da Provincia.

O prazo para emiti-la resolución que se tome será de cinco días contados desde a súa reunión.

Os acordos adoptaranse por maioría absoluta e serán comunicados ós interesados mediante copia da acta da reunión.

Segunda.-Pactos complementarios.

Declárase expresamente a validez e eficacia de todos aqueles pactos subscritos entre a dirección e o comité de empresa desenvolvidos dentro do marco do convenio que estean vixentes na actualidade ou que se poidan subscribir no futuro, na medida en que non contraveñan o estipulado neste convenio.

Terceira.-Dereito supletorio.

Para todas aquelas materias que no fosen obxecto de regulación específica no presente convenio, observarase o que sobre elas estableza o vixente Estatuto dos traballadores, a LOLS e demais disposicións de carácter xeral que puidesen resultar aplicables, así como os costumes e usos no seo da empresa.

Cuarta.-Disposición derradeira.

Ó persoal con antigüidade anterior ó 19 de novembro de 1998 respectaránselle tódolos dereitos salariais adquiridos.